Mar de crebas é o título da exposición individual de Alejandra Sampedro (Valencia, 1988), unha das artistas que participou na mostra Xeración 80, comisariada pola Galería About Art no Pazo da Cultura de Pontevedra (abril-xuño 2012), e na que se presentaba a unha xeración de artistas novas nadas na década de 1980, que salientan por unha visión crítica e do proceso artístico, cun traballo orixinal, realizado cunha linguaxe definida e persoal.
Nesta mostra presentada agora na galería, Alejandra Sampedro expón o seu traballo escultórico a partir dunha curiosa técnica, traballada con materiais pobres recubertos de refugallos de vidros, cerámicas e porcelanas. Unha exposición que se pode relacionar co movemento da Arte Povera e tamén co modernismo de Gaudí, con pezas cerámicas a xeito de teselas, realizadas con materiais atopados na zona do Cabo Silleiro, concretamente en torno ao faro vello, onde Sampedro desenvolve o seu proxecto de investigación centrado na idea de pegada e memoria como resto arqueolóxico, cun traballo de recollida de elementos que introduce nas súas obras e se transforman na esencia das mesmas. A costa de Cabo Silleiro, o entorno de recollida das crebas, está cargado de misterio polas abundantes aparicións de porcelana antiga que poderían estar vencelladas á presencia dunha batería militar ou pola navegación portuaria de Baiona desde o século XVI.
As pezas escultóricas de Sampedro, como unha masa informe que tenta cobrar vida, xorden da combinación entre o material cerámico, da súa cor e textura, creando resultados visuais e formais inusuais no panorama artístico emerxente, funcionando ao mesmo tempo como unha crítica ao mundo consumista e optando por unha actitude de rescate do olvido de algo que, nun principio, ten sido despoxado de todo valor económico. Alejandra Sampedro entende este proceso como un acto de resistencia, onde pequenos obxectos esquecidos funcionan como unha posible prolongación do suxeito ao que puidese pertencer no pasado. As crebas cerámicas empregadas na obra de Sampedro gardan a memoria dunha vida e unha orixe incerta. A exposición presenta esta serie escultórica acompañada de fotografías que completan o proxecto de investigación da artista.
Fonte: Galería About Art