Warning (2): include(adodb/home.inc) [http://php.net/function.include]: failed to open stream: Non hai tal ficheiro ou directorio [/var/www/html/cultura/html/Connections/con_cultur.php, line 1]
Warning (2): include() [http://php.net/function.include]: Failed opening 'adodb/home.inc' for inclusion (include_path='/var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp:/var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/:.:/usr/share/pear:/usr/share/php') [/var/www/html/cultura/html/Connections/con_cultur.php, line 1]

Atalaia

Manuel Vilariño
 Manuel Vilariño

Premio Nacional de Fotografía no ano 2007. A súa traxectoria fotográfica, na que conviven imaxes en branco e negro con outras a cor, comeza a finais dos anos setenta, como unha continuada tentativa de fusionar valores da natureza con aspectos de cariz cultural, nun panteísmo obxectual que oscila entre os extremos do humano e do animal, do relixioso e do profano, do sagrado e do proscrito. Os seus intereses pola poesía (José Ángel Valente, Rainer Maria Rilke, Ezra Pound, Wallace Stevens), polos místicos (San Juan de la Cruz), ou pola escrita dos discursos filosóficos (desde Martin Heidegger a María Zambrano), transitan entre as luces e as sombras da súa concepción da fotografía como unha posta en escena das entranas e profundidades do pensamento poético.

Nocións ao redor do límite, do escuro, do sagrado, do sublime, do pálpito, da resurrección, ou da soedade no devalar do tempo, repousan nas metáforas das súas composicións, sempre dunha atraínte e austera beleza. Imaxes únicas, dípticos, trípticos, ou grandes polípticos como Metamorfose da sombra, puro aura e espectro do vó ceibe e cambiante, ou Paraíso fragmentado -que presentou na Bienal de Venecia 2007-, a modo de gran retablo de diversos animais sobre tumbas de especias, como unha excitante ofrenda cromática chea de contención, constitúen parte da presentación do seu traballo, cunha resolución técnica impecable, e unha pregnancia visual cun fulgor que non deixan indiferente. Desde as series Bestias, Soños e Osamentas, recollidas no libro Bestias Involuntarias -1992 e segunda edición no 2009-, as súas imaxes aparecen unhas veces protagonizadas por animais solitarios (lagartos, aves, roedores), outras, acompañados de diferentes elementos alegóricos como ferramentas, especias, froitas ou candelas e cránios, en alusións directas ao xénero da natureza morta -ben de influencia brahmánica, hindú, oriental, ou ben da vánitas barroca e da pintura do tenebrismo español-, máis presentes xa en series como Instante amarillo (2007). En menor medida, o retrato tamén forma parte da súa produción menos coñecida; retratos unhas veces de corte antropolóxica, e outras de forza e intensidade psicolóxica na ollada do personaxe. Mentres, a paisaxe está a agromar dun xeito moi salientable a partir do ano 2005, con dípticos e panorámicas que pulsan a grandeza sublime dun certo romanticismo nórdico, mesmo a travesía do deserto entre as dunas dunha praia galega ou a orde do caos no labirinto selvático das silveiras e dos bosques.

Todo un convite para esculcar nunha outra ollada da experiencia da relación entre o home, a natureza, o tempo, a vida e a morte, desde a resistencia e a emboscadura, pero cunha fonda crenza: o valor da imaxe e da palabra como coordenadas poéticas da expresión circular do ser humano.

Seve Penelas