 |
Inicio /
Paulino Suárez

Paulino Suárez
Cecillón (Taboada) 1884 -
Cecillón (Taboada) 1970
Destacado especialista en viroloxía
Untitled Document
|
|
|
Documento sin título
 |
Bibliografía...
Libro de la primera reunión de profesores universitarios españoles emigrados, La Habana, Tall. Tip. “La Mercantil”. 1944
FAGEN, P.W., Transterrados y ciudadanos, México, Ed. Fondo de Cultura Económica. 1975
PARDO GÓMEZ, F., “El doctor Paulino Suárez”, El Progreso, Lugo, 16 de agosto.
FANDIÑO VEIGA, X. R., GURRIARÁN RODRÍGUEZ, R., Juan López Suárez ou “Xan de Forcados”. Home de ciencia e impulsor das melloras culturais en Galicia, Sada-A Coruña, Ed. do Castro. 2003
GURRIARÁN RODRÍGUEZ, R., Gurriarán Gurriarán (1904-1975), O Barco de Valdeorras, Ed. IEV. 2005
GURRIARÁN RODRÍGUEZ, R., Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Do influxo institucionista e a JAE á depuración do profesorado, Santiago, Servizo de Publicacións da USC. 2006
|
|
Ámbitos de ocupación:
Medicina
|
Médico coma seu curmán Xan López Suárez (Xan de Forcados). Estudou medicina en Madrid, rematando a súa licenciatura en 1908. Cos aforros que acadou no exercicio libre da profesión, solicitou en 1913 a consideración de pensionado á JAE para realizar estudos de Hixiene, Química da Inmunidade e Bacterioloxía en Alemaña, trasladándose a universidade de Estrasburgo. Por consello de López Suárez fixo primeiro estudios básicos para centrarse despois nas relacións entre a alimentación e a aparición da pelagra. No verán de 1913 trasladouse a Múnic, onde traballou en análises químicas no laboratorio particular dos doutores Bender y Hobein. Despois de visitar varias cidades alemanas regresou a Estrasburgo a principios de outubro, convencido de que esta era a universidade que lle ofrecía mellores condicións para aprender. O seus mestres máis sobranceiros neste período foron o profesor Hofmeister, con quen estivera seu curmán, que levaba o laboratorio de química fisiolóxica, e o profesor Uhlenhuth, con quen facía prácticas de hixiene e bacterioloxía e que o levaba todas as semanas de excursión a escolas, barrios obreiros, depósitos de auga, canalizacións, fábricas... O estalido da I Guerra Mundial fixo derivar a súa actividade cara o estudo da purificación da auga e a contención de epidemias aínda que finalmente tivo que interromper a súa estadía, regresando a España no Nadal de 1914.
En 1915 chegou a Berna cunha bolsa da JAE, ao “Institut zur Erforschung der Infektionskrankheiten” no que continuou cos seus estudios sobre a pelagra, publicando un artigo na revista Biocemische Zeitschrift. Na capital suíza estivo con Kolle e máis con Tomarkin, que levaba a sección de vacinación do instituto, con quen fixo tamén un artigo no que describe a aparición de precipitinas en animais vacinados e no home. A estadía prolongouse por vinte meses ata setembro de 1917. Xa de volta en Madrid, leu a súa tese de doutoramento que versaba sobre a etioloxía da pelagra. En 1921 foi nomeado director do laboratorio de Bacterioloxía e Seroloxía da Residencia de Estudiantes de Madrid, onde os alumnos e alumnas se iniciaban nas prácticas bacteriolóxicas facendo estudos sistemáticos das bacterias patóxenas e reaccións de inmunidade con aplicación á clínica. Para este labor colaborou estreitamente con Pío del Río Hortega e Pittaluga. Pouco máis tarde accedeu a unha auxiliaría na Facultade de Medicina, despois de ser axudante un tempo, en Fisioloxía (1927-1934). Logo de asentarse na rede da JAE como xefe de laboratorio e como informador de bolseiros, en 1932 foi nomeado director adxunto da Residencia de Estudiantes, que estaba rexida por Alberto Jiménez Fraud. Nesta casa fixo labores titoriais, nomeadamente con alumnos galegos. Este cometido tamén o realizou na Residencia de Señoritas.
Durante a II República exerceu o cargo de conselleiro de Sanidade. Neste tempo representou a España nalgúns foros internacionais.
A Guerra Civil mudou completamente a vida do científico, pois desde o seu posto na Residencia mediou cos milicianos para que respectaran a vida de científicos e intelectuais liberais. Pouco despois do inicio da Guerra Civil, Paulino Suárez marcharía cara o exilio, non sen antes facer algunha misión secreta en Francia, por encargo de Negrín, con quen estivera na súa cátedra na Universidade Central.
Primeiramente estivo en Oxford, logo dunha curta estadía en México, asentouse definitivamente na Habana, ata o seu regreso a España, principiando a década dos 50. Deu clases na Universidade da Habana. No tempo en que estivo en Cuba participaría na organización da Reunión de profesores universitarios españois no exilio/emigrados (UPUEE, 1943), á que se adheriron outros galegos como Xosé Rubia Barcia, Alejandro Otero, Jesús Vázquez Gayoso, Leoncio Jaso Roldán, ou o que fora catedrático da Facultade de Farmacia de Santiago, Francisco Giral. Paulino Suárez foi relator e formaría parte do Secretariado Técnico desta reunión.
Regresou a España na década dos 50, asentándose na terra que o vira nacer (Taboada). Logo de tomar contacto con xente do entorno institucionista, asistiu ao xantar de antiguos residentes, celebrada en Santiago na primavera de 1963 (Hostal dos Reis Católicos).
Paulino Suárez, ao igual ca seu curmán Xan López Suárez, con quen se iniciara na andaina científica, morreu nas terras do Saviñao no ano 1970.
Autor/a da biobibliografía: Ricardo Gurriarán
|
|
|