|
|
Documento sin título
 |
Bibliografía...
GARCÍA MARTÍNEZ, M.C.: “López Cuevillas, Florentino”, en Gran Enciclopedia Gallega, T. 19, Santiago-Xixón, s.d.
TABOADA CHIVITE, X.: “Cuevillas e o seu maxisterio”, en Grial, nº 21, 1968.
VVAA, Homenaxe a Florentino L. A Cuevillas, Galaxia, Vigo, 1957.
PERICOT, LL.: “Algunos recuerdos personales de Cuevillas”, en Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense, T. 20, fasc. 1-4 (1959-1960) ; p. 45-48.
CARVALLO CALERO, R.: Historia da literatura galega contemporánea, Galaxia, Vigo, 1975, 2ª edición
OTERO PEDRAYO, R.: Florentino L. Cuevillas, Galaxia, Vigo, 1980.
|
|
Ámbitos de ocupación:
Arte e Historia
|
Florentino Cuevillas é o sistematizador científico da prehistoria galega. Despois do período xuvenil, moi achegado ao ambiente esotérico, con Risco e Otero Pedrayo decide ingresar no galeguismo: Irmandades da Fala, Seminario de Estudos Galegos, Partido Galeguista...Desde entón dedicouse abertamente ao estudo da prehistoria galega, eido no que logrou definir as características xenuínas que conforman a personalidade da pre e protohistoria galegas dentro do contexto peninsular. Nos seus estudos percibiu a unidade cultural entre Galicia e o norte de Portugal e a influencia de pobos procedentes do esteiro do Texo(Portugal), da Meseta central, e doutros fisterres atlánticos, pero fronte ás interpretacións románticas que esaxeraban o elemento céltico, Cuevillas descubriu elementos autóctonos anteriores ás culturas precastrexa e castrexa.
Florentino López Alonso-Cuevillas nace en Ourense en 1886. Fillo único e póstumo de pai pasou a infancia moi apegado a súa nai, integrante dunha tradicional familia ourensá na que confluía a xinea castelá dos Cuevillas e a dos Seara, vella estirpe ourensá emparentada coa fidalguía. Inclinado á música aprende a tocar o violín mentres fai o bacharelato no Instituto.
Concluído o bacharelato trasládase a Santiago para iniciar a carreira de Farmacia, que finalizou en 1906 e que case nunca exercería. Durante o seu ciclo universitario interesouse pola literatura ao tempo que asiste ás veladas literarias do Ateneo León XIII e ás conferencias organizadas polos alumnos das facultades de Medicina e Dereito. Xa licenciado reintégrase ao ambiente ourensán, frecuenta as reunións da Comisión Provincial de Monumentos, constituída arredor de Marcelo Macías e Vázquez Núñez, e comeza a interesarse pola historia contemporánea. En 1911 trasládase a Madrid e asiste a clases de Historia e Literatura española. Convive con Otero Pedrayo, Primitivo Rodríguez Sanjurjo e Urbano Feijoo de Sotomayor, asiste a reunións no Ateneo, a funcións de teatro e ópera e frecuenta as máis sonadas tertulias madrileñas da época, Sen embargo, ao sentirse un pouco perdido, abandona os cursos e regresa a Ourense. Arrrincona a titulación de farmacéutico e ingresa como funcionario de Facenda, destino que desempeñou sempre, agás unha estadía inicial de poucos meses en Salamanca, na súa cidade natal, onde casou con Milagros Rodríguez, coa que tivo tres fillas.
Naquel ambiente socio-cultural tiñan un papel relevante Primitivo Rodríguez Sanjurjo, animador intelectual de Risco, Pedrayo e Cuevillas, e Xulio Alonso-Cuevillas, tío de Florentino, modelo de senlleira cultura para o sobriño. Formaban parte da igrexa teosófica de Roso de Luna, vivían afastados da realidade circundante e adquiren certa aura de “raros”. Eran uns “inadaptados”, en palabras de Risco, e “os insatisfeitos do mundo que nos arrodea”, nas de Cuevillas. En 1917 fundan a revista neosófica La Centuria.
Sen que se coñezan ben os motivos, entre os que contaría a influencia que neles exerceu Antón Losada Diéguez, en 1917 a tríade formada por Risco, Pedrayo e Cuevillas decidiu implicarse no campo do galeguismo. Con eles, Cuevillas ingresou nas Irmandades da Fala, participou na creación da revista Nós, no Seminario de Estudos Galegos e incidiu desde un segundo plano na política galega de pre-guerra, pois foi designado conselleiro da Irmandade Nazonalista Galega, participou na fundación do Partido Nazonalista Republicano de Ourense e desde a creación militou con fidelidade no Partido Galeguista, sen que el e Otero Pedrayo acompañasen ao seu íntimo Risco na escisión da Dereita Galeguista. Arredor de 1920 deixa de dirixir a súa atención á Historia Contemporánea e comeza a dedicarlla á arqueoloxía, á definición da cultura xenuína e diferenciada de Galicia. En 1922 publica os seus primeiros traballos de arqueoloxía en Nós, onde publicara, no nº 1, o artigo Dos nosos tempos, que xunto ao de Risco, Nós os inadaptados (1933), e á novela de Pedrayo Arredor de si (1930), son o manifesto xeracional do cenáculo ourensán.
O nacionalismo historicista practicado por este grupo necesitaba unha apoiatura científica que permitise establecer as bases dunha cultura autóctona. Pedrayo dedicouse a estudar a terra, Risco o home e Cuevillas as orixes máis remotas. Ao pouco de se crear o Seminario de Estudos Galegos incorpórase a el e presenta como traballo de ingreso A edade de ferro na Galiza. Con axudas económicas da Comisión de Estudos de Galicia, promovida pola Junta para Ampliación de Estudios, en 1927 tomou parte da primeira viaxe arqueolóxica a través de Galicia e con Fermín Bouza Brey estudou os xacementos arqueolóxicos de Sobroso e Briteiros.
Trala guerra civil, como boa parte dos galeguistas, Cuevillas, en forzado retiro e obrigado a purgar o expediente de responsabilidades políticas, prosegue as súas investigacións e a partir de 1939, a causa dunha doenza de reumatismo articular, ten que abandonar as investigacións de campo polo que se concentra en sistematizar o momento da prehistoria galega. En 1941 ingresa na Real Academia Galega e en 1944 no Instituto de Estudios Galegos P. Sarmiento ao mesmo tempo que prepara o seu tomo sobre “Prehistoria”, que é o terceiro da Historia de Galiza, dirixida por Otero Pedrayo. Como resultado das súas investigacións, as publicacións de Cuevillas foron coñecidas e moi valoradas fóra de Galicia e foi acollido en numerosas academias e sociedades arqueolóxicas de toda Europa.
Antes e despois da guerra civil, Cuevillas cultivou o ensaio e artigos de crítica, todos cun estilo sinxelo e requintado, tendentes a recuperar a autenticidade do país, ciscados por publicacións periódicas que en 1962 foron recollidos en libro pola editorial Galaxia co título de Prosas Galegas.
Florentino López Cuevillas, o sistematizador da prehistoria galega, espírito xentil e metódico, católico afervoado, escrupuloso e mesmo atildado no seu aspecto persoal, agravada a súa doenza reumática, Floro para os íntimos, morre na súa casa da rúa de Santo Domingo o 30 de xullo de 1958. Fermín Bouza Brey, colaborador seu co que perfilou o máis remoto pasado galego, tamén foi exquisito poeta e no cemiterio de Ourense, no momento mesmo da inhumación do cadáver do seu mestre e amigo recitou o seu Requiem a Cuevillas, que remata con esta estrofa:
Que os anxos que che agardan
na citania divina,
cas máis puras diademas che coroen,
cos máis enxebres torques che reciban,
e a man do Eterno mesmo
loura espada che cinga,
¡ouh príncipe antre “os bos e xenerosos”,
Florentino Cuevillas,
régulo dos combates
máis rexos e máis nobres por Galiza!
Autor/a da biobibliografía: Xosé Ramón Fandiño Veiga
|
Obra
de Florentino López Cuevillas
“Prehistoria de Melide”, en Terra de Melide, Seminario de Estudos Galegos, Santiago, 1933.
Parroquia de Velle, Seminario de Estudos Galegos, Santiago, 1936, con Vicente Fernández Hermida e Xoaquín Lorenzo Fernández.
La civilización céltica en Galicia, Editorial Porto, Santiago, 1953.
Prosas galegas, colección de artigos xornalísticos, Galaxia, Vigo, 1962.
“A edade do ferro na Galiza”, traballo de ingreso no Seminario de Estudos Galegos, Nós, 19, 20, 21, 22, 23, 24, 1925-56. Hai unha edición da Real Academia Galega de 1968, con prólogo de Xoaquín Lorenzo.
“Prehistoria”, T. III da Historia de Galiza, Ediciones Galicia, Bos Aires, 1973, dirixida por R.Otero Pedrayo, cunha addenda et corrigenda do seu colaborador Xesús Taboada Chivite, por seren obra póstuma e pasaren máis de 15 anos desde que Cuevillas a
“Os Oestrimnios, os Saefes e a Ofiolatría en Galiza”, con Fermín Bouza Brey, Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, II, 1929. Hai unha edición do Museo do Pobo Galego de 1992.
|
|
|