Atalaia

Antón Patiño. 1974-1979. Crónica do artista adolescente. Vista dunha das salas da exposición na Casa das Artes, Vigo, 2010
> Antón Patiño. 1974-1979. Crónica do artista adolescente
Datas: 21/04/2010 - 30/05/2010

Dirección

Ignacio Oliveira

Artistas

Antón Patiño

Descrición

A mostra está artellada ao redor da traxectoria inicial de Antón Patiño (Monforte de Lemos, Lugo, 1957), e de dous acontecementos concretos: a exposición Animais, minerais, vexetais e o libro de cómic Esquizoide, ambos os dous do ano 1978, en Vigo. Como unha retrospectiva concentrada nestes cinco anos de formación, 1974-1979, a mostra expándese para trazar un percorrido ata a orixe. Unha viaxe experimental a un tempo de urxencia que serve de crónica do artista adolescente, de ollada á primeira etapa da obra de Antón Patiño.

No conxunto global da mostra -desenvolvida en nove salas e con case 200 obras e documentos-, aparece reflectida a censura da época, pero tamén o tempo de transformación. Unha mutación social e á vez unha metamorfose artística. Fotografía, debuxo, pintura, cómic, recortabéis, poesía: calquera medio é bo para loitar pola renovación. Cor e grafismos en expansión. Textos impugnados, berros prohibidos. Rostros tachados. O devalar biográfico é parello á convulsión histórica. Unha época que semella crebar os sismógrafos do control. A arte, a psicanálise, a deconstrución. A arte por correo serve para sortear o illamento. O mail-art foi daquela unha eficaz ferramenta de comunicación. Máis dun cento de intercambios con artistas de todo o mundo no contexto internacional do movemento post-fluxus. O carteiro era unha fonte de sorpresas cotiás: cada sobre ía conter un anaco dun mundo propio.

A mestura de técnicas e soportes vai propiciar unha fusión explosiva. O propio artista nunha conversa no lendario libro de Xavier Seoane [Identidade e convulsión. Palabra e imaxe da nova plástica galega, Ediciós do Castro, Sada, A Coruña, 1990], vai dar conta daquela situación con expresividade: “O meu cuarto era un laboratorio onde casaba música avanzada coa narrativa do monólogo interior.” Samuel Beckett con Pink Floyd. Méndez Ferrín e Antón Reixa. Uxío Novoneyra e Francis Bacon. Severo Sarduy con Jean Dubuffet... Outros feitos marcarán tamén estes anos: a súa instalación no 1974 en Madrid para estudar Belas Artes, o contacto cos artistas Menchu Lamas -a súa compañeira-, ou Xosé Freixanes, e os amigos da revista Loia (1975), a xente da escrita como Manuel Rivas e os irmáns Xosé Manuel e Lois Pereiro; a creación en Vigo do Colectivo da Imaxe (1976), con Agra, Berride e Menchu; a amizade e os traballos gráficos cos membros do grupo Rompente (1977), con Alberto Avendaño, Manuel Romón e Antón Reixa; tamén co xa falecido Enrique X. Macías, o amigo músico que compuxo Cariátides (1978) para a mostra Animais, minerais, vexetais nos espazos da antiga CaixaVigo.

Esta é unha mostra que ten algo paradoxal: unha retrovisión cara achegarse ao comezo. Un percorrido por diferentes salas -nove en total-, pero que non establece un estrito itinerario cronolóxico, senón unha partitura polifónica na que salientan acordes como bloques temáticos, xerando así mesmo unha tensión co presente, xa que moitas das propostas manteñen unha resplandecente vixencia. Alén de aspectos formais ou conceptuais -o tratamento do corpo como soporte, o debuxo como hábitat, a historieta gráfica como relato mudo, as fotografías manipuladas con cores enriba, os recortes das figuras que acadan expresividade de seu-, as propostas que Antón Patiño tratou daquela, seguen hoxe presentes, actualizadas baixo outros eufemismos da actualidade máis sociolóxica ou mediática: unha censura máis soterrada, case silenciosa, malia os berros da comunidade civil; a desfeita da paisaxe e o ritmo do caos urbano; unha ampliación das crises das identidades e do esnaquizamento do individuo en anacos de vertixe-esquizo, de intimidade cosmética e hixienizada; e rostros, rostros e máis rostros, cunha expresión entre o lúdico e o pasmo, entre a propaganda da publicidade e a condena social, entre o rictus duro do hermetismo e un novo, diferente, narcisismo do pulo adolescente.

Fonte: Casa das Artes