Atalaia

Chelo Matesanz
 Chelo Matesanz
Reinosa -Cantabria- (1964)
Vive e traballa en: Vigo

Arte como ilusión, estrañeza, innovación, distinción, perfección, oficio, enxeño, fe, maxia…

Realidade. É importante para a arte, o é separar a realidade do que se di dela. O coñecemento non ten intermediarios, nin intérpretes que digan o que opinan, pero isto non sempre se ve.

Dalgún xeito, a obra trata do que está arredor, de procurar probas, referentes, basearse na verdade e, ás veces, tamén de opinar sobre as opinións doutros ou sobre as mediáticas. Adoita suceder que, a forza de escoitar as mesmas versións, estas parecen ser verdadeiras, un opina e os demais repiten. Aínda que a repetición non sexa a demostración de nada, aínda que entender como outros expresan a realidade non sexa entender a realidade, tamén se mira con interese esas manifestacións.

Defensa. A obra pode ser unha expresión da impotencia por non poder cambiar as cousas. Axuda a aceptar o que non se pode mudar.

Ás veces péchome ao que non me gusta. Outras veces convértoo en tema para a obra, a ver se así o arranxo. Outras veces estou moi distraída, con indiferenza e falta de atención.

Non sempre me conformo só con saber e quero convencer os demais e impoñerlles as miñas conclusións e o meu xeito de ver o que me rodea. Non sempre o acado e non sempre sei se é conveniente facelo. Nin empregar o meu traballo para tentar convencer a ninguén. Non quero poñer tan alta a propia intelixencia, que se converta en pauta do que é verdade.

Crítica. Xa non creo que as críticas solucionen as cousas, case sempre se entenden como mensaxes destrutivas. Agora non é momento de criticar, nin de falar do outro, nin das excepcións, de feito se crearon tantas "excepcións"... tantas como clixés. Os lugares comúns han de ser diferentes.

A arte non pode ilustrar as causas políticas, nin supeditarse a elas. Está precisamente, na distancia, no percorrido que separa a realidade e o obxecto artístico, está no modo de narrar, transformar, ficcionar, poetizar... a realidade para convertela en obxecto.

Algúns artistas só finxen interesarse pola arte, non se pode necesitar a arte para vivir dela, nin necesitar a atención do mundo para facer arte. A arte debe ser independente e ser ela en si mesma o seu maior interese.

Tempo. A obra reflicte aspectos do tempo no que vive, aínda que non creo que o seu obxectivo deba ser este. As novas diarias, a actualidade inmediata non poden ser tema para a arte. As imaxes moi significativas son menos interesantes. Tamén o son as mensaxes concretas. Os temas non son unha finalidade a priori, senón que se van atopando no proceso, son un intermedio ou unha materia prima.

A necesidade de modernizar é unha obsesión actualmente. Non se pode estar máis interesado en ser moderno que en ser artista.

O tempo, a época quedarán atrapados no obxecto, formando parte do seu tecido, pero haberá outra parte atemporal.

Moitas veces a idea de contemporaneiade que transmite o artista é a que se ve forzado a transmitir, sacrificando o seu exercicio creativo individual por unha "modernidade" colectiva e globalizada baseada en trazos ou marcas superficiais. O artista debe coñecer os fundamentos e principios ontolóxicos da arte, e poder dicir algo á arte dende eles e dende a súa propia experiencia vital e artística.

A experiencia de vida dun artista sempre se realiza a través da arte.

'Facer' coas mans prodúceme grandes satisfaccións, gozo no proceso, con todo o que isto implica, en canto ao azar, á improvisación, á visceralidade, ao ánimo... despois é o coñecemento, os principios os que ordean as cousas e lles dan sentido.

Desconfío dos artistas que non saben ocultar as súas torpezas. Tamén desconfío da ausencia de emocións. Quero mirar e recoñecer un selo, un estilo, pero isto non é algo que se planifica de antemán; penso que ten que ver coa intuición e co coñecemento, cun proceso selectivo da ollada e a análise e, por suposto, unha experiencia individual. O "estilo" e a "actualidade" teñen que ver na comprensión da arte e da cultura, xurdir a partir da experiencia da investigación, non de forma arbitraria nin mimética.

Intuición. Para min quizais máis importante que moitos outros termos relacionados coa arte, case sempre chego ás conclusións primeiro a través da intuición, despois a razón fai visible o percorrido, afianza, argumenta e xustifica.

Amosar. Cando miro unha cenoria, podo ver unha pintura realista ou un símbolo fálico, pero tamén é inevitable pensar en saúde e beleza, ou no fresca que pode ser en verán, na súa cor laranxa, a súa rugosa textura, na harmonía ou xenerosidade da súa forma, no efémero, no senlleiro por irrepetible... tamén podería ser algo inefable.

Humor. Ás veces síntome incapaz de compartir ou de manter as coordenadas e os principios do contexto social. Os tiranos exercen unha estraña atracción sobre as persoas. O humor é unha forma de escapar á fascinación e ao dominio que exerce o poder, aos consensos, sen enfrontarse directamente, é unha negación das normas. A ironía permite dicir unha cousa e pensar outra, ocultar as verdadeiras intencións.

A risa atenúa a impotencia, é material subversivo.

A obra é a expresión do talento do artista. Cada obra é unha definición de arte.

Texto: Chelo Matesanz