1907, Un ano para a cultura científica
Por Ramón Villares
Presidente do Consello da Cultura Galega |
O feito de que este ano 2007 se cumpra o centenario da fundación da “Junta para Ampliación de Estudios” (JAE) é un motivo axeitado para que se poida poñer de relevo a importancia que tivo esta institución. A JAE, que naceu no marco do conglomerado organizativo da “Institución Libre de Enseñanza” (ILE) e foi presidida polo Nobel S.Ramón y Cajal, tivo un papel esencial no desenvolvemento cientifico e cultural da España do primeiro tercio do século XX. Grazas á política da JAE e aos centros de investigación apadriñados pola ILE (desde o “Centro de Estudios Históricos” ou a “Residencia de Estudiantes” ata os diversos Laboratorios sitos nos “Altos del Hipódromo”), o perfil da ciencia en España mudou de forma moi notable.
O Premio Nobel Ramón y Cajal foi o presidente da Junta de Ampliación de Estudios
Un dos vieiros nos que se fixo máis patente esta política científica, merecente por vez primeira de tal nome, foi na concesión de bolsas ou “pensións” para estadías en centros estranxeiros. Os seus beneficiarios foron coñecidos daquela como “pensionados”. Cóntanse en preto de dúas mil as persoas que se poden considerar, directa ou indirectamente, coma bolseiros da JAE, aínda que non todos eles se tivesen desprazado ao estranxeiro. As estadías nos propios laboratorios e centros de Madrid cumpriron nalgúns casos unha función análoga á viaxe exterior. A JAE foi unha de tantas institucións que deixaron de actuar co estourido da Guerra Civil en 1936.
Galicia non foi allea nen moito menos a esta nova orientación da política científica en España. Algúns dos máis importantes directivos do mundo institucionista, como Cossío ou Castillejo, tiñan relacións familiares con Galicia. Figuras influentes no mundo científico e cultural da época, como Carracido e Casares Gil , Eduardo Vincenti ou Sánchez Cantón, eran galegos por nacemento e por vocación. Unha figura pouco coñecida, pero esencial no tecido destas relacións entre o institucionismo e a cultura galega foi Juan López Suárez, “Xan de Forcados”, a quen se dirixían moitos dos solicitantes de bolsas ou “pensións”, para que mediase ao seu favor. A aparición de centros de investigación, como a Misión Biolóxica de Galicia ou o Seminario de Estudos Galegos, é asemade inseparable deste ambiente institucionista.
Alén destas institucións, figuras que logo serían relevantes na investigación cientifica e cultural de Galicia formaron parte, coma pensionados, desta politica cientifica da JAE. Algúns deles, como Nóvoa Santos, Risco, Xoan V.Viqueira ou Castelao, xa eran persoas relevantes cando desfrutaron desta “pensión” para viaxaren por centros universitarios estranxeiros. Outros, como as irmáns Fernández de la Vega ou I.Parga Pondal acabarían sendo figuras importantes tempo andado. En conxunto, más de medio cento de persoas de Galicia participou nesta auténtica rede de investigación creada e desenvolvida nos vinte anteriores á Guerra Civil española.
O Consello da Cultura Galega, que conta no seu seo coa Sección “Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade”, que coordina o Dr. Francisco Diaz-Fierros, quere contribuír, neste ano 2007, a poñer de relevo a importancia que para a ciencia e a cultura de Galicia tiveron estas persoas e as institucións nas que aquelas laboraron ou que contribuíron a erguer. Para este fin, ábrese neste portal culturagalega.org unha serie nova, que denominamos Album da JAE, en analoxía co xa creado do Album de Mulleres, no que se irán publicando en periodicidade semanal, semblanzas biográficas de todos aqueles participantes na rede científica da JAE. Trátase dun contributo, alén de oportuno pola ocasión, necesario para a posta en valor, mediante o soporte deste portal, da vida e obra duns galegos e galegas que protagonizaron unha verdadeira “alba de gloria” para a cultura de Galicia, a renovación educativa e a modernización científica.
A realización das biografías, así coma a súa coordinación, foi encomendada a Ricardo Gurriarán, doutor en Historia e autor do libro “Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago” no primeiro terzo do século XX, e a Antón Costa, Profesor Titular na Universidade de Santiago e autor de moitas obras sobre a historia da educación en Galicia. A ambos os dous, o Consello quere agradecerlles a súa colaboración e a súa entusiasta dedicación a esta iniciativa.
|