Atalaia

Alex Katz. Departure. 1993. Óleo sobre lenzo. 167x228 cm. Col. privada, Portugal
> Alex Katz. Case nada
Datas: 19/04/2012 - 30/09/2012

Artistas

Alex Katz

Comisariado

David Barro

Descrición

O Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa presenta na Coruña, e por vez primeira en Galicia, unha exposición individual do pintor norteamericano Alex Katz (1927, Brooklyn, Nova York, Estados Unidos), que repasa a traxectoria deste artista considerado como unha das iconas da pintura figurativa norteamericana e un dos precursores da arte pop. Baixo o título Case nada, a mostra ofrece unha escolma de 22 pinturas de paisaxes, escenas e retratos, case todas elas de gran formato e procedentes de coleccións privadas españolas ou portuguesas

Nado, no 1927, no seo dunha familia de clase media -seu pai era comerciante de café e súa nai actriz de teatro-, Katz interesouse pronto pola arte comercial e matriculouse na Woodrow Wilson Vocational High School de Queens, Nova York. Rematado o servizo militar, ingresou no 1946 na Cooper Union School of Art and Architecture, unha escola de arte que o pintor definiu como unha mestura de Bauhaus e o espírito cubista. Rematados os seus estudos, acadou unha bolsa na Skowhegan School of Painting de Maine no 1950, e a súa renovación ao ano seguinte impulsoulle a decidirse pola pintura. Definidor dun estilo propio, coñecido polas súas composicións planas e as súas siluetas ou cutouts -retratos pintados sobre madeira recortada-, que leva realizando desde os anos sesenta, Alex Katz foi considerado como un dos precursores da arte pop, aínda que ista asociación é máis formal ca conceptual, xa que procurou un camiño propio con moi distintas pretensións. Katz asimilou algunhas das ensinanzas da action painting, como o recurso dos gandes formatos, e tamén da arte pop no seu interese pola realidade cotián, pero a súa pintura é moito máis enigmática e menos política.

Fonte: MACUF