Formas, planos, volumes, espazos e relacións de cor
O meu traballo parte de formas. Formas xeométricas simples, desenvolvidas cara o volume na procura de irromper dalgún xeito no espazo. Unhas veces parto do elemento arquitectónico como soporte, e outras veces do soporte como elemento arquitectónico; sexa cal sexa, o meu interese sempre vai encamiñado cara calquera superficie susceptible de portar cor.
Por suposto, tamén hai unha procura estética. Unha das cousas que máis me motivan do meu traballo é que nunca está rematado, sempre hai novas versións, novas posibilidades, novos espazos que ocupar… Confeso o meu interese e atracción polo límite, a fronteira, onde se atopa o case e onde se produce a mestizaxe. Penso en pintura, en interrogantes como: onde se atopan os seus límites, físicos e conceptuais?, de que maneira se pode presentar habitando fisicamente o espazo?
Para min a arte é unha maneira de presentar pensamentos que non se poden describir con outros medios. Gústame o silencio, pero tamén pode chegar a molestarme dun xeito esaxerado; quizais isto teña algo que ver co xeito no que emprego as cores: ás veces preséntanse silandeiras ou como ecos, e outras son contundentes e os contrastes saltan inmediatamente.
En todos os casos pretendo que o espectador non poda definir unha peza cun único golpe de vista. É preciso ter varias perspectivas para percibila. Todo ocorre nun campo de acción máis grande que o delimitado polo cadro.
Estes tratamentos -do espazo como obxecto e do obxecto como espazo-, procuran que o observador se mova ao redor da obra, no caso de que non se atope xa dentro da mesma -nas instalacións-, e que mentres se executa este movemento, o observado varíe e se produza tamén un cambio de parecer no espectador.
Mar Vicente (marzo 2011)