Warning (2): include(avg/images/tacu.jpg) [http://php.net/function.include]: failed to open stream: Non hai tal ficheiro ou directorio [/var/www/html/cultura/html/Connections/con_cultur.php, line 1]
Warning (2): include() [http://php.net/function.include]: Failed opening 'avg/images/tacu.jpg' for inclusion (include_path='/var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp:/var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/:.:/usr/share/pear:/usr/share/php') [/var/www/html/cultura/html/Connections/con_cultur.php, line 1]

Atalaia

Mónica Alonso
 Mónica Alonso
A Fonsagrada -Lugo- (1970)
Vive e traballa en: Lugo

Amarelo Loucura

O amarelo é para min a cor da loucura, escribía eu en 2002 para presentar a peza Espazo Infinito (1994), hoxe volto a esta idea para escribir este texto que titulo así: Amarelo Loucura.

Facendo memoria, é o amarelo a primeira cor que utilizo, os Cuartos de Loucura e o Cuarto Amarelo (1993), son a orixe. En Adosados 3 (1997), a maqueta dun edifico de 48 vivendas con 12 cuartos destacados en cores e 27 camas, o meu é o do 3º andar, o cuarto amarelo. É amarelo o cuarto de Somniurizado 1, (1997) o previo ao somnio, e unha das 5 Terapias de 5TC (2002), amarelo = ilusión: Ideal para persoas que busquen recobrar a ilusión perdida. Incide directamente sobre os sentimentos e a fantasía, recomendada para persoas soñadoras ou con inspiración creativa.

Deixa o amarelo de ter unha intención clara na miña obra ata que a finais de 2004 (beca Fundación Yaddo) comezo a traballar nos Transplantes de Suicidio, e materializo as pezas Cor de Carne Triste 1 e 2 (2006). Teño a sensación de ter pechado un circulo no amarelo coa obra de 1993 a 2004, e marcho a Roma para buscar en Federico Fellini respostas que xa buscara ao inicio. Recoñezo que a percepción do peche dese círculo amarelo me produxo vertixe pero ao mesmo tempo un profundo alivio na procura.

As cores da carne: do vermello conxestivo ao verde marciano (2006), é unha peza de investigación, a carne natural afectada polo amarelo da como resultado Cor de Carne Triste, para min un dos meus maiores logros. Carne triste con un pouco máis de amarelo da como resultado: Cor de Carne Suicida, a cor da que está feita a Cama Amarela para Transplante de Suicidio (2007).

Traballar co amarelo para min é entrar no terreo da enfermidade mental, da melancolía, da Tristeza Profunda (2008), xerar imaxes moi difíciles de conxelar pero nas que me empeño. Que pretendo entón cos Transplantes de Suicidio?: A maioría das persoas que teñen experimentado algunha vez o suicidio, posteriormente alégranse de estar vivos. Din que non querían poñer fin as súas vidas, tan só desexaban evitar a pena. O suicidio aparece como a opción razoada de poñer fin a un sufrimento insoportable. Os Transplantes de Suicidio materializarían esta situación: moitas persoas teñen sentido, directa o indirectamente, depresión e instinto suicida en algún período da súa vida. Se tiveran a oportunidade de achegarse a esta experiencia e visualizar o fin do seu sufrimento, engancharanse de novo á vida. Neste proceso é onde se materializa o transplante.

As mensaxes que imos recibindo dende pequenos fanse carne, a cor da melancolía é un tema da historia da arte. A traveso da localización da cor de carne suicida entraría nunha dimensión que só se pode abordar dende a disciplina artística.

Mónica Alonso (Xullo 2008)