 |
Inicio /
Juan Martín Sauras

Juan Martín Sauras
Andorra 1896 -
Zaragoza 1969
Un químico aragonés innovador en Compostela
Untitled Document
|
|
|
Documento sin título
|
Extras de Juan Martín Sauras
|
 |
|
|
|
 |
Bibliografía...
GÓMEZ ARANDA, V.: “Martín Sauras, amigo”, Zaragoza, XXXI. 1970
VV.AA.: Gran Enciclopedia Aragonesa: “Juan Martín Sauras”, Zaragoza, Unión Aragonesa del Libro. 1981
MARTÍN ZORRAQUINO, Mª ANTONIA: “Juan Martín Sauras, nombre para la biblioteca de su pueblo”, Cierzo, Zaragoza, novembro. 1984
VV. AA.: Juan Martín Sauras. Andorrano ejemplar. Conmemoración de un centenario (1896-1996), Concello de Andorra (Teruel). 1996
GURRIARÁN RODRÍGUEZ, RICARDO: Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Do influxo institucionista e a JAE á depuración do profesorado, Santiago, Servizo de Publicacións da USC. 2006
|
|
Ámbitos de ocupación:
Investigación / Científico
Docente
|
Era o sexto fillo dun estanqueiro levantino afincado en Andorra (Teruel). Logo de facer os estudios primarios na súa vila natal, trasladouse a Zaragoza a facer o bacharelato. Admirador de notables científicos aragoneses como Cajal, axiña se interesa polas ciencias experimentais. Con vinteún anos obtén a licenciatura en Ciencias Químicas, na capital aragonesa (1917).
Pertencía á coñecida escola de química da Facultade de Ciencias de Zaragoza (Savirón, Calamita e Rocasolano), probablemente unha das máis prestixiosas institucións universitarias de investigación na década dos 20 do pasado século. Desde 1918 contaba co Laboratorio de Investigacións Bioquímicas de onde saíron significados docentes e investigadores como Catalán, Bermejo Vida, Albareda, e o propio Martín Sauras. Este, logo de ler a súa tese (“Investigaciones sobre adsorción”, 1923; publicada en 1928 na Revista de la Academia de Ciencias de Zaragoza), axiña se incorpora ao cadro de persoal docente como profesor auxiliar de Química Inorgánica. Naqueles anos, seguindo as instruccións do seu mentor Rocasolano, que profesaba adoración pola ciencia alemana como referente, e aproveitando os orzamentos transferidos da JAE ás universidades (Decreto de Autonomía Universitaria de Silió, 1919), en 1928 se despraza a Frankfurt e ao Institut für Kolloidium Forschung de Múnic, dirixido polo prestixioso químico alemán Bechhold. Tamén ampliou a súa formación co Premio Nobel Zsigmondy, en Alemaña, con quen estudou a natureza das solucións coloidais. Pois ao ano seguinte fora comisionado pola Universidade de Zaragoza para representala no Deutsche Chemische Gesellschaft de Kekule. Logo de realizar media ducia de memorias de investigación, ese mesmo ano se presenta as oposicións de cátedra e obtén o seu destino na nova Sección de Química da Facultade de Ciencias de Santiago (Química Inorgánica). Onde vai desenvolver a docencia de xeito continuado desde a súa toma de posesión en xaneiro de 1930 ata a finalización do curso 1935/36, que se despraza a Zaragoza por concurso de traslados. Non había moito tempo que casara coa primeira muller aragonesa que acadara o doutoramento en Ciencias Químicas, María Antonia Zorraquino (1931), con quen tivo dous fillos.
A súa chegada a Santiago foi en tempos de certa convulsión e cambio, pois nese mesmo ano Rodríguez Cadarso, desde a reitoría, vai a encetar un proceso modernizador da institución universitaria, ao que se suma Sauras. Vai formar parte dese grupo de innovadores que puxo a Química en Compostela a nivel internacional. O ensino activo, pegado ao laboratorio, a formación de grupos de traballo estables, o excursionismo didáctico e a interdisciplinariedade foron as súas principais ferramentas. A nivel institucional, formou parte do Padroado do Instituto de Estudos Rexionais, organismo que puxera en marcha Cadarso para activar a investigación coa perspectiva de “facer país”. E da Xunta de Goberno da Universidade de Santiago. Amante do deporte, particularmente do fútbol (foi un dos fundadores do Zaragoza C.F.), impulsou a práctica deportiva entre a mocidade universitaria de Santiago, coa colaboración doutros profesores novos como Charro, Calvet e Gironés. Durante o verán de 1931 visitou varias universidades suízas para realizar estudos de orientación e organización das ensinanzas da Química, cunha bolsa do Padroado da Universidade de Santiago.
Tamén tivo unha actitude política de compromiso en defensa da democracia e o socialismo cara acadar unha sociedade máis xusta. En 1931 se presentou as Cortes Constituíntes, para optar como deputado por Teruel polo PSOE, partido no que militaba desde os anos 20. Admiraba con veneración a figura de Julián Besteiro. En Santiago colaborou estreitamente coa Agrupación Socialista local deste partido, impartindo charlas públicas; tamén estaba afiliado á UGT. Chegou a ser vicepresidente do partido en Compostela en xullo de 1931.
Logo da Guerra Civil, dadas as súas ideas e compromiso, sufriu un proceso de depuración que o levou a un campo de concentración para realizar traballos forzados, de xeito humillante (segundo o seu biógrafo Eloi Fernández Clemente), logo de ser apartado por un tempo da docencia, suspendido de emprego e soldo. Tamén estivo nun tempo no cárcere de Ateca, en 1937, xunto a outros docentes zaragozanos. Seus mentores científicos en Zaragoza, que ocupaban a cúpula depuradora do profesorado universitario (Calamita e Rocasolano; este último Presidente da Comisión A, fervorosos conservadores militantes, e antiinstitucionistas), coñecedores da súa bondade e a ecuanimidade que o caracterizaba (como case todos os profesores que foron sancionados), minimizaron as penas que nun principio se solicitaban para Martín Sauras. Mais esa intervención non o librou de ter sancións en cascada, posteriormente, en 1940: multas e inhabilitación para ostentar e desempeñar cargos ata 1949, polo Tribunal de Responsabilidades Políticas.
Coma todos os discrepantes coa ditadura que aquí quedaron, "capitidiminuído" no persoal e internamente abatido, aínda que o seu carácter alegre e a súa bonhomía axudaron moito a soportar a súa situación, logo da Guerra Civil seguiu impartindo docencia en Zaragoza ata a súa xubilación en 1967. Chegou a ser decano de Ciencias (1964/67), desde onde manifestou as súas ideas contrarias á ditadura franquista. Con anterioridade foi Administrador Xeral da Universidade de Zaragoza (1949/60). Nesta Universidade leu a lección inaugural do curso 1956/57: “Los medios en la investigación”.
Dirixiu varias teses e dous discípulos del acadaron cátedra universitaria. Nos anos 50, estando Ruíz Giménez de Ministro, recibiu a Encomenda con placa de Alfonso X. Era membro da Academia de Ciencias de Zaragoza desde 1936. Fumador empedernido, Martín Sauras morreu dun cancro de pulmón en 1969, en Zaragoza, pouco tempo despois da súa xubilación. Hoxe, a biblioteca de Andorra leva o seu nome. Fora creada pola súa iniciativa en 1933, doando unha boa cantidade de libros.
Como investigador, as publicacións máis salientables na produción do profesor Martín Sauras foron os seus estudos sobre absorción dos ións calcio e manganeso polas proteínas do soro sanguíneo (tese citada); e os seus traballos sobre a preparación de tiosulfatos, tetrationatos, arxentotiosulfatos e aurotiosulfatos.
Autor/a da biobibliografía: Ricardo Gurriarán Rodríguez
|
Obra
de Juan Martín Sauras
Trabajos del Laboratorio de Investigaciones Bioquímicas de Zaragoza na Revista de la Academia de Ciencias de Zaragoza (1923/29)
Boletín de la Universidad de Santiago USC. 1935
|
|
|