Atalaia

Juan Pablo Etcheverry
 Juan Pablo Etcheverry
Montevideo (Uruguai) (1975)
Vive e traballa en: A Coruña

Juan Pablo Etcheverry

Son un realizador e artista licenciado en Belas Artes coa especialidade de debuxo. Desde 1997 escribo, realizo, edito e posproduzo as miñas propias curtametraxes de animación. Desenvolvín a miña linguaxe audiovisual de forma autodidacta, filmando en vídeo dixital e, principalmente, mediante a técnica de animación Stop Motion. Entre as miñas primeiras dez curtametraxes teño unha dobre colaboración no DVD de Radiohead, The Most Gigantic Lying Mouth of All Time!, e a realización de dous anuncios de tv para a canle temática de Universal Studios, Calle 13. Co total das miñas películas gañei mais de 70 premios nacionais e internacionais e teño participado en multitude de mostras e festivais ao redor do mundo. Gañei dúas veces o Premio Mestre Mateo de animación e fun nomeado dúas veces aos Goya e unha vez aos premios da academia europea.

Os meus últimos traballos foron filmados en alta definición mediante cámara de fotos dixital e transferidos a 35 mm. A miña curtametraxe Minotauromaquia (2004), foi usada como imaxe do Art Filme Festival de Montreal e proxectada no MoMA de Nova York como parte dunha selección internacional de curtametraxes. Na curtametraxe A flor máis grande do mundo (2007), adaptei o único conto infantil do premio Nobel de literatura José Saramago, podendo contar coa voz do mesmo José Saramago e a música sinfónica de Emilio Aragón.

Durante 2008, en colaboración con outros dous guionistas, escribín o guión cinematográfico de Regina Verbum. En 2009 dirixín e realicei a postprodución e cabeceira animada da longametraxe Crebinsky, de Enrique Otero.
 
Actualmente imparto cursos de iniciación á animación e traballo no desenvolvemento de varios proxectos de ficción e animación.

Juan Pablo Etcheverry, 2010