Ámbitos de ocupación:
Docente
Pedagoxía
|
O profesor compostelán Marcelino Pedreira Fernández, nado en 1880, despois de cursar os seus estudos primarios e de asistir ás aulas de francés e de comercio, que se impartían na Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, realizou entre 1894 e 1897 os estudos de maxisterio na Escola Normal, facendo de seguido o Grao Normal na Escola Central de Mestres en Madrid, onde obtivo as máximas cualificacións. Neste tempo de formación e en contacto con destacados profesores, como foron Luís L. Elizagaray, Manuel B. Cossío, Agustín Sardá e Rufino Blanco, foi construíndo a súa circia vocación e profesionalidade pedagóxica.
O seu primeiro exercicio docente no nacente século XX tería lugar en Santiago, na súa Escola Normal e tamén no Instituto da cidade, sendo a fins de 1902 cando se incorporará á cidade de A Coruña, o seu espazo de actuación profesional de por vida. No mesmo primeiro curso de 1902-1903 imparte ademais clases noturnas gratuítas para obreiros, e no verán de 1903 será por vez primeira mestre animador das colonias escolares fundadas, quen sabe se coa habelencia de D. Manuel Bartolomé Cossío, un ano antes, contando coa dirección do eumés e home da “Institución Libre de Enseñanza” José Gutiérrez del Arroyo. Falamos das “Colonias escolares de niños pretuberculosos” e do Patronato Local de Colonias de A Coruña, arredor das que se moveron Evi de Rodríguez Pastor, Mercedes Tella e Rodrigo Sanz, todos figuras prestixiosas. Marcelino Pedreira, ademais de mestre ata 1950 no colexio da rúa do Orzán -que é hoxe un fermoso edificio modernista recuperado para funcións educativas-, será director das colonias desde 1906 e ata 1936, sen fallar un ano, nun exercicio de educación social de forte transcendencia para a infancia.
Máis actividades desenvolvería no campo educativo. En 1904 será profesor substituto de caligrafía e pedagoxía no Instituto da cidade. Desde 1906 será secretario da asociación de mestres do partido xudicial de A Coruña. Viaxa a Europa cunha bolsa de estudos da Xunta de Ampliación de Estudos en 1912, traendo canda si un fervedoiro de novas ideas e de propostas para experiencias de pedagoxía activa. Casa en 1921 e chegará a ter 21 fillos. Participa no Congreso Pedagóxico da cidade de 1926 e nas primeiras actividades do Museo Pedagóxico Rexional con sede no Colexio da Guarda, e aínda participará, tenuemente, en varias das actividades emprendidas pola asociación republicana de mestres “Vanguardia Pedagógica”. Porén, non se destacaría nas actividades socio-políticas “republicanas”, polo que puido continuar a súa acción durante o franquismo, sen esquecerse nunca desa orientación súa de apoio constante ás xentes humildes, polo que foi un mestre ben querido popularmente.
Deberemos destacar a súa viaxe de estudos pedagóxicos polo impacto que nel causou e pola transcendencia para a acción didáctica posterior. Despois dunha estadía de formación previa realizada na Residencia de Estudantes de Madrid, viaxaría a fins de 1912, durante dous meses, visitando centros educativos de Francia, Bélxica e Suíza; das cidades de Gante, de Liexa, de Amberes, de Bruxas, de Zúrich –onde visitará o Pestalozzianum, que aínda hoxe garda a memoria do gran pedagogo Pestalozzi-, de Berna, de Neuchâtel, de Xenebra e de Lyon. Por todas partes foi apreciando os gabinetes e laboratorios de física e química e de ciencias naturais, as bibliotecas escolares, os talleres de actividades manuais, as aulas de música e de ximnasia rítmica, a decoración das paredes dos centros con cadros e pinturas, as escolas de montaña, as aulas de educación especial, o Museo Escolar de Berna, os aparatos de proxección de corpos luminosos (el mercará un para o colexio da rúa do Orzán) que os profesores utilizaban para as súas aulas, o mobiliario para o traballo dos nenos en equipo, como o observado na escola de Iverdon, que fora a de Pestalozzi, e que Marcelino Pedreira trasladará logo a súa escola de A Coruña… A viaxe foi igualmente ocasión para visitar as escolas de Xenebra, para asistir alí a proxeccións sobre as escolas alemanas ao aire libre, e para escoitar a Alice Descoeudres no Institututo Pedagóxico J. J. Rousseau, que comezaba a ser a gran escola europea de formación avanzada do profesorado.
A súa atención foi reclamada por moitos aspectos, tal como deixou constancia nunha primorosa memoria manuscrita de pequeniña e ben formada letra, toda ela expresión das múltiples emocións sufridas por un mestre de orixes humildes e que case non se movera anteriormente da xeografía local reducidamente urbana de Galicia.
Na súa escola de A Coruña cambiaría o mobiliario, poderíase asistir nela andando o tempo ás sesións cinematográficas, alí habería un pequeno museo de ciencias naturais, un banco de carpintería, e o recanto dos exploradores para as saídas escolares; as fiestras albergarían case cincuenta macetas con plantas que había que coidar, regar, ou transplantar…; a escola contaría así mesmo cun termómetro e un barómetro, e cun aparato de proxeccións de postais; formarían parte dos programas a ximnasia sueca, a lectura de páxinas literarias, ou o canto, ademais das leccións de cousas, o cultivo do cálculo matemático e o abondoso uso de esquemas e de gráficos.
É, así, Marcelino Pedreira un dos bos exemplos de mestres con conciencia profesional existentes na Galicia do primeiro terzo do século XX, que se viu auxiliado, entre outras circunstancias, polo labor desempeñado pola “Junta de Ampliación de Estudios”, aínda que Pedreira non deixou publicado máis que un par de breves artigos en revistas pedagóxicas e algunhas notas en prensa.
Autor/a da biobibliografía: Antón Costa Rico
|
|