Atalaia

Arte contemporánea en Galicia

Hoxe

Maceira, Lalín -Pontevedra- (1954)
Vive e traballa en: Lalín -Pontevedra-, Madrid, e Berlín (Alemaña)

Explora a arte

A eliminación da identidade - Sandra Romero

O estrañamento, a incertidume, a tensión, outrarse..., son pistas para este Itinerario de Sandra Romero que reflexiona sobre a eliminación da identidade, co nexo da figura humana que se ve privada da súa esencia, principalmente polo efecto da desaparición do rostro. Protagonistas sumerxidos nun anonimato que á vez os fai universais, seres sen vontade, sen personalidade ou sen liberdade, alegorías da situación do individuo na sociedade de masas.

* En colaboración co Máster de Arte da Universidade de Santiago

Metaobxectual - María Marco

Metaobxectual  é unha proposta de roteiro a través de artistas e obras que se relacionan dunha maneira singular cos obxectos: botalos pola ventá, disparalos, situalos como excusa, deslavazalos e recompoñer os fragmentos, atopalos nun bosque, disolvelos... Metaobxectual busca unha linguaxe común de relación co entorno físico que vai máis alá da clásica representación tridimensional, deconstruíndoa, negándoa ou reducíndoa aos mínimos. Neste Itinerario por unha arte sen obxectos, María Marco recorre a unha cita de Hegel para sentenciar que “a arte está destinada a ser un obxecto de pensamentos”.

* En colaboración co Máster de Arte da Universidade de Santiago

Tránsito vital - Celia Adrián

Un novo Itinerario por dez obras que nos transportan a diferentes experiencias vitais e nos fan lembrar o día a día, o complexo e incerto da nosa existencia, o transitorio, a fugacidade do tempo… Vasos de auga, flores murchas, troncos, paxaros de chocolate, bicos, espirais, mapas, paisaxes, mesmo unha danza, son os artífices que invitan á meditación persoal polo devagar da nosa vida a través desta proposta de Celia Adrián.

* En colaboración co Máster de Arte da Universidade de Santiago

Vida secreta - Ania González

A raíz da lectura de Vida secreta, obra de Pascal Quignard que reflexiona sobre o pouso da experiencia vivida, Ania González, especialista en museoloxía e teoría crítica, quixo indagar sobre a pegada que o vivido deixa na obra dos artistas. ”Interesábame ver como a experiencia garda relación directa co traballo artístico”, e iso é o que procura neste novo percorrido da sección Itinerarios de Atalaia. Ania enfía unha selección de dez pezas para descubrir a vida secreta de cada artista.

Nocilla. Que marabilla! - Manuel González
Regresión teenager e iconas de carpeta é o subtítulo que propón Manuel González para completar este Itinerario inspirado nunha canción de Siniestro Total. Unha escolla de obras coas que trazar unha xenealoxía icónica ao redor da cultura xuvenil e do paso do tempo, da morriña polo pasado adolescente e as relacións entre suxeito e identidade, dunha etapa da vida sen -aparentes- preocupacións a golpe de cine e cómic, fotonovela e discoteca, fenómeno fan e mass-media, etnografía urbana e contracultura...
* En colaboración co Máster de Arte da Universidade de Santiago.