culturagalega.org
Álbum de mulleres | Inicio
Inicio / Xoán Vicente Viqueira

Xoán Vicente Viqueira
Madrid 1886 - Bergondo 1924
Un impulsor da galeguización do ensino
Untitled Document
Inicio
1907, Un ano para a
cultura científica
Indice alfabético
Castelao
Antonio Baltar
María Barbeito
Fermín Bouza Brey
Fernando Calvet Prats
José Casares Gil
Aniceto Charro Arias
Evaristo Correa Calderón
Pedro Couceiro
María Victoria Díaz Riva
Manuel Díaz Rozas
Rafael Dieste
Fernández de la Vega
Xosé Filgueira Valverde
Cruz Gallástegui
José García-Blanco
Gonzalo Gurriarán
José Gutiérrez del Arroyo
Luís Iglesias
Sara Leirós Fernández
Florentino López Cuevillas
Carmén López-Cortón
José Pérez López-Villamil
Eloy Luís André
Maruxa Mallo
Juan Martín Sauras
Manuel Martínez-Risco
Sofía Novoa
Roberto Nóvoa
Alejandro Otero
Paz Parada Pumar
Isidro Parga Pondal
Marcelino Pedreira
Vicente Risco
Ramón Rodríguez Somoza
Ernesto Seijo Espiñeira
Luciano Seoane
Ramón Sobrino Buhigas
Emilio Sotelo Rey
Paulino Suárez
Osorio- Tafall
Ramón Tenreiro
Olimpia Valencia
Manuel Varela Radío
Salvador Velayos
Eduardo Vincenti Reguera
Xoán Vicente Viqueira

Un proxecto de:

Consello da Cultura Galega

¿Comentarios?
redaccion@consellodacultura.org


51_ret.jpg Documento sin título
51_gal_01.jpg
51_gal_02.jpg
51_gal_03.jpg

Ver a galeria comentada

Bibliografía...

PORTO UCHA, A.S., La Institución Libre de Enseñanza en Galicia. Ed. Do Castro, Sada, 1986

TORRES REGUEIRO, X., Xoán Vicente Viqueira e o nacionalismo galego, Edic. do Castro, Sada, 1987.

COSTA RICO, A., A reforma da educación. X. V. Viqueira e a historia da psicopedagoxía en Galicia, Edic.do Castro, Sada, 1996.



Ámbitos de ocupación:
Acción político - social 
Pedagoxía 


Xoán V. Viqueira que naceu en Madrid o 22 de outubro de 1886 foi un dos grandes humanistas galegos do pasado século XX. Este neto do rexionalista Xosé Pascual López-Cortón, quen tivo dúas fillas –unha delas María Luisa, a nai de Xoán Vicente- e un fillo todos enlazados coa Institución Libre de Enseñanza, veu cos seus pais a vivir a Vixoi (Bergondo) aos seus poucos meses de vida. Foi aquí onde comezou os estudos primarios e tamén os secundarios, en Betanzos, denantes de trasladarse en 1898, con 12 anos, a Madrid para continuar estes estudos no colexio da ILE, ata acadar o grao de bacharel en 1905.

Encetou de seguida os estudos universitarios de Filosofía en Madrid, obtendo esta licenciatura en 1911. Neste momento xa Viqueira realizara dúas estancias en París (en 1902 e durante o curso de 1908-09), por mor do tratamento da súa osteomelite, de tal modo que foi en París no curso de 1908 cando compatibilizou o coidado médico coa asistencia ás aulas da Sorbona e do Collège de France escoitando as leccións, entre outras, dos sociólogos Durkheim e Bouglé, do antropólogo Levy-Bruhl, e do filósofo Bergson. Na Universidade de Madrid e na ILE puido continuar a súa formación, entre outros, co profesor de filosofía e de psicoloxía Don Francisco Giner de los Rios, con Caso e co neurofisiólogo e director do Laboratorio de Psicoloxía Esperimental do Museo Pedagógico Nacional ( dirixido por Don Manuél Bartolomé Cossío, tio de Xoán Vicente) Dr. Simarro Lacambra, un home de recias conviccións positivistas no plano científico e progresistas e laicas no plano cívico.

En Outubro de 1911 comezaría para Xoán Vicente o seu periplo de formación alemana. Quizais por instigación de Giner comezou Viqueira a súa inicial formación filosófica alemana na Universidade de Berlín, escoitando as leccións do prestixioso filósofo neo-kantiano E. Cassirer e do sociólogo Simmel, pero pronto abandona esta formación universitaria, non o campo filosófico, para iniciarse na formación psicolóxica experimental baixo a dirección do psicólogo antimarburguiano Stumpf, quen concitou os antecedentes da Escola psicolóxica da Gestaltteorie e da corrente filosófica fenomenolóxica, seguindo asemade as leccions de psicoloxía de Max Dessoir. Fíxoo, ao tempo que desde a primavera de 1912 gozaba dunha das bolsas da JAE. Un ano máis tarde irá para unha estancia curta á Universidade de Leipzig onde realizará algunha formación cun dos axudantes do profesor Wundt, o iniciador da psicoloxía experimental ( sendo impulsor dunha corrente asociacionista, analítica, elementarista e psico-fisiolóxica). Endalí volve a Berlín onde seguirá leccións do filósofo fenomenólogo E. Husserl e remata a súa tese de doutoramento en filosofía que defenderá na Universidade de Madrid.

No outono de 1913 e mediante unha renovación da bolsa da JAE retornaba Viqueira a Alemania, dirixíndose agora á Universidade de Göttingen, para continuar a súa formación como psicólogo experimental baixo a dirección de Rupp e de Müller, o director do Laboratorio universitario de psicoloxía experimental, ao tempo que seguía outras actividades académicas con D. Katz e con Riehl. O comezo da Guerra Mundial fixo que Viqueira se trasladara a Londres durante varios meses denantes de virse a Madrid como profesor no Museo Pedagóxico Nacional, onde imparte leccións de psicoloxía experimental de carácter teórico-prácticas para profesores, mentres preparara varias comunicacións científicas, e diversos traballos para a Revista General, o Boletín da ILE, os Anales da JAE e Estudio, ademais de formar parte dos Archivos de Neurobiología e de traducir un dos textos filosóficos do neo-kantiano marburguiano Paul Natorp, o prestixioso teorizador da Pedagoxía Social, tamén traducido ao español pola profesora María de Maeztu.

Sorteando as dificultades persistentes da súa enfermidade de osteomelite, e despois de aprobar oposicións como catedrático de instituto de psicoloxía, ética, e lóxica, accede á praza de profesor do Instituto de Santiago en l917, no mesmo ano no que casa coa profesora extremeña e tamén institucionista,de antecedentes portugueses, Jacinta Landa Vaz-Coronado, obtendo un traslado ao da Coruña no principio de 1918 e aquí será profesor ata a súa morte en 1924 con só 38 anos. Comezaba a nova etapa galega de Viqueira. Como docente foi autor de varios libros de texto sobre as materias de ética e de filosofía. Como membro e mesmo presidente das Irmandades da Fala da Coruña, desenvolve unha continuada, intensa, firme e lúcida acción na construción do nacionalismo político e cultural. Foi membro da laica e masónica La Antorcha Galaica del Librepensamiento. Foi tradutor ao castelán de textos filosóficos dos empiristas ingleses Hume (Tratado de la naturaleza humana) e Berkeley, e do marburguiano K. Vörlander (Historia de la filosofía, en dous tomos, 1921). No plano dos estudos de psicoloxía escribiría valiosos traballos sobre a aprendizaxe e as tendencias, que viron a luz na Revista de Pedagogía e no Boletín da ILE. Aínda en 1923 foi conferenciante por varios días no prestixioso Ateneo madrileño, onde presentou os grandes paradigmas da psicoloxía científica euro-americana de aqueles días, desde o seu ángulo de visión sostido por G. Stern e a psicoloxía do pensamento, W. James, o filósofo americano funcioanlista e pragmatista, e polo filósofo vitalista e defensor do dinamismo da conciencia Bergson, o que daría lugar a un notable libro: La psicología contemporánea, publicado postumamente en 1930. Sobre algunhas das anteriores cuestións xa publicara en 1919 Introducción a la psicología pedagógica (obra reditada en 1926).

Como membro das Irmandades da Fala foi conferenciante e ensaísta, con diversos e notables textos xornalísticos publicados en A Nosa Terra, preocupándose polos problemas educativos de Galicia, pola defensa da lingua galega e do seu ensino, e polo ser identitario do país, baixo a influencia, neste caso, da “psicoloxía dos pobos” definida por W. Wundt. Ocupouse así mesmo dos problemas da escrita do galego e preconizou a via reintegracionista. Hai que sinalar entre os seus textos, a este respecto:
” O meu programa político”, “Da renascencia lingüística”, e “Nosos problemas educativos” (1918), recollidos posteriormente con outros traballos e mesmo coa súa obra poética en galego na colectánea Ensaios e Poesías, editada de modo póstumo en l930 con introdución de Ramón Tenreiro; obra esta reeditada en 1974, con ocasión de dedicárselle nese ano o Día das Letras Galegas.

Defendeu, pois, a galeguización do ensino e unha nova educación galega; tamén a modernización dos estudos de bacharelato, o ensino da muller, a posta en marcha dunha completa e politécnica universidade en Galicia; defendeu o activismo didáctico e unha psico- pedagoxía renovada para o desenvolvemento harmónico do alumnado.

Noutra orde de cousas deixou un ensaio póstumo sobre a análise do pensamento unamuniano e manuscritos cunha nova versión de textos gregos de Teócrito. Achegouse ao pensamento dos portugueses Leonardo Coimbra, Teixeira de Pascoâes e Lópes Vieira.

A fins de agosto de 1924, por mor da súa enfermidade, morría Viqueira, sendo soterrado por vontade propia de modo civil na campa de A Lagoa, Ouces (Bergondo), momento este no que a súa dona Jacinta Landa, cos seus tres fillos regresaría a Madrid, para exercer a docencia de novo no Colexio Plurilingüe. O golpe de estado franquista de 1936 interrompeu esta estancia madrileña e logo de dolorosas peripecias, finalmente, Jacinta Landa e os tres fillos exiliaríanse a México D.F., onde morreu Jacinta Landa con 100 anos, e onde aínda viven actualmente xa na fronteira dos 90 anos os fillos na compaña doutros familiares. “Alma penetrada da beleza da Terra” foi, pois, Xoán Vicente Viqueira, figura notable e sobranceira: filósofo, psicólogo e pedagogo; internacionalista, socialista ético, institucionista e nacionalista galego.


Autor/a da biobibliografía: Antón Costa Rico


Obra de Xoán Vicente Viqueira
 
Introducción a la psicología pedagógica, Beltrán, Madrid, 1919 e 1926.

La psicología contemporánea, Labor, Barcelona, l930.

Da Galicia de mañá, Galaxia, Vigo, 1974.

Ensaios e Poesías, Galaxia, Vigo, 1974.

Untitled Document
 

Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
RCG - Audio
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal


Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org