 |
Inicio /
Vicente Risco

Vicente Risco
Ourense 1884 -
Ourense 1963
O teórico do nacionalismo galego
Untitled Document
|
|
|
Documento sin título
 |
Bibliografía...
LUGRÍS, RAMóN Vicente Risco na cultura galega , Galaxia, Vigo.
BEIRAS, XOSé MANUEL "Vicente Risco e Nós. Notas para unha leria" , Grial, nº 20.
OTERO PEDRAYO, RAMóN A novelística de Vicente Risco , Grial, nº 37.
CARBALLO CALERO Historia da literatura galega contemporánea , Galaxia, Vigo.
BERAMENDI, JUSTO G. Vicente Risco no nacionalismo galego , Edicións do Cerne, Santiago.
CASARES, CARLOS Vicente Risco , Galaxia, Vigo.
|
|
Moi afeccionado ao esoterismo e á literatura de vangarda, tras fundar en Ourense a revista La Centuria acercouse ao galeguismo e converteuse no gran teórico do nacionalismo galego e nun intelectual brillantísimo, director da revista NÓS e da Sección de Etnografía e Folklore do Seminario de Estudos Galegos. A partir dunha viaxe de estudos a Alemaña en 1930, becado pola Junta de Ampliación de Estudios, pero sobre todo desde a sublevación militar de 1936 a súa ideoloxía fundamentouse nos principios dun catolicismo integrista e dun reaccionarismo social absoluto.
Vicente Martínez-Risco e Agüero naceu en Ourense no outono de 1884 no seo dunha familia procedente da fidalguía galega. Seu pai, funcionario de Facenda, nacera en Castro Caldelas porque toda a súa familia, avogados procedentes de Almansa, chegara ao Castro como correxidores e administradores da Casa de Alba. Neno feble e enfermizo estudou o bacharelato no Centro Provincial de Instrución e na Universidade de Santiago licenciouse en Dereito en 1906, tralo cal ingresou no corpo de funcionarios de Facenda na delegación de Ourense. Nesta época frecuentou a vida social e cultural ourensá, asistiu á tertulia da Comisión de Monumentos, afeccionouse ao esoterismo elitista, aplicouse na lectura das vangardas europeas, tanto en literatura coma en filosofía e comezou a publicar artigos nos xornais El Miño e Mi Tierra.
Incómodo co seu traballo de funcionario, en 1913 pediu excedencia e matriculouse na Escola Superior de Maxisterio de Madrid, na que foi alumno de Ortega y Gasset en Filosofía e de Luís de Hoyos en Etnografía. En Madrid tomou parte dos cenáculos literarios, especialmente na do Café Pombo que presidía o seu admirado Ramón Gómez de la Serna, á que tamén asistían vangardistas como Guillermo de la Torre e Rafael Cansinos Asséns. En 1916 regresa a Ourense como catedrático de Historia da Escola Normal, e ao ano seguinte promove La Centuria, unha revista neosófica e literaria na que Risco expuxo as súas ideas estéticas e na que tamén escriben Otero Pedrayo e Florentino L. Cuevillas.
Por influencia de Losada Diéguez, Otero Pedrayo, Risco e Cuevillas ingresaron nas Irmandades da Fala e Risco converteuse na figura máis representativa do nacionalismo ao que, cos seus artigos e ensaios en A Nosa Terra e Nós, dotou dun importante corpus teórico e doutrinal. Definiu a que el consideraba a Galicia esencial e eterna, baseada na terra, na raza, na organización social, na mentalidade e no sentimento. Sen sentir gran entusiasmo pola política, tivo unha actuación moi destacada desde a I Asemblea Nacionalista celebrada en Lugo en 1918, en 1919 presidiu a Irmandade da Fala de Ourense e na III asemblea de Vigo entrou a formar parte do Consello Permanente, pero por querer manter o nacionalismo galego fóra das contendas electorais e de alianzas cos partidos republicanos provocou a escisión do movemento que na IV asemblea de Monforte de 1922 se esgazou na Irmandade da Fala da Coruña, por un lado, e, por outro, a Irmandade Nazonalista Galega, fortemente centralizada e presidencialista, da que Risco ocupou, con poderes case omnímodos, o cargo de conselleiro supremo ata que desapareceu en 1924 como consecuencia da ditadura de Primo de Rivera. Desde esa data ata 1930 abandonou todo tipo de actividade política e centrouse no seu traballo teórico e cultural. Desta etapa é moi importante a súa participación como director da revista NÓS e no Seminario de Estudos Galegos, no que dirixiu a Sección de Etnografía e Folklore.
Ao percibir como próxima a fin da ditadura, en 1930 Risco participou nunha asemblea na Coruña que tentaba recompoñer as Irmandades e apoiou a creación dun partido político que acollese a todos os nacionalistas, pero poucas semanas despois partiu para Alemaña becado pola Junta de Ampliacións de Estudios para estudar Etnografía e Folklore. Da estadía europea Risco ía dando conta nas seccións “De Alemaña” e “Mitteleuropa” que enviaba á revista NÓS, nas que se mostra moi conservador, católico intransixente e inimigo da civilización moderna. O ascenso violento do nazismo e do comunismo exerceu nel unha grande influencia e produciulle unha involución ideolóxica tan forte que foi decaendo o seu compromiso nacionalista, sobre todo a raíz de non conseguir acta de deputado nas eleccións de xuño de 1931, ás que se presentou polo Partido Nazonalista Repubricán de Ourense. E como por motivos relixiosos estaba tan enfrontado coa República encabezou a corrente que se escindiu como Dereita Galeguista.
Trala sublevación militar de xullo de 1936 o mestre Vicente Risco claudicou e ofreceu a súa adhesión pública ao novo réxime, tanto durante como despois da guerra: Algo incomprensible nun home tan intelixente ao que os sublevados asasinaron a moitos dos seus discípulos e amigos: “Esa é unha cousa que a min me fai sufrir moito. Penso que foi por algo de timidez. Xa era vello, estaba débil. O home tiña medo pola familia. Seguimos tratándonos profundamente, pero sin falar deso. Pra nós seguiu sendo o mesmo”, deixou dito ao respecto o seu íntimo amigo Otero Pedrayo, que se mantivo digno e distante da nova situación.
Despois da guerra, liquidada toda actividade e marcado polos novos compromisos ideolóxicos, en 1945, con 61 anos, Risco decidiu buscar o éxito literario en Madrid. Colaborou en El Español, Pueblo e La estafeta Literaria e traballou no Centro de Estudos de Etnoloxía Peninsular, pero as súas expectativas quedaron frustradas e tres anos máis tarde regresou á Normal de Ourense, da que xa non se moveu ata xubilarse en 1954. Neses momentos cultivaba a literatura en castelán e concorreu ao prestixioso Premio Nadal en 1952 coa novela La puerta de paja, que despois de pasar en primeiro lugar case todas as votacións quedou relegada ao terceiro lugar, aínda que ao publicarse recibiu os eloxios unánimes de toda a crítica española.
Xubilado como catedrático, os traballos etnográficos ocupan a maior parte do seu tempo. Morreu na súa cidade natal o 30 de abril de 1963. En 1981 a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas.
Autor da biobibliografía: Xosé Ramón Fandiño Veiga
Autor/a da biobibliografía: Ricardo Gurriarán
|
Obra
de Vicente Risco
“Provincia de Orense” Tomo da Geografía del Reino de Galicia, dirixida por F. Carreras Candi, Barcelona, s.d.
O bufón d´El Rei , A Coruña,
El problema político de Galicia , Compañía Ibero-Americana de Publicaciones, Madrid. Prólogo de Álvaro de las Casas.
“Etnografía e folklore de Melide” , en Terra de Melide, Seminario de Estudos Galegos, Santiago
Mitteleuropa, Impresións d´unha viaxe , Santiago.
Satanás, biografía del diablo , Madrid.
Historia de Galicia , Galaxia, Vigo.
La puerta de paja , Planeta, Barcelona.
Leria , Galaxia, Vigo.
Libro de las Horas , Ourense.
"Etnografía: Cultura espiritual" , no T. I da Historia de Galiza, dirixida por R.Otero Pedrayo, Editorial Nós, Bos Aires.
Orden y caos. Exégesis de los mitos , Madrid.
|
|
|