|
|
seccións |
|
20 de
agosto de
2008
O concello de Ferrol súmase á iniciativa veciñal de pintar murais en barrios
Naceu como unha iniciativa puntual dun pintor (pero tamén veciño) para denunciar o estado de abandono do barrio de Canido en Ferrol. O proxecto de pintar murais inspirados no cadro de Velázquez das Meninas non caeu en saco roto e a concelleira de Cultura, Yolanda Díaz, acaba de sumar o apoio institucional á proposta. De feito, o proxecto ampliará o seu radio de acción ata chegar á zona vella, ademais de incluir tamén aos artistas máis novos da comarca de Ferrol. |
20 de
agosto de
2008
O Atlas de Morcegos de Galicia xa conta con 19 especies rexistradas
Viven en covas, en bosques de caducifolios e en construcións humanas. Son os morcegos, dos que os membros da Asocaición Drosera de Lugo esán a realizar o Atlas dos Morcegos de Galicia, un inventario en liña que documenta especies e colonias de morcegos ao longo de todo o país e que permitirá sistematizar a súa preservación. Segundo Roberto Hermida, o responsable do recentemente constituído o Grupo Galego de Ecoloxía e Conservación de Quirópteros, "levamos detectadas en Galicia 19 especies e podería haber algunha máis", o cal, segundo o membro da asociación, ´"é un dato moi bo, xa que na Península Ibérica hai cifradas entre 32 e 34 especies de morcegos, e en Europa entorno ás 40. Temos case a metade da diversidade de morcegos de toda Europa". Aínda que os morcegos están presentes en toda Galicia, a maior diversidade atopárona os investigadores no Caurel "con diferencia", no val galego do Navia e nas manchas de bosque caducifolio do Morrazo. |
20 de
agosto de
2008
Artistas representativos da Land-Art estarán en Narón no marco dun congreso internacional
Mentres varios escultores van elaborando esculturas á vista do público no barrio de Valadares de Vigo, en Naron acaba de presentarse unha iniciativa semellante. Trátase do I Encontro Internacional Arte e Natureza que pretende amosar a relación entre o creador e o seu contorno, como unha relación harmónica entre arte e natureza. Unha actividade na que os visitantes poderán ver como se crean as obras de arte de artistas recoñecidos neste ámbito como son a xaponesa Yukito Kitahara (coñecida por traballar con animais), a francesa Valérie Buffetaud ou o alemán Uli Schwander. O encontro terá lugar do 1 ao 6 de setembro no recinto de Aldea Nova. |
20 de
agosto de
2008
María do Carme Kruckenberg pon fin á súa traxectoria poética con A levidade do silencio
É unha das escritoras galegas máis prolíficas, María do Carme Kruckenberg ten ás súas costas 27 poemarios, numerosos contos infantís e traduccións literarias, así como varios premios. Pero aos seus 82 anos a escritora nada en Vigo acaba de anunciar que Os límites do arreguizo (que editará Espiral Maior a próxima temporada) e A levidade do silenzo pechan a súa etapa como poeta. Kruckenberg ten previsto centrar a súa mirada na narrativa, sobre todo na infantil e nunhas memorias. Poderase ler un adianto do seu último poemario na Revista das Letras que publicará mañá xoves Galicia Hoxe. |
19 de
agosto de
2008
Escenarios urbáns
Coñecer a historia dunha cidade non ten por que ser unha sucesión imposible de datas, personaxes e lugares. Por ese motivo, desde hai uns anos agromaron en diferentes partes do Estado visitas teatralizadas nas que, a modo de proposta lúdica, propios e alleos, podían ter un coñecemento máis amplo da cidade. Pontevedra e Ourense acaban de engadirse a Lugo nesta proposta que está a ter moi boa acollida. |
19 de
agosto de
2008
Educación respalda o estudo da Cidade do Mar malia as críticas dun grupo de expertos
A resposta da consellaría de Educación á carta na que un grupo de investigadores do CSIC criticaba o proxecto da Cidade do Mar non se fixo esperar. Hoxe, a edición galega do diario El País, explica que o departamento que dirixe Laura Sánchez Piñón defende o “rigor e solvencia” co que se fixo o proxecto. Máis contudentes son as declaracións de Uxío Labarta, coordinador institucional do CSIC en Galicia, que censurou a actitude dos investigadores aos que acusou de “xogar á política”. Ademais, recolleu que o proxecto é un documento de traballo aberto e, polo tanto, aínda aberto aachegas e novas iniciativas. |
19 de
agosto de
2008
Adxudicadas as obras do museo interactivo pioneiro que contará a historia de Lugo
As obras comezará a finais de outubro, para que na primavera do 2010 abra ao público o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). Un centro tecnolóxico que ocupará 8.300 metros cadrados e que estará estruturado en catro épocas: prerromana, romana, medieval e contemporánea. A construción e equipamento custará 6.948 millóns de euros, para que o que o concello solicitou un crédito de seis millóns. A empresa adxudicataria das obras foi un consorcio temporal de Aldesa, Cuadernas e Arcos SL da Coruña. Con respecto aos contidos, unha das figuras máis destacadas en deseñar o proxecto foi Flavia Sparacino, investigadora do MIT, un referente na mestrura de espazos reais e virtuais. |
19 de
agosto de
2008
O MARCO agarda a setembro para confirmar a cesión dos fondos da Fundación Ellipse
Son 670 obras de arte contemporánea que a Fundación Ellipse, un destacado axente cultural con sede en Cascais (Portugal) podería ceder ao Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) polos vindeiros tres anos. Son pezas de destacados autores contemporáneos de ámbito internacional, como Francis Alys, Cindy Sherman e Richard Prince. O convenio, de asinarse, suporía ao museo vigués un desembolso anual de 200.000 euros. Malia que a directora da Fundación asegurou ao Faro de Vigo que a cesión estaba case pechada, o director do MARCO, Iñaki Martínez Antelo, prefire amosarse cauto e remitirse á xuntanza que celebrará o Patronato do Museo en setembro, no que se analizarán en detalle os acordos económicos. |
19 de
agosto de
2008
A Fundación Castelao homenaxea a Ánxel Casal no lugar no que apareceu o seu corpo fusilado
Foi membro das Irmandades da Fala e amosou un compromiso forte para a contrución nacional desde o ámbito cultural. Ánxel Casal (1895-1936) foi o editor por excelencia dos anos vinte e trinta porque publicou a todos os clásicos do momento, desde os homes da Xeración Nós (Otero, Risco, Castelao…), así como os intelectuais que formaban parte do Seminario do Estudos Galegos, máis a todos os poetas novos daquela (Carballo Calero, Manuel Antonio, Cunqueiro…). A Fundación Castelao e a Asociación de Recuperación da Memoria Histórica A Oliveira, lembran a súa figura ás 20:30 horas en Cacheiras (Teo), no lugar no que apareceu o seu corpo fusilado en 1936. |
19 de
agosto de
2008
O país a volta de auga
Hai tres puntos en común entre estas dúas historias: a auga, a amizade e a ambición de percorrer o país. O proxecto Orixes busca percorrer en dorna os cursos de auga e os lagos e encoros interiores de Galicia, para despois subir ao Norte de Europa, de onde os seus promotores. E un grupo de piragüistas concluiu hai dúas semanas a súa volta ao litoral galego en kaiak. Nun e noutro caso, estes singulares aventureiros percorren o país unidos por fortes vínculos persoais. |
|