Atalaia

Alberto Martí. Os adeuses, A Coruña, 1957. Fotografía b/n
> Alberto Martí. Os adeuses
Datas: 26/05/2011 - 26/06/2011

Artistas

Alberto Martí

Comisariado

José Caruncho

Descrición

Os Adeuses. Fotografías de Alberto Martí compónse de 73 fotografías en branco e negro que reflicten o éxodo galego cara a América entre os anos 1957 e 1963 desde os portos da Coruña e Vigo. A exposición distribúese en tres áreas (A Ida, A Volta, e o Buque Santa María), con imaxes protagonizadas por xente anónima e polas súas experiencias arredor do embarque ou desembarque dos buques que os levaban cara a América.

Alberto Martí Villardefrancos (A Coruña, 1922), que rexistrou estas imaxes coas súas cámaras nos portos da Coruña e de Vigo, entre os anos 1957 e 1963, aínda segue en activo, ordenando e clasificando o seu arquivo, que pode chegar a un millón de negativos. Comezou con 12 anos en Foto Blanco, collendo o traspaso deste estudo en 1953. Compaxinou o seu traballo con colaboracións na prensa. Recibiu varios premios nacionais e internacionais e a súa inquedanza fotográfica traspasou as fotos para cubrir noticias, reportaxes de vodas, reportaxes sociais... Entre estes traballos destaca a súa serie sobre a emigración. Para José Caruncho, coordinador técnico da exposición que escolma ese material, este fotógrafo foi un “cabaleiro da fotografía” que conseguiu retratar toda un fenómeno social con humanidade, fondura e grande sentimento.

A mostra, froito da alianza entre diversas institucións -Fundación Barrié de la Maza, Consello da Cultura Galega, CGAI (Centro Galego das Artes da Imaxe), Arquivo da Emigración de Galicia, e a Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia-, púxose en marcha en xullo de 2010 na sede coruñesa da Fundación Barrié, chegando en abril de 2011 á sede de Vigo e, posteriormente, en maio de 2001, ao Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela.

Fonte: Fundación Barrié de la Maza / Museo do Pobo Galego