Atalaia

Abigali Lazkoz. Distopía literal. 2011. Vista da intervención no vestíbulo do MARCO, Vigo
> Abigail Lazkoz. Distopía literal
Datas: 07/12/2011 - 23/03/2012

Artistas

Abigail Lazkoz

Comisariado

Jorge Díez

Descrición

A intervención de Abigail Lazkoz (Bilbao, 1972), enmárcase no proxecto 1812-2012. Unha ollada contemporánea, producido por AC/E (Acción Cultural Española), e comisariado por Jorge Díez, en conmemoración do bicentenario da Constitución de Cádiz. O proxecto engloba un conxunto de iniciativas en distintos ámbitos como a arte, a ilustración, a música, o audiovisual e Internet, que se desenvolven en diversos puntos de España.

Abigail Lazkoz. Distopía literal

Constitución de Cádiz, 1812. Art. 13. O obxecto do Goberno é a felicidade da Nación, posto que o fin de toda sociedade política non é outro que o benestar dos individuos que a compoñen.

No proxecto Distopía literal, Abigail Lazkoz presenta unha reflexión gráfica-conceptual en torno á evolución do concepto da felicidade dende 1812, ano da promulgación da Constitución de Cádiz, ata os nosos días. Para iso, no vestíbulo do MARCO recréase un espazo de pegada libre e de carácter espontáneo e de rúa que combina carteis de papel, sinais de madeira, adhesivos, pancartas e demais soportes creados pola artista nos que se recompilan citas literarias, diarios, e textos institucionais, un por cada ano do aniversario da ‘Pepa’.

A obra consiste en 200 textos de máis de 50 países e de diversa orixe (militares, artísticos, biográficos, científicos...), que ofrecen un percorrido a través da evolución da idea de felicidade, empezando polas reivindicacións da era postrevolucionaria francesa e continuando polo nihilismo romántico, os movementos antiescravistas e postcoloniais, os dereitos da muller, a revolución industrial, os movementos obreiros, a identidade sexual, a cientifización da sociedade, a psicanálise, ou as grandes guerras. Un mosaico cronolóxico que intenta dar conta da complexidade dun concepto como é decretar o dereito á felicidade: lexislar, dar estrutura a un sentimento que atinxe ao subxectivo pero tamén ao colectivo, ao individuo como ser social.

A Lazkoz o Artigo 13 da Constitución de Cádiz pareceulle interesante como “exemplo perfecto do espírito dos tempos baixo os que se redactou a Constitución. Un tratamento tan comprometido e digamos proactivo da felicidade, tema subxectivo e escorregadizo onde os haxa, pode parecer baixo a perspectiva actual cando menos naif, pero enténdese mellor se o contextualizamos historicamente no pensamento utópico e idealista da Europa ilustrada”.

“Nesta obra -continúa a artista- utilizo precisamente o termo distopía, chamada tamén anti-utopía. A distopía é unha utopía perversa onde a realidade transcorre en termos opostos aos dunha sociedade ideal. O termo foi acuñado como antónimo de ‘utopía’ e úsase principalmente para facer referencia a unha sociedade ficticia frecuentemente emprazada no futuro próximo, onde as consecuencias da manipulación e o adoutrinamento masivo -xeralmente a cargo dun Estado autoritario ou totalitario- levan ao control absoluto, ao condicionamento ou exterminio dos seus membros baixo unha fachada de benevolencia”.

No que atinxe ao tratamento dos textos, a artista inspirouse nos Exercicios de estilo de Raymond Queneau e, no que respecta ao tratamento visual, na recreación que de Oceania, o estado totalitario ficticio da novela 1984 de George Orwell, se fai no filme do mesmo nome.

“A través de 200 textos de moi variada procedencia xeográfica e temática, a miña obra ofrece unha visión editorializada da evolución do concepto da felicidade nestes 200 anos. Dende Frankenstein a Wiki-leaks, pasando polas sufraguettes ou unha cita dun poema de Leopoldo María Panero, intento achegar algunhas ideas sobre as bases que apuntalan este concepto que obsesiona ao individuo contemporáneo”.

1812-2012. Unha ollada contemporánea. O proxecto global

Acción Cultural Española (AC/E) é unha institución cultural de carácter público que fai promoción e difunde as diversas realidades culturais de España. AC/E aborda a conmemoración do Bicentenario da Constitución de Cádiz dende unha perspectiva actual, co proxecto 1812_2012. Unha ollada contemporánea, comisariado por Jorge Díez, que engloba un conxunto de iniciativas en distintos ámbitos como a arte, a ilustración, a música, o audiovisual e Internet, que se desenvolven en diversos puntos de España. Douscentos anos despois da ‘Pepa’, AC/E quere xerar un espazo de reflexión dende distintas prácticas artísticas actuais, máis alá do simple exercicio conmemorativo ou historicista.

O proxecto empezou o 3 de decembro no Auditorio 400 do Museo Reina Sofía, cun concerto inaugural no que se estreou, grazas á colaboración do MNCARS, Luz sobre lenzo, unha peza de música contemporánea, flamenco e electroacústica composta para a ocasión por Mauricio Sotelo por encarga de AC/E.

Ademais, AC/E encargou a 18 artistas que desenvolveran intervencións en torno á Constitución de Cádiz que se levarán a cabo en 17 cidades, unha por Comunidade Autónoma. Segundo proposta do comisario, cada artista tomou como referencia inicial do seu proxecto un artigo concreto da Constitución de 1812, xunto cos conceptos de dereitos, liberdades, cidadanía e participación no contexto das revolucións árabes e do 15-M. Os proxectos comezaron a partir do 5 de decembro e, segundo as súas características, terán o seu propio desenvolvemento temporal.

Os artistas e as localidades nas que se levarán a cabo as intervencións son: Democracia (MEIAC de Badaxoz), Dionisio Cañas (CENDEAC de Murcia), Diana Larrea (EACC de Castelló), Iñaki Larrimbe (Es Baluard de Palma de Mallorca), Abigail Lazkoz (MARCO de Vigo), Juan López (ARTIUM de Vitoria-Gasteiz), Rogelio López Cuenca (CAAM de Las Palmas), Maider López (MUSAC de León), Cristina Lucas (IAACC Pablo Serrano de Zaragoza), Alicia Martín (Biblioteca Central de Santander), Noaz (Centro Huarte de Navarra), Carme Nogueira (Museo Sefardí de Toledo), Marina Núñez (Centro Niemeyer de Avilés), Gustavo Romano (CAAC de Sevilla), Fernando Sánchez Castillo (Museo Würth de La Rioja), Pablo Valbuena (Congreso dos Deputados, Madrid), Isidoro Valcárcel Medina (MACBA de Barcelona) e Azucena Vieites (publicación).

Fonte: MARCO