Atalaia

Amaya González Reyes. 2011. S/t, da serie Asalto (est)ético. Fotografías, 80 x 60 cm cada unha. Cortesía da artista e do MARCO
> Amaya González Reyes. Entrar na obra. Perder(se) nela
Datas: 16/12/2011 - 20/05/2012

Descrición

A exposición de Amaya González Reyes (Sanxenxo, Pontevedra, 1979), é a quinta e última proposta do ciclo Entrar na obra, que se desenvolve ao longo de varios meses, desde xaneiro 2011, nas salas do primeiro andar do MARCO, e cuxo título está tomado da célebre peza de Giovanni Anselmo, Entrare nell’opera (1971). O paradoxo que rodea o concepto de espectador e que o sitúa entre a pasividade e a acción é o punto de partida desta serie de proxectos, que analizan ao público, ao visitante, ao espectador, á audiencia, como un elemento inherente á obra. O ciclo Entrar na obra incluíu anteriormente os proxectos de Loreto Martínez Troncoso, Wilfredo Prieto, Rubén Grilo e Karmelo Bermejo.

Amaya González Reyes reserva para o espectador un espazo propio e emprázao a descifrar as obsesións da artista; un aspecto que se relaciona co título -ou subtítulo- elixido para a súa proposta: Entrar na obra. Perder(se) nela. A exposición reúne un conxunto de doce obras, todas de nova producción ao longo do 2011, que incúen instalacións, esculturas/obxectos, unha videoproxección e cinco fotografías. A partir da idea central de perda, no máis amplo sentido do termo, estas obras fan referencia a xogos de significado, a sensacións contraditorias ou complementarias -o confort, o capricho, a satisfacción, pero tamén a trampa, o desencanto, o pesadelo-, ao dilema entre sentimento e razón, en liña co inconformismo e ambivalencia que son característicos da súa obra.

Nos traballos de Amaya González Reyes hai unha constante alusión á busca e ao proceso, a esa presenza física da artista que nos remite á acción como xeradora da obra. Esculturas, fotografías ou instalacións portadoras dun significado aberto, onde a presenza/ausencia da artista e as relacións que establecen as pezas entre si, provocan un cruzamento de narrativas e múltiples interrogantes no seu encontro co espectador.

Fonte: MARCO