Atalaia

Amador Iravedra. Sen título, 2005, da serie Sofás. Fotografía sobre aluminio (Dibond). 100x150 cm.
> Amador Iravedra. Sofás
Datas: 15/06/2012 - 14/07/2012

Descrición

Amador Iravedra (París, 1966) presenta en Compostela, por vez primeira e por partida dobre, o seu traballo Sofás, que ten o seu punto de partida nunha serie de fotografías realizadas a vellos sofás atopados nas rúas de Londres e que transcorre cara un espazo conceptual que reflexiona sobre o poder do marketing, o calor do fogar, a memoria dos obexctos vividos e o seu destino final. O formato expositivo combina fotografías, carteis e sofás desfeitos, escenificación do imaxinario do artista, que ademais completou cun happening o día da inauguración, no que un coche SEAT 600, do ano 1959, cun sofá na baca, percorreu o casco vello da cidade convidando a visitar a Gran exposición: Sofás Iravedra ¡De toda la vida!

Segundo explica o propio Amador Iravedra, "camiñar polas rúas de Londres é un agasallo para os ollos, moita información en infinidade de imaxes que se amorean na túa cabeza. Pero... qué é o que quero contar? Resolvín a miña dúbida desde o instante no que atopei o meu primeiro sofá abandonado, ou quizais atopoume el a min cando me chamou poderosamente a atención e decidín fotografalo desde un encadre frontal, directo, deixando ver o habitual gris background londinense. Un tempo despois comecei a fixarme nos catálogos de sofás e o seu mundo ideal de fogares e familias felices, e inspirado por esa publicidade decidín montar a miña propia campaña: Sofás Iravedra, con camisetas e cartelería previas ás miñas exposicións, que cun chiscadelo despistan ao espectador ata introducilo nunha galería de arte onde ver a serie de fotografías Sofás."

Fonte: Galería Metro