Consumindo xuventude / Consuming Youth
Realizo os meus debuxos en grandes pezas de papel, que unidas conforman unha grande mancha crecendo no muro. A través de distintos soportes (vídeo, pintura murais, debuxo) constrúo unha imaxe global fracturada no detalle. Ao achegarte, descobres o xénero dos personaxes, a súa actitude, o seu comportamento... Estou interesado na idea do “outro” como un igual, como alguén ao que che gostaría semellarte, ou encarnando a imaxe do desexo.
Nos meus debuxos, “o outro” correspóndese coa imaxe do adolescente, que posa estrañamente pasivo, autómata, e que personifica os estereotipos e desexos do mundo adulto. Desde un principio procurei unha estrutura secuencial, na que os debuxos configuraran unha unidade. Servínme da lóxica do documento impreso (carteis, fanzines, revistas) de xeito que desde o fondo negro xurdira a imaxe, e que, unidas entre si, amosáransenos como un todo. A imaxe do debuxo corresponde na súa maioría a rapaces xoves, imaxes que fun escollendo de páxinas web, outras tomadas no verán nos parques e lagos de Berlín. Todas as fotos responden a instantes nos que a actitude do retratado é nalgúns casos de presenza arrogante, ou ben de erotismo forzado, mesmo de inxenuidade...
Noutros debuxos emprego a tinta, rotulador, cinta adhesiva para construir unha imaxe fragmentada máis perta do colaxe, nas que o espazo que sitúa aos personaxes constrúese a partir da superposición de planos de mallas de aramados. Son debuxos de instantes, do paso rápido a carón do valado dunha zona de lecer. Debuxos negros ou de neón fluorescente, porque negra ou neón era a luz que lembro. Esa lembranza da cor, quería mantela no debuxo, así que pensei en anular o fondo branco do papel envolvendo o debuxo nunha carcasa de metacrilato tinxido. O resultado presenta o debuxo máis perto ao espacial que ao plano.
Salvador Cidrás (Maio 2010)