 |
Inicio /
Castelao

Castelao
Rianxo 1886 -
Bos Aires 1950
Líder e auténtico símbolo do nacionalismo galego
Untitled Document
|
|
|
Documento sin título
 |
Bibliografía...
ALBERTO MíGUEZ, El pensamiento político de Castelao, Ruedo Ibérico, París, 1965.
LUíS SEOANE, Castelao artista, Alborada, Bos Aires, 1969.
VALENTíN PAZ-ANDRADE, Castelao na luz e na sombra, Ediciós do Castro, Sada, 1982.
LUíS SOTO, Castelao, a UPG e outras memorias, Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 1983.
RAMóN MáIZ (COORDINADOR), Castelao, Sempre en Galiza. Edición crítica, Parlamento de Galicia, Universidade de Santiago de Compostela, 1992.
HENRIQUE MONTEAGUDO, Alfonso R. Castelao, Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Cultura, Santiago, 2000.
VVAA., Catálogo 50 Aniversario. Castelao, Fundación Caixa Galicia, 2000.
|
|
Ámbitos de ocupación:
Arte e Historia
Literario / Letras
Político - Institucional
|
Na mañá do día 30 de xaneiro de 1886 naceu en Rianxo o artista, político e escritor Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un dos personaxes máis emblemáticos da historia contemporánea de Galicia. Era o primeiro fillo do mariñeiro Mariano Rodríguez Dios e de Xoaquina Castelao Gemme. Aos tres meses de nacer Daniel, o pai emigrou a Arxentina e, pasados dez anos, fillo e nai reuníronse con el en Santa Rosa de Toay. Na Pampa naceron as súas dúas irmás, Xosefina e Tareixa, e ao cabo de catro anos, nai e fillos regresan a Galicia mentres o pai permaneceu algún tempo máis para liquidar os seus negocios.
Cunha posición económica moi mellorada a familia instálase en Rianxo e en 1903 Daniel obtén o título de bacharel no Instituto de Santiago. Máis por contentar ao pai ca por auténtica vocación matricúlase na Facultade de Medicina. En Compostela integrouse nos círculos da bohemia universitaria e adquiriu grande popularidade como caricaturista. Nos últimos anos da carreira obtivo unha medalla de ouro na 1ª Exposición Regional Gallega de 1909, participou nas mostras de humoristas da sala Iturrioz de Madrid e realizou as cubertas de libros e revistas.
En 1910 establécese en Rianxo para exercer a medicina e participar na loita contra o cacique Viturro. Promoveu o semanario satírico El Barbero Municipal, adhírese á Liga Agraria de Acción Gallega de Basilio Álvarez, pronuncia en Vigo a conferencia Algo acerca de la caricatura e colabora en moi diversas publicacións galegas e non galegas. En 1912 casa coa estradense Virxinia Pereira e realiza as primeiras exposicións individuais. Dous anos despois nace o seu fillo, Alfonso Xesús de Braga, e sofre un grave desprendemento de retina que o deixa case cego durante unha temporada. Ante a ameaza de que se reproducise decide arrinconar o título de médico e optar por un traballo estable polo que en 1916 oposita a funcionario do Instituto Xeográfico e Estatístico con praza en Pontevedra. Castelao integrouse no ambiente pontevedrés e colabora na creación da Coral Polifónica e do Museo de Pontevedra. Tamén se comprometeu coas iniciativas nacionalistas do momento: Irmandades da Fala, revista Nós, Seminario de Estudos Galegos e Real Academia Galega... En 1921, cunha pensión da Junta de Ampliación de Estudios viaxou por Francia, os Países Baixos e Alemaña para estudar a augaforte, a gravura e a litografía. As impresións da viaxe foinas publicando na revista Nós nas seccións “Do meu diario” e “Cubismo”.
No verán de 1927 reaparécelle o risco de cegueira e viaxa a Francia para consultarse co Dr. Lagrange. Para maior desgraza, en xaneiro de 1928, con tan só 14 anos de idade, morre o seu único fillo, o que o sumiu nun fondo abatemento. Para saír do afundimento solicitou unha nova axuda da Junta de Ampliación de Estudios para ir a Bretaña en 1929 a estudar os cruceiros daquelas terras.
A etapa de maior activismo político de Castelao iníciase coa instauración da II República en España. Así, en xuño de 1931 saíu elixido deputado pola provincia de Pontevedra nas Cortes Constituíntes na candidatura republicana e con Otero Pedrayo, Suárez Picallo e Villar Ponte integrouse no grupo parlamentario da ORGA. En decembro dese mesmo ano participou na fundación do Partido Galeguista e como membro do seu Consello executivo dedicouse a impulsar o proceso estatuario e a abandeirar as reivindicacións lingüísticas de Galicia no anteproxecto de Constitución.
Ao non acadar representación parlamentaria polo PG nas eleccións de 1933, Castelao puido retomar o seu traballo literario e pronunciou o discurso de ingreso na Real Academia Galega que versou sobre As cruces de pedra na Galiza. En 1934 ten lugar a III Asemblea do PG que nomea a Castelao secretario político, a Bóveda de organización e a Gómez Román secretario xeral. En 1935, trala volta do desterro de Badaxoz imposto polo goberno Lerroux, asiste en Santiago á IV Asemblea do Partido, que se ratifica na preferencia polas alianzas cos partidos republicanos de esquerda, o que provoca o esgazamento da ala dereita do galeguismo, con Vicente Risco como ideólogo. Así, o PG acode ás eleccións de febreiro de 1936 na plataforma da Fronte Popular. Os galeguistas lograron tres deputados: Castelao por Pontevedra, e Ramón Suárez Picallo e Antón Vilar Ponte pola Coruña e reactivaron os preparativos para o plebiscito do Estatuto, que se celebrou o 28 de xuño de 1936. Aprobado o Estatuto, formou parte da Comisión encargada de presentalo no Congreso dos Deputados. Despois das entrevistas con Martínez Barrio e con Manuel Azaña, Castelao non regresou a Galicia e así puido salvar a súa vida da criminal represión desatada trala sublevación militar.
Durante a guerra civil residiu en Madrid, Valencia e Barcelona, participou na creación das Milicias Galegas, colaborou nas revistas Nueva Galicia e Nova Galiza, logrou que as Cortes republicanas aprobasen en Monserrat o Estatuto galego e despregou un incansable labor en defensa da República. Foi comisionado polo Goberno para participar en viaxes de propaganda á Unión Soviética, aos Estados Unidos e Cuba. Aos EEUU chegou nunha viaxe sen retorno o 26 de xullo de 1938 e, acompañado da súa esposa, cruzounos desde Michigan a Florida e dende Nova York a California nunha intensa campaña de mitins e de recadación de fondos para a República. Na súa equipaxe, atravesaron con el o Atlántico os orixinais de Galicia Mártir, Atila en Galicia, que expuxo con Milicianos e co álbum Nós na Delphic Studios da Quinta Avenida. Desta etapa neoiorquina son as augadas con negros bailando polas rúas e tamén se ocupou da redacción do segundo libro de Sempre en Galiza e de Os vellos non deben de namorarse. Malia todo, a experiencia de Castelao neste país foi moi amarga: “xa sabía por Rubén Darío que nos Estados Unidos os paxaros non cantan e as frores non teñen arrecendo; pero eu non sabía que fose tan verdade”.
En xuño de 1940 foi recibido en Bos Aires como líder político do galeguismo e artista admirado. En 1941 estreou no Teatro Mayo a peza teatral Os vellos non deben de namorarse e asinou en Montevideo o pacto Galeuzca. En abril de 1943 asistiu a unha xuntanza das forzas do exilio republicano que se cerrou coa intervención de Castelao nun mitin ante máis de 50.000 persoas no Estadio Centenario de Montevideo. En xullo de 1944 sae do prelo o libro Sempre en Galiza, considerado a biblia do galeguismo, e en novembro promove a formación do Consello de Galiza coa idea de agrupar aos deputados galegos expatriados como unha especie de goberno no exilio. En 1945 asiste en México á xuntanza das Cortes republicanas españolas, que ao ano seguinte o designaron ministro do Goberno da República no exilio. O 25 de xullo de 1948 pronunciou no Teatro Arxentino o seu discurso Alba de Groria, peza cume da súa oratoria. A partir de aí un cancro de pulmón manifestouse con toda crueldade. Non soportou a operación practicada no Sanatorio do Centro Galego e o 7 de xaneiro de 1950, “do mal dos bos e xenerosos, de amor á Terra”, morreu o indiscutido líder e auténtico símbolo do nacionalismo galego. Foi enterrado no mausoleo do Centro Galego na Chacarita, pero en 1984, por decisión do Parlamento de Galicia os restos de Castelao foron trasladados ao Panteón de Galegos Ilustres, na compostelá igrexa do convento de Bonaval. En 1964 a Real Academia Galega dedicáralle o Día das Letras Galegas.
Autor/a da biobibliografía: Xosé Ramón Fandiño Veiga
|
Obra
de Castelao
Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, Céltiga, Ferrol, 1922.
Cousas, Lar, A Coruña, 1926.
As cruces de Pedra na Bretaña, Seminario de Estudos Galegos, Santiago, 1930
Nós, Ed. Do autor, Imp. Hauset y Manet, Madrid, 1931.
Os dous de sempre, Editorial Nós, Santiago, 1934.
Atila en Galiza, Comité Nacional de la CNT, Valencia, 1937.
Atila mártir, Ediciones Españolas, Madrid, 1937.
Sempre en Galiza, Edición "As Burgas", Bos Aires, 1944.
As cruces de pedra na Galiza, Editorial "Nós" Bos Aires, 1950.
Os vellos non deben de namorarse, Galaxia, Vigo, 1953.
Cousas da vida, Vigo, 1961, 72 e 71.
Dibuxos de negros, Galaxia, Vigo, 1970.
“Diario” 1921, Museo de Pontevedra, Pontevedra, 1977.
|
|
|