culturagalega.org
Álbum de mulleres | Inicio
Inicio / Xosé Filgueira Valverde

Xosé Filgueira Valverde
Pontevedra 1906 - Pontevedra 1996
O último gran polígrafo de Galicia
Untitled Document
Inicio
1907, Un ano para a
cultura científica
Indice alfabético
Castelao
Antonio Baltar
María Barbeito
Fermín Bouza Brey
Fernando Calvet Prats
José Casares Gil
Aniceto Charro Arias
Evaristo Correa Calderón
Pedro Couceiro
María Victoria Díaz Riva
Manuel Díaz Rozas
Rafael Dieste
Fernández de la Vega
Xosé Filgueira Valverde
Cruz Gallástegui
José García-Blanco
Gonzalo Gurriarán
José Gutiérrez del Arroyo
Luís Iglesias
Sara Leirós Fernández
Florentino López Cuevillas
Carmén López-Cortón
José Pérez López-Villamil
Eloy Luís André
Maruxa Mallo
Juan Martín Sauras
Manuel Martínez-Risco
Sofía Novoa
Roberto Nóvoa
Alejandro Otero
Paz Parada Pumar
Isidro Parga Pondal
Marcelino Pedreira
Vicente Risco
Ramón Rodríguez Somoza
Ernesto Seijo Espiñeira
Luciano Seoane
Ramón Sobrino Buhigas
Emilio Sotelo Rey
Paulino Suárez
Osorio- Tafall
Ramón Tenreiro
Olimpia Valencia
Manuel Varela Radío
Salvador Velayos
Eduardo Vincenti Reguera
Xoán Vicente Viqueira

Un proxecto de:

Consello da Cultura Galega

¿Comentarios?
redaccion@consellodacultura.org


filgueira_op.jpg Documento sin título
Bibliografía...

GARCÍA ALÉN, ALFREDO “Filgueira Valverde, José” , en Gran Enciclopedia Gallega, T. 13, Santiago, Xixón, s/d.

FUENTES ALENDE, JOSé Filgueira Valverde. Publicaciones. Conferencias. Curriculum. Homenaje de sus discípulos José Fuentes Alende, edición preparada por. Pontevedra.

FERNÁNDEZ DEL RIEGO, FRANCISCO “Filgueira Valverde na nosa memoria” , en Homenaxe a Xosé Filgueira Valverde, El Museo de Pontevedra, LI, Pontevedra.

FORTES ALÉN, Mª JESúS Ó Dr. Filgueira Valverde nos seus noventa anos (1906-1996). Bibliografía. Traballos. Eloxios , edición preparada por, Caixa de Aforros de Pontevedra.

FANDIÑO VEIGA, XOSé RAMóN “Contribución de Filgueira Valverde ao ámbito da creación literaria” , en VVAA., Xosé Filgueira Valverde (1906-1996). Un século de Galicia, Museo de Pontevedra/Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales.

VALLE PÉREZ, XOSé CARLOS “Xosé Filgueira Valverde (1906-1996). Notas biográficas” , en VVAA., Xosé Filgueira Valverde (1906-1996). Un século de Galicia, Museo de Pontevedra/Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales.



O último gran polígrafo de Galicia, que morreu cando só lle faltaban uns días para cumprir os 90 años, deixou tras si unha obra de máis de 300 libros. Participou na fundación do Seminario de Estudios Galegos, foi catedrático de Literatura e director do Museo de Pontevedra. Durante o franquismo pasou por alto o seu pasado de militante do Partido Galeguista, aceptou o inevitable e foi alcalde de Pontevedra e procurador en Cortes. Na democracia aínda foi conselleiro de Cultura e presidente del Consello da Cultura Galega.

Filgueira Valverde naceu na praza do Peirao de Pontevedra en 1906, fillo do prestixioso médico Xosé María Filgueira Martínez e da granadina de Ugíjar, María Araceli Valverde Yaquero, outrora freira da orde das Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl. Cursou con brillantez os estudos de bacharelato en Pontevedra e tivo coma profesores a figuras tan destacadas coma Losada Diéguez e Castelao. Simultaneou os estudos das carreiras de Filosofía e Letras e Dereito e en ámbalas dúas se doutorou. Sendo aínda estudante participou no Castro de Ortoño na creación do Seminario de Estudos Galegos no que exerceu un singular papel e dirixiu a sección de Historia da Literatura. Desde os inicios da súa andaina como escritor cultivou o vieiro da creación literaria e o exercicio investigador, que practicou con rigor e brillantez literaria.

Se en 1923 participou na fundación do SEG, en 1929 foi nomeado secretario do Padroado fundacional do Museo do Pontevedra, que foi, sen dúbida, a iniciativa de máis empeño da súa longa vida. A el, en postos e cometidos diferentes, sobre todo coma director desde 1954 e director emérito e patrón honorario desde 1986, estivo vinculado durante o resto da súa vida. Tamén por estes anos participou nas campañas de estudo de diversos monumentos galegos, dirixidas por Manuel Gómez Moreno e promovidas pola Comisión de Estudos en Galicia da Junta de Ampliación de Estudios, institución esta coa que o SEG mantivo unha moi estreira relación de colaboración e á que Filgueira lle solicitou unha bolsa, que non consta que lla concederan, para estudar a arte románica portuguesa. Anos máis tarde, en 1934, volveulle solicitar á JAE unha pensión para analizar en Bélxica e Holanda a organización dos seus pequenos museos. Nesta ocasión foille concedida a axuda, pero non chegou a realizar a viaxe.

Desde 1931 comezou a desenvolver unha intensa actividade política e na Asemblea Constituínte do Partido Galeguista foi elixido secretario técnico. Participou na redacción do anteproxecto do Estatuto de Galicia, na Asemblea de Municipios celebrada en Santiago en decembro de 1932, pero en 1935 rompe co Partido Galeguista e incorpórase á conservadora Dereita Galeguista, liderada por Vicente Risco. Durante estes anos proseguiu o seu labor como investigador, conferenciante e no ámbito profesional defendeu en Madrid a súa tese de doutoramento, dirixida por Armando Cotarelo Valledor, que versou sobre La Cantiga CIII: noción del tiempo y gozo eterno en la narrativa medieval, publicada nos talleres de El Eco Franciscano en 1936, e gañou a oposición a catedrático de Lingua e Literatura Española, que desempeñou en Barcelona, Melilla, Lugo e desde 1939, de forma ininterrompida ata a súa xubilación en 1976, no Instituto de Pontevedra, do que tamén foi director desde 1944.

Ao finalizar a guerra civil Filgueira aceptou o novo ordenamento político da ditadura franquista coa que colaborou como alcalde de Pontevedra (1959-1968), asistente en Burgos aos actos conmemorativos do XXV aniversario da exaltación de Franco á xefatura do Estado, membro do Consello Económico Sindical Provincial de Pontevedra, procurador en Cortes polo terzo de representación familiar, presidente do Tribunal Provincial Tutelar de Menores, etc. Como alcalde estimulou a acción cultural, as construcións escolares e deportivas, introduciu novas normas para a actividade dos funcionarios, consolidou a implantación en Lourizán da factoría da Empresa Nacional de Celulosas, recibiu a visita de numerosas personalidades, destacando a do xeneral Franco, urbanizou o campo do Boi e da Xunqueira e protexeu a conservación do casco histórico da cidade. Ao contrario do que puidera parecer, a intensa actividade política e docente non lle impediu proseguir coa súa xa acreditada laboría de investigador e home de letras, que o converteu nun dos máis sólidos e prestixiosos eruditos, que non abdicou nunca dos valores da cultura e do vivir galego. Nesta etapa publicou ducias de rigorosos libros e folletos e milleiros de artigos de divulgación. De todos os seus estudos destacan os dedicados a Pontevedra, ao estudo da nosa literatura medieval, á cidade de Santiago e foron moitas as figuras, galegas e foráneas, por el estudadas: o mestre Mateo, o xeógrafo Fontán, o conde de Gondomar, o P. Sarmiento, o P. Feijoo, Gómez Chariño, Sarmiento de Gamboa, Álvaro de Mendaña, Méndez Núñez, Rosalía, Camoens, Góngora, frei Luís de Granada... Tamén nesta época participou na creación do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento do que foi nomeado director en 1972, do Instituto da Lingua Galega no seo da Universidade de Santiago, do Museo do Pobo Galego do que chegou a ser vicepresidente do seu Padroado, da Confederación Española de Centros de Estudos Locais (CECEL), promoveu diversas escavacións arqueolóxicas como comisario provincial e foi nomeado conselleiro da Misión Biolóxica de Galicia, correspondente da Real Academia Española, da de Belas Artes de San Fernando e numerario da Galega e da de Historia.

Aínda que a súa extraordinaria talla de erudito e de historiador da cultura, da literatura e da arte galega, e que a súa inxente obra como polígrafo e a longura enciclopédica dos seus saberes eclipsen as súas aportacións ao eido creativo, non resultaría aventurado pensar que a de escritor imaxinativo fose unha clara vocación da mocidade de Filicaria -que é a forma latina do substantivo que rodando de boca en peteiro rematou no galego Filgueira, que era como lle chamaba Otero Pedrayo-, pois se como publicista se estrea en 1923 con diversos artigos no xornal compostelán Renovación e no vigués Galicia, en 1925, con dezanove anos non cumpridos, co título de Os nenos publica os seus primeiros contos. Ademais da narrativa á que volveu en 1927 con O Vigairo e en 1971 con Quíntana Viva, tamén cultivou o teatro ao publicar en 1936 a peza Agromar, e a lírica, pois é autor das neotrobadorescas 6 cancións de mar “in modo antico”, publicadas en 1941. Recoñecendo que é escasa e que mereceu pouca atención dos críticos literarios, a obra de creación de Filgueira é sumamente interesante polo ideal galeguista que sustenta, pola calidade formal dos textos e pola preciosista e requintada linguaxe de caste erudita que por veces zuga o arume da fala popular do rural pontevedrés.

Restablecida a democracia en España, en 1982 Filgueira Valverde aínda asumiu o cargo de conselleiro adxunto á Presidencia para a Cultura no primeiro Goberno autonómico galego, presidido por Xerardo Fernández Albor. As iniciativas máis salientables da súa etapa de conselleiro foron a fixación das normas básicas de aplicación para a unidade ortográfica e morfolóxica da lingua galega e a elaboración da Lei do Consello da Cultura Galega, do que formou parte desde a súa creación e que presidiu desde 1990 ata o seu falecemento, ocorrido en 1996.

Autor da bibliografía: Xosé Ramón Fandiño

Autor/a da biobibliografía: Xosé Ramón Fandiño Veiga


Obra de Xosé Filgueira Valverde
 
Guía de Pontevedra , Pontevedra.

La Moureira, arrabal marinero de Pontevedra . Catálogo da 4ª exposición. Museo de Pontevedra.

Santa María la Mayor, iglesia de los mareantes . Catálogo da 7º exposición, Museo de Pontevedra.

Archivo de Mareantes , Museo de Pontevedra.

El Libro de Santiago , Editora Nacional, Madrid. Ilustraciones de J. Sesto.

Santiago de Compostela. Guía de sus monumentos e itinerarios . Porto y Cia editores, Santiago.

Sargadelos . Colección “Obradoiro”. Bibliófilos Galegos.

Don Diego Sarmiento de Acuña, primer conde de Gondomar , Pontevedra.

Guía breve del Museo de Pontevedra , Museo de Pontevedra.

Adral , I ao IX, Ediciós do Castro.

Untitled Document
 

Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
RCG - Audio
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal


Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org