En 1784 Boullée ó mesmo tempo que redactaba o seu Essai sur l'art, deseñaba o cenotafio de Newton coma un dos iconos do que se chamaría arquitectura visionaria, mentras, Georges Jacob, no seu taller de París realizaba unha cadeira de brazos por encargo real. Marie Antoinette repousaría nela as súas doces nádegas, mentras que o cenotafio proxectado sería unha tumba baleira.
Neses intres, Boulleé suliñaba no seu ensaio como a arquitectura era o medio a través do que a escultura ía a destacar en toda a súa beleza “nas figuras e baixorrelevos que forman a decoración”, a idea non era nova, dende logo, a escultura vai a estar ligada á 'lóxica do monumento' ata finais do século XIX. Porén, en Boullé e tamén en Ledoux, o proxecto arquitectónico vai estar asociado a certa escultura que fará a súa aparición no século XX, quizais por iso nos seus proxectos mais radicais a escultura como elemento decorativo vai desaparecer, convertíndose a mesma arquitectura nunha escultura monumental.
Falo de Boulleé porque as miñas primeiras esculturas estaban entrelazadas cunha lectura de este a través do corpo e citaba ó principio tamén a Georges Jacob, por unha lembranza infantil que voltou nunha das últimas series que estou producindo.
No soto da casa había unhas cadeiras Luis XVI, levaban alí moito tempo, un día baixei a procura de algo, non recordo o que, e ocurriuseme levantar un dos coxíns dunha das cadeiras. Debaixo do coxín roído había un niño de ratonciños minúsculos, case sen pelo e o niño en cuestión estaba feito con tiras perfectamente cortadas dunha revista de fotografía que se titulaba Nueva Lente, chamei o meu irmán para que viñera a velo, non podía imaxinar que uns ratos puidesen recortar tiras de papel con aquela perfección. Despois co tempo pensei que quizais os ratos lían, e que construían arquitecturas efémeras có significado das palabras entrecortadas. Quizais eles tiñan entendido mellor todo.
Texto: Jorge Varela. Santiago de Compostela, novembro 2013