 |
Inicio /
Olimpia Valencia

Olimpia Valencia
Baltar 1898 -
Vigo 1987
A primeira doutora galega
Untitled Document
|
|
|
Documento sin título
 |
Bibliografía...
SIMÓN LORDA, D., Médicos ourensáns represaliados na Guerra Civil e na posguerra. Historias da “longa noite de pedra, Ed. Fundación 10 de Marzo. 2002.
SOREL Entrevista, Faro de Vigo, 20 de novembro 1971. 2002
GURRIARÁN RODRÍGUEZ, R., Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Do influxo institucionista e a JAE á depuración do profesorado, Santiago, Servizo de Publicacións da USC. 2006.
|
|
Médica, xinecóloga. Naceu en Baltar, Ourense. Era a única filla dun industrial hostaleiro ourensán asentado en Vigo desde 1910. Logo de facer os primeiros estudos na cidade olívica, fixo Maxisterio, preparándose por libre na Academia Minerva. Non sendo a docencia a súa vocación, e apoiada polos seus pais, decide facerse médica. Trasladouse a Santiago en 1919 para cursar a carreira de Medicina, licenciándose en 1925, con premio extraordinario e dezanove matrículas de honra. Nese mesmo ano foi a Madrid a facer a tese de doutoramento, todo un fito para unha muller naquel tempo. O catedrático de Obstetricia doutor Recaséns vai ser o seu director e principal mestre. A memoria de doutoramento, presentada en 1930, levaba por título: “La colesterinemia en la sangre en relación con la anestesia quirúrgica”.
En Madrid, de seguida entra en contacto cos apéndices institucionistas, botando tres anos aloxada na Residencia de Señoritas da rúa Fortuny, onde tamén vai exercer outras funcións para gañar unha bolsa co fin de custearse a estancia. No curso 1926-27 imparte clases de cultura xeral ás residentas. No seguinte curso é nomeada médica titular do Instituto Escuela, institución docente experimental xurdida do entorno da JAE.
En 1928 trasládase a Vigo. Puxo en marcha un consultorio de medicina xeral e de xinecoloxía, na rúa do Príncipe onde vai exercer a profesión ata a súa xubilación, non exenta de dificultades ao principio pola súa condición de muller. Mais iría gañando prestixio ata consolidarse definitivamente, pois a súa especialidade, enfermidades da muller, foi das máis axeitadas para exercer a medicina sen prexuízos naquel primeiro tercio do século XX, onde o contacto corporal entre xéneros diferentes, aínda que profesional, estaba considerado pouco menos que maldito. Olimpia mantén conexión coa investigación e se preocupa por contactar coas técnicas e os avances médicos que se estaban a dar no estranxeiro, pois en 1929 solicita unha consideración de bolseira á JAE para ir a ampliar coñecementos en clínicas xinecolóxicas de Alemaña e Suíza.
Foi unha das fundadoras da Academia Médico Quirúrgica de Vigo (1930), institución onde chegou a ser vicepresidenta (1935), labor de gran significado na participación feminina galega en foros profesionais, con cargos de responsabilidade na xestión e na representatividade. Dentro da súa actividade investigadora, en 1929, presentou un relatorio nas I Jornadas Médicas Gallegas (A Coruña, 1929). Logo fixo unha comunicación na Academia de Vigo, en 1934, que levaba por título: “La mujer gallega ante el homenaje a Paz Pardo”. Tamén foi unha das fundadoras da Alianza Francesa de Vigo.
Olimpia Valencia era unha muller de ideoloxía de esquerda, comprometida co seu país e co seu xénero, sendo das primeiras profesionais galegas que loitaron por normalizar a condición feminina na nosa sociedade. Tiña grandes inquedanzas culturais e intelectuais, mantivo contacto con Paz Andrade e con Álvaro de las Casas. A súa sinatura encabezou manifestos públicos a prol das candidaturas galeguistas de Pontevedra e do Plebiscito do Estatuto Galego de xuño de 1936. Por estes motivos, durante a Guerra Civil, foi detida en 1937, acusada de galeguista e de ter relación con xente de esquerdas. A partir desta mudou o seu campo de relación profesional e persoal, vendo como minguaba a súa consulta ao ser acusada de “roxa”. Pese a ter excelentes informes persoais e un labor profesional sen tacha, non foi suficiente para evitar que fose sinalada durante a dura e longa posguerra. Esta situación condicionou a Olimpia para o resto dos seus días, centrándose na vida familiar e profesional, e no estudo, cunha significada discreción.
Esta notable doutora, a primeira que deu Galicia, de grande calidade humana e unha adiantada do seu tempo morreu solteira en Vigo en 1987, cidade onde exercera a profesión durante case sesenta anos, compartindo o exercicio público e privado na especialidade de xinecoloxía.
Autor/a da biobibliografía: Ricardo Gurriarán
|
Obra
de Olimpia Valencia
“Variaciones que experimenta la colesterina en la sangre, en relación con la anestesia quirúrgica”, I Jornadas Médicas Gallegas (A Coruña). 1929.
“La colesterinemia en la sangre en relación con la anestesia quirúrgica”. Tese de doutoramento, Madrid. (Resumo na revista Medicina, 1931)
“La mujer gallega ante el homenaje a Paz Pardo”, Anales de la Academia Médico-Quirúrgica de Vigo. 1934.
|
|
|