Atalaia

Darío Basso
 Darío Basso

Darío Basso

Cores intensas, luminosas, cheas de contrastes, ligadas polo uso dinámico da forma. Estas últimas pezas mostran un tratamento de forma e contido completamente novo na pintura do artista Darío Basso.

Fiel á súa estética matérica, Basso non só aplica espesas capas de acrílico e óleo, engade tamén follas secas, que dan aínda maior aspecto de profundidade ás obras. O efecto óptico das superficies ásperas que forman case surcos nas pezas vese acentuado co uso de area de mármore.

En termos de forma e cor, retoma temáticas anteriores como as follas de palmeira e plátano embebidas en cor; ou a forma do Panteón da súa época Annibale contro Roma, por exemplo, e combínaas de maneira fascinantemente casual. Novas versións da súa serie Flowers to Andy mostran un uso da forma máis libre e espontáneo que o anterior. As follas, dispostas ou ordenadas como unha estrela, son máis esveltas, e as formas se comban e enroscan, aumentando incriblemente o habitual dinamismo do traballo de Darío Basso. As flores parecen metamorfosearse en estrelas de mar, os seus brazos móvense e alargan fóra dos límites da tea.

Outros traballos entre os últimos de Basso, son diferentes. Priman as cores moi luminosas, claramente delimitados. Mentres nas primeiras versións destas pezas, en 2005, grosas liñas de cor corrían facía abaixo ou alcanzaban a parte superior do cadro en liña recta, como estalactitas e estalagmitas, agora abríganse unhas con outras creando formas florais ou semicirculares.

Os títulos das pezas aluden á influencia directa e indirecta da natureza sobre estas pinturas, que Darío pintou ao aire libre. Expostas aos elementos, as obras de Basso son o resultado da súa colaboración coas influencias externas: animais, vento, choiva e sol deixaron o seu sinal sobre as obras, coa mesma forza que o seu pincel e a súa espátula. Tamén se inspiran no Norte, que determina o clima no estudo ao aire libre do artista e trae a maioría das tormentas.

Estas novas obras marcan un punto de evolución na obra de Basso. O artista sincretiza as súas anteriores obras nunha forma completamente nova, máis libre e máis dinámica, composta por referentes anteriores que se combinan con outros novos; á vez, ampliou considerablemente a súa paleta, que domina as súas obras máis recentes, nas que a cor e a forma son cada vez máis independentes.

Dra. Alexandra Henze