 |
Inicio /
Manuel Varela Radío

Manuel Varela Radío
Pontevedra 1873 -
Madrid 1962
Especialista en cirurxía xinecolóxica e activo docente
Untitled Document
|
|
|
Documento sin título
 |
Bibliografía...
MARTÍNEZ MORÁS, ANDRéS Semblanzas raciais ; Ed. Espasa Calpe, Madrid.
BALTAR DOMÍNGUEZ, ANTONIO La Escuela Médica Compostelana. Apuntes para iniciar su estudio. . En Exposición sobre la Escúela Médica Compostelana, Inst. Padre Sarmiento, Tip. El Eco Compostelano, Santiago.
Diccionario histórico das ciencias e das técnicas de Galicia. Autores, 1868-1936 (1993), Ed. do Castro, Public. do Seminario de Estudos
GURRIARÁN RODRÍGUEZ, RICARDO Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Do influxo institucionista e a JAE á depuración do profesorado , Servizo de Publicacións da USC, Santiago.
|
|
Era fillo de Teodoro Varela de la Iglesia, profesor de instituto procedente dunha familia liberal moi apegada aos acontecementos producidos pola intransixencia do conservadorismo político da época, desembocando na expulsión de varios docentes universitarios (I e II Cuestións Universitarias), que logo deron lugar ao nacemento do institucionismo. Por aquel motivo, seu tío Manuel Varela de la Iglesia, tamén profesor de instituto, fora deportado de Coruña a Asturias, en 1875. Outro seu tío, Ramón, foi un dos catedráticos máis salientables da Universidade de Santiago na especialidade de Fisioloxía. Os integrantes desta familia, en maior ou menor medida, formaron parte da peneira creada no contorno do difuso tecido institucionista, para filtrar adeptos co fin de acceder as iniciativas que poñían en marcha, nomeadamente para a obtención das bolsas que ofertaba a JAE, desde a súa creación en 1907. Como afirma o profesor Villares: “para ordenar as recomendacións daquela, o que non era tarefa fácil”.
Manuel Varela Radío, unha vez acadada a cátedra universitaria (decembro de 1905), como home de confianza da escola “gineriana”, proseguiu este labor de fomentar a continuidade formativa de estudantes e profesores mediante as informacións que subministraba aos reitores da JAE sobre os solicitantes de bolsas, práctica habitual para acceder á rede de política científica, na que primaban as actitudes e o coñecemento lingüístico.
Manuel estudara o bacharelato nos institutos de Pontevedra e Santiago. Logo de matricularse en Medicina, durante a carreira xa visitou algúns significados centros científicos do estranxeiro, nomeadamente de Alemaña. En Santiago foi discípulo de Ángel Martínez de la Riva. Despois de doutorarse en Madrid con notables do entorno institucionista como Alejandro San Martín e Cajal, onde tamén coñece a Giner de los Ríos, volveu a Alemaña a especializarse en Xinecoloxía e Obstetricia con Bumm (Berlín), finalizando o século XIX. Desde a súa cátedra na especialidade citada deixou unha importante pegada en Santiago. A súa escola caracterizouse pola aprendizaxe lingüística como ferramenta para acceder á ciencia, e polo ensino experimental. En 1911 obtivo unha consideración de bolseiro da JAE para ir, de novo, a Alemaña (Berlín) a ampliar estudos durante catro meses (xa estivera en 1906, pola súa conta). A el se debe a incorporación de adiantos técnicos na cirurxía xinecolóxica como a utilización da radioterapia e a autoclave, entre outros. Como elemento de ensino activo, desde a súa incorporación á cátedra, significouse por impartir cursiños para alumnos e para médicos, na súa especialidade (seis no curso 1907-08; cinco, no seguinte; tres cada un dos seguintes, para, a partir de 1912, pasar a dalos o seu auxiliar, e discípulo, Antonio Martínez de la Riva), deixando o importe total gañado (2.435 pesetas) para beneficio das Clínicas de Obstetricia e Xinecoloxía, da facultade. A mostra do seu quefacer, e o seu celo profesional, queda reflectida á súa marcha de Santiago, pois deixaría un total de 2.454 historias clínicas encadernadas e unha colección de pezas anatomo-patolóxicas, por el formada, que utilizaba para a docencia.
Nóvoa Santos o tiña considerado como un dos seus principais mestres. Posuía un gran dominio da técnica cirúrxica, foi pioneiro na aplicación de determinadas prácticas da escola alemana. Das súas aulas sairían formados un importante número de cirurxiáns especialistas en Xinecoloxía. Seus principais discípulos foron o citado Antonio Martínez de la Riva, Miguel Gallas Novás, Carlos Gil Gil, José Torre Blanco, Pablo Sela Sampil, José María Fernández Colmeiro, Alejandro Otero e Luís Morillo Uña, quen o sucedería na cátedra de Santiago, logo de que Manuel Varela Radío se trasladase a Madrid (1919).
As súas dotes docentes e o seu espírito práctico serían destacados por Martínez Morás, pesie aos atrancos que tiña: En su cátedra de San Carlos, luchando a veces con obstáculos insalvables, con dificultades manifiestas de orden docente, muy ajenas a su voluntad y a su gran deseo de enseñar practicamente... En Madrid, tamén dirixiu a Escola de Matronas.
Desde a Universidade Central levou a cabo un labor titorial especial cos galegos que estudaban Medicina na capital, mesmo, avalou a coterráneos, en bastantes casos, para que accedesen a apéndices institucionistas como a Residencia de Estudiantes. Nesta, era socio protector da Sociedade de Cursos e Conferencias. Seu fillo Manuel Varela Uña foi un dos últimos alumnos da Institución Libre de Enseñanza. Desde alá, tamén promoveu importantes foros asociativos e formativos para a clase médica galega como as Xornadas Médicas, que principiaron na Coruña en 1929. Tamén colaborou en importantes publicacións especializadas, xa desde a época santiaguesa.
Unha das principais iniciativas profesionais que puxo en marcha en Santiago foi un sanatorio, produto da empresa sanitaria con Ángel Baltar, respondendo ao modelo liberal de progreso. En 1908 materializan a idea, sendo das primeiras instalacións deste tipo en Galicia. A formación propia dos seus cadros profesionais o contacto coas escolas estranxeiras, en colaboración coa JAE, e as boas infraestruturas en confort, e médico-cirúrxica, dotadas de material punteiro -axiña porían en marcha servizos de laboratorios de análises clínicas e anatomopatolóxicas, e radioterapia-, serían as súas principais características. Este centro cirúrxico, xeral e de especialidades, sería un importante complemento formativo de moitos médicos achegados ás familias propietarias, ben por lazos familiares ou ben por amizade. Da man de Varela Radío, bastantes médicos do sanatorio ampliarían estudos no estranxeiro: o seu curmán Juan Varela Gil, Donato Albela Ande, Cesáreo Rey Baltar...
Coma moitos dos seus discípulos, cargados de ideoloxía liberal, Varela Radío tivo que coller a vía do exilio en 1936. Significamos que asumira certas responsabilidades políticas como republicano independente, pois fora deputado nas Cortes Constituíntes de 1931, pola FRG-ORGA, por Pontevedra. Marcharía cara o exilio, voluntariamente, nos primeiros momentos da sublevación. Tomou esta decisión por temor a represalias incontroladas, en outubro de 1936. Logo de estar un tempo en Francia, asentouse en Zúric (Suíza). Sería cesado da súa cátedra polo goberno republicano, por abandono do servicio (O.M. 15 de xuño de 1937). Voltaría do seu exilio voluntario en 1941, logo de negociar coas autoridades franquistas. Á súa chegada veuse sometido a varios procesos polos diferentes tribunais encargados da represión. Foi separado do seu cargo polas novas autoridades (O. M. de 24 de xaneiro de 1941; pola Comisión Superior Dictaminadora do Ministerio de Educación), e tamén tivo causa aberta polo Tribunal de Responsabilidades Políticas. Non sería reposto ata 1945, poucos días despois pasaría á condición de xubilado, por cumprir a idade. Este pioneiro da Xinecoloxía moderna e axente principal da JAE, seguiría exercendo a actividade privada durante varios anos, prácticamente ata a súa morte.
Autor/a da biobibliografía: Ricardo Gurriarán
|
Obra
de Manuel Varela Radío
Formas clínicas de afasia , tese de doutoramento. Impr. del Seminario, Santiago.
“Formación de una vagina artificial á expensas de un troco de intestino delgado”. . Galicia Médica, xuño, Santiago.
“Radioterapia del Cáncer” . Galicia Médica, agosto, Santiago.
“La marsupialización como medio de tratamiento de algunos tumores quísticos” . Revista Española de Obstetricia y Ginecología, xuño, Madrid.
Traducción de Operaciones ginecológicas y susfundamentos anatomotográficos de Heinrich Martís , (segunda edición) Barcelona.
|
|
|