Exposición retrospectiva de trinta anos da traxectoria pictórica de Antón Lamazares (Maceira, Lalín -Pontevedra-, 1954), no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Como complemento á exposición se editou un catálogo coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, onde ás reproducións fotográficas das obras, acompañan textos de Marta Morales, Gloria Moure e Ángel Gabilondo.
As obras expostas proceden tanto de coleccións privadas coma da do propio artista, e foron realizadas por Antón Lamazares dende 1980, tras a concesión por parte da Deputación Provincial dunha bolsa para ampliación de estudos, coa que se despraza a París en 1979, ata o pasado ano 2010. A mostra, da que é comisaria a crítica de arte Gloria Moure, ten un carácter reivindicativo, en canto pon de manifesto a importancia que a súa obra tivo dentro dos artistas da súa xeración, e un carácter de investigación, no sentido de dar a luz a unha parte da súa produción non coñecida ata o momento.
Non é doado configurar hoxe, xa que non hai patróns formalistas que seguir, nin procedementos de abstracción que non poidan tornarse perversos. Antón Lamazares constitúe un exemplo preclaro dun artista consciente e embriagado por este marco incerto da súa época. Por un lado, non rexeita a imaxe senón que a privilexia e utilízaa como centro da súa aproximación creativa, pero por outro foxe da súa virtualidade e faina convivir coa materia; de modo que podemos dicir que a súa resposta configurativa á bidimensionalidade, connatural ao pictórico, vén dada por esa intensa comuñón entre o iconográfico e o matérico.
A exposición está desenvolvida non cun carácter cronolóxico, senón fundamentada en conceptos e ideas tomadas e retomadas ao longo do proceso creativo do artista, manifestando unha idea de progreso non lineal no que se mesturan cultura, experiencia, azar e memoria. A través das 120 obras que a compoñen (debuxos, madeiras, obras bifrontes, etc.) faise evidente que o ser autentico comporta analizar, desmontar e reconectar o repentinamente inconexo, de modo que a novidade non é a innovación singular, senón a nova interpretación do xa dito. Na súa obra, o artista xunta de forma maxistral o seu interese en retomar a tradición pictórica da arte, sobre todo a partir dun determinado segmento da vangarda histórica e a súa contemporaneiade ao explorar tanto o seu sentido como as súas posibilidades a través das inquietudes e claves estéticas do seu tempo.
Fonte: Museo de Pontevedra