Atalaia

Sofía Jack
 Sofía Jack
Figueres -Girona- (1969)
Vive e traballa en: Madrid

Sofía Jack (Figueres, 1969) presenta unha traxectoria de singular independencia respecto das modas estéticas e, así e todo, é unha pioneira no Estado español da lectura crítica da modernidade histórica, un principio hexemónico e universal que tivo na casa, no fogar, un dos seus puntos álxidos. A correlación entre o espazo doméstico e o espazo de exposición é o fondo dunha produción artística que, en aparencia, cuestiona ese lugar problemático do museo ou espazo de exposicións: un espazo utópico de encontro público con representacións outras do real que inclúen a súa relación coa audiencia a comodidade do doméstico como un estándar conquistado.

Escenarios domésticos é precisamente o título dunha das súas últimas series de debuxos ao carbón, onde reproduce imaxes de interiores de casas do movemento moderno, impresas nas primeiras décadas do século XX en publicacións especializadas. A intención desta apropiación está clara no título da exposición, na Galería Fúcares de Madrid, onde expuxo este traballo pola primeira vez: Todo lo sólido se desvanece en el aire (Todo o sólido esvaécese no ar) é unha apropiación tamén do título dun ensaio de Marshall Berman que expuña como a modernidade, aparentemente racionalista, era unha irracionalidade disfrazada, unha mutabilidade vestida dun purismo formalista aparentemente inmóbil.

É sabido que Le Corbusier, ideólogo da casa como máquina para habitar que se converte una insignia da nova arquitectura, retocaba, por medio de colaxes e intervencións de imprenta, as imaxes publicadas das súas arquitecturas. Eliminaba, primeiro, calquera presenza humana para fomentar ese aspecto de prototipo dos seus deseños, de ideal aplicable a calquera caso concreto. Doutra banda, a prístina brancura mediterránea do novo clasicismo moderno que propuña tamén era un imaxinario controlado, que non correspondía coa realidade do clima nin coas luces parasitas dos lugares onde a súa arquitectura vivía.

Os debuxos que representan as escaleiras destes edificios permítenlle a Sofía Jack expresar esa ambigüidade, ese esteticismo irrespirable das imaxes propaganda da arquitectura moderna. As escaleiras, espazos de transición, entre arriba e abaixo, son dobres das imaxes dos espazos orixinais: son coma pegadas dunha arquitectura que garda nunha relación de sinestesia coa crítica mesma que expoñen. As escaleiras xeran sombras, pasos entre a luz e a escuridade; a técnica do debuxo ao carbón concentra o ollo precisamente nesa ambigüidade, na gradación infinita, borrosa, entre o branco do papel e o negro do debuxo, resaltando esas posibilidades intermedias, ese aire respirable que debe ser devolto ao interior dunhas arquitecturas que, antes que imaxe ou fotografía, foron espazos reais. A técnica sempre é inseparable do contido que expresa, e o carbón é precisamente a forma de debuxo que máis depende da pegada da man do artista. O carbón marca a intensidade da súa negrura sobre o papel dependendoda forza que exerce a presión da man sobre o seu instrumento de traballo. Fronte á fotografía, indiferencia os contornos das cousas, facendo vibrar a luz, restándolles importancia aos límites. A apropiación das imaxes e a súa tradución ao debuxo pasa por esa técnica como un xeito de habitar, de tentar habitar aquilo que semella inhabitable: interiorizando, afectando emocionalmente o aparente realismo racionalista deses interiores e facéndoo, de novo, desacolledor.

Como lembraba Richard Sennet na súa análise do fenómeno urbano, é a dimensión privada a que absorbe hoxe o discurso público, e a esfera pública non sabe como expresarse xa se non é a través dun tipo de discurso íntimo e emocional.

Manuel Segade