Novas paisaxes: da proxémica á realidade aumentada
Teño unha sólida formación en arte, tecnoloxías e arquitectura da paisaxe. Son licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo; estudei o Doutoramento en Imaxe, Deseño e Tecnoloxía na Universidad Complutense de Madrid, teño un Máster en Belas Artes na especialidade de Computer Art pola School of Visual Arts de Nova York e outro Máster en Ciencias na especialidade de Arquitectura da Paisaxe pola Columbia University. Todas estas disciplinas converxen nas miñas prácticas artísticas.
Na miña obra anterior experimentei con distintas técnicas audiovisuais, entre elas animación e motion graphics, baseando a miña obra na relación entre as tecnoloxías e os individuos.
O novo corpo de traballo que veño desenvolvendo segue a beber das mesmas fontes conceptuais aínda que, se cadra, máis enfocado na proxémica -espazos e distancias medibles entre as persoas mentres istas interactúan entre elas-, e consiste en material gráfico, fotográfico e instalacións. Utilizo medios dixitais e novas técnicas como a coñecida como realidade aumentada, que consiste nun contexto real cuxos elementos son aumentados por medio de tecnoloxías xeradas por ordenador, como o son e os gráficos en movemento.
Cada parte do proceso creativo queda rexistrada dunha maneira ou doutra, de xeito que cada paso do proceso é unha obra. Primeiro tomo notas, fago bosquexos e apuntamentos pola cidade, de obxectos e de lugares que considero interesantes por algunha razón. Logo deseño un mapa, empezo por bosquexos e remato perfilando un plano. Os espazos que deseño poden basearse tanto en lugares imaxinados como en espazos reais que atopo pola cidade. Baseándome nos planos, constrúo espazos tridimensionais, unha especie de maquetas que poden pendurar das paredes ou repousar sobre unha superficie horizontal. Sobre estes espazos tridimensionais proxecto pezas audiovisuais, imaxes que interactúan coas distintas frecuencias dos sons que gravei polas rúas e tiña editado dixitalmente. O resultado de cada proxecto é un conxunto de bosquexos, planos, debuxos, fotografías e videoinstalacións, consistentes en vídeos proxectados sobre maquetas arquitectónicas.
Antón Cabaleiro (Nova York, outubro 2011)
Outros links:
http://synchronizedlandscapes.wordpress.com/
http://momaps1.org/studio-visit/artist/anton-cabaleiro
http://www.iscp-nyc.org/artists/current/718.html
http://www.drawingcenter.org/viewingprogram/share_portfolio.cfm?pf=7493
http://www.antoncabaleirostore.com