culturagalega.org
Álbum de mulleres | Inicio
Inicio / Luciano Seoane

Luciano Seoane
Ferrol 1876 - A Coruña 1955
Un coidadoso reformador da educación primaria
Untitled Document
Inicio
1907, Un ano para a
cultura científica
Indice alfabético
Castelao
Antonio Baltar
María Barbeito
Fermín Bouza Brey
Fernando Calvet Prats
José Casares Gil
Aniceto Charro Arias
Evaristo Correa Calderón
Pedro Couceiro
María Victoria Díaz Riva
Manuel Díaz Rozas
Rafael Dieste
Fernández de la Vega
Xosé Filgueira Valverde
Cruz Gallástegui
José García-Blanco
Gonzalo Gurriarán
José Gutiérrez del Arroyo
Luís Iglesias
Sara Leirós Fernández
Florentino López Cuevillas
Carmén López-Cortón
José Pérez López-Villamil
Eloy Luís André
Maruxa Mallo
Juan Martín Sauras
Manuel Martínez-Risco
Sofía Novoa
Roberto Nóvoa
Alejandro Otero
Paz Parada Pumar
Isidro Parga Pondal
Marcelino Pedreira
Vicente Risco
Ramón Rodríguez Somoza
Ernesto Seijo Espiñeira
Luciano Seoane
Ramón Sobrino Buhigas
Emilio Sotelo Rey
Paulino Suárez
Osorio- Tafall
Ramón Tenreiro
Olimpia Valencia
Manuel Varela Radío
Salvador Velayos
Eduardo Vincenti Reguera
Xoán Vicente Viqueira

Un proxecto de:

Consello da Cultura Galega

¿Comentarios?
redaccion@consellodacultura.org


39_ac_ret.jpg Documento sin título
Bibliografía...

COUCEIRO FREIJOMIL, A., Diccionario bio-bibliográfico de escritores, Santiago de Compostela, Bibliófilos Gallegos, 1954, III vol.

COSTA RICO, A., Escolas e mestres. A educación en Galicia: da Restauración á IIª República, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1989.



Este “competente e celoso” inspector de educación primaria, como en ocasións foi cualificado, naceu en Ferrol en 1876 e morreu na cidade d´A Coruña o 5 de xullo de l955, despois de ter desenvolvido unha intensa actuación no campo da educación.

Unha vez realizados os estudos de maxisterio na Escola Normal de Santiago de Compostela e aprobadas as oposicións para mestre nacional, comezou a exercer o maxisterio na escola da Graña, localidade da ría de Ferrol, pasando de seguida a unha das escolas públicas desta cidade. Despois de realizar o curso de estudos de ampliación na Escola Superior do Maxisterio de Madrid e aprobadas as oposicións ao corpo de inspectores de ensino primario, quedou vinculado á provincia d´A Coruña, atendendo especificamente como zona de inspección ás escolas e ao profesorado de Ferrolterra, ata que no tempo da IIª República se trasladou á zona de Santiago de Compostela. En 1936, sen seren home de partido político, nin tampouco ter mantido unha actividade pública “republicanista”, foi, con todo, expedientado e destituído, dedicándose posteriormente á actividade docente desde a recoñecida Academia Galicia da cidade da Coruña.

Luciano Seoane Seoane encarna moi adecuadamente as virtudes de laboriosidade, actividade e valoración da función social do ensino, que proclamaban os máis destacados expoñentes do rexeneracionismo español decimonónico, ao que engadiu algunha preocupación rexionalista, se ben non explicitada no referido á lingua galega.

Foi, pois, un rexeneracionista e, por tanto, un reformista social. Así, a súa actuación profesional, como docente primeiro e como inspector despois, estivo guiada por unha constante valorización do papel reformador da escola, pola esixencia das máis imprescindíbeis condicións infraestruturais das escolas primarias públicas, e pola preocupación pola formación e actuación profesional dos docentes. En tal senso, despregou ao longo do seu desempeño, unha múltiple actividade cómo docente e como inspector, como conferenciante e ateneista, que non desprezou ningún foro público para facer campaña educacional, e como estudoso e publicista, que non dubidou en someter os seus coñecementos á revisión académica.

Como conferenciante e desde 1904 subiu en distintas ocasións ao estrado do Ateneo Ferrolano, do Centro Obreiro de Cultura, da Cámara de Comercio e Navegación, da Sociedade de Agricultores de Fene, e do Círculo Socialista de Esteiro; e pronunciou interesantes conferencias con ocasión dos Congresos Pedagóxicos de 1906 en Santiago, de 1919 n´A Coruña e de 1923 en Lugo. A temática das diversas disertacións fixo relación a asuntos como o analfabetismo, a emancipación e a educación das mulleres, a formación e a dignificación do maxisterio primario, a situación das escolas rurais en Galicia e ás institucións complementarias da escola primaria.

Como publicista chegou a ver editados varios dos seus ensaios e traballos curtos relacionados coas escolas rurais, coas colonias escolares, co papel da escola en relación coa loita contra a tuberculose e o alcoholismo, e co estudo das achegas pedagóxicas de Concepción Arenal. De todos modos, escribiu un singular monllo de traballos que en parte presentou a distintos certames académicos e pedagóxicos, chegando a acadar en varios casos (Barcelona, Valencia) primeiros premios ou recoñecementos. A temática destes traballos inéditos atendeu a cuestións como: as aptitudes dos nenos, a implantación da coeducación en España, a orixe e historia das Escolas Normais, o valor educativo das mutualidades escolares, e a xestión das Xuntas Locais de instrucción primaria.

A súa relación coa Junta de Ampliación de Estudios comezaría en 1914 ao solicitar unha bolsa de viaxe ao estranxeiro, que non lle foi concedida probábelmente dado o inicio das actividades bélicas en Europa pero, en troques, gozou dunha bolsa para unha viaxe en grupo, realizada por un grupo de inspectores españois en 1921, podendo visitar distintos establecementos docentes de Francia e Bélxica.

Luciano Seoane, preocupado polo coñecemento social das beneficiosas colonias escolares para nenos pretuberculosos e de feble saúde, foi o gran impulsor das colonias escolares ferroláns desde 1924, ao lograr a constitución do Patronato de Colonias Escolares de Ferrol, organismo que desde aquel ano e ata 1936 enviou continuamente grupos de escolares en colonias ás terras de Pontedeume e de Cedeira.

Por todo o anterior, é un bo exemplo do ethos e do espírito reformador co que actuaron un amplo número de inspectores da educación neste período: como servidores públicos e funcionarios do Estado realizaron un exercicio profesional reformista, distanciado do conservadurismo, pero tamén do máis marcado progresismo social de acentos republicanos. E como tal traemos a esta fiestra a súa figura.


Autor/a da biobibliografía: Antón Costa Rico


Obra de Luciano Seoane
 
La escuela rural: fin, contenido, alcance y relaciones con la población agrícola de la escuela rural. Memoria premiada en el primer concurso anual…,Ferrol, 1905, Imp. De El Correo Gallego.

“Proyecto razonado de ingresos y gastos para la organización de una colonia escolar en el distrito del El Ferrol”, en CENTRO OBRERO DE CULTURA, Obras premiadas en el Certamen Científico- Sociológico…,Ferrol, 1917, Imp. De El Correo Gallego.

Untitled Document
 

Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
RCG - Audio
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal


Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org