Atalaia

Tracey Rose. Venus Baartman. 2001. Fotografía cor, 120 x 120 cm
> Afro Modern. Viaxes a través do Atlántico negro
Datas: 16/07/2010 - 10/10/2010

Descrición

No 1993 Paul Gilroy acuñou a expresión o Atlántico Negro para describir a fusión das culturas negras con outras orixinarias do Atlántico. O seu libro tivo unha enorme repercusión na maneira de percibir e abordar a cultura negra no eido dos estudos culturais, e xerou unha serie de debates críticos que aínda hoxe permanecen vixentes. Afro Modern: Journeys through the Black Atlantic -Afro Modern: Viaxes a través do Atlántico negro- recolle este concepto do océano Atlántico como un continente en negativo -unha rede de culturas veciñas e entrelazadas que se estenden por África, América do Norte e do Sur, o Caribe e Europa- e traza os camiños, reais e imaxinarios, seguidos polos artistas a través do Atlántico dende 1909 ata os nosos días.

A exposición -comisariada por Tanya Barson e Peter Gorschlüter, e procedente da Tate Liverpool-, organízase en capítulos cronolóxicos que abranguen dende os movementos de vangarda de principios do século XX, tales coma o Harlem Renaissance (o Renacemento de Harlem), deica as polémicas actuais arredor da arte da post-negritude. Con ela dáse paso a unha interpretación transatlántica e alternativa da modernidade e da súa influencia sobre a cultura contemporánea para unha nova xeración, á vez que se presenta a obra dun amplo elenco de artistas de forma xustaposta.

Afro Modern: Journeys through the Black Atlantic mostra os traballos de múltiples artistas, entre os que se atopan Romare Bearden, Constantin Brancusi, Edward Burricana, Renée Cox, Aaron Douglas, Walker Evans, Coco Fusco e Guillermo Gómez-Peña, Ellen Gallagher, David Hammons, Isaac Julien, Wifredo Lam, Jacob Lawrence, Norman Lewis, Glenn Ligon, Man Ray, Ronald Moody, Wangechi Mutu, Chris Ofili, Pablo Picasso, Keith Piper, Tracey Rose, e Kara Walker, entre outros.

Fonte: CGAC