No 1855 publicouse en Londres o primeiro manual de Leccións de cousas, de E. A. Sheldon, que preconizaba un sistema de educación intuitiva. Antón Reixa (Vigo, 1957), poeta, produtor cultural e artista, expón no CGAC un conxunto de oito videoinstalacións inéditas, nas que a imaxe, a palabra e a performance se entrecruzan para afirmar un territorio neodadaísta onde a irrisión, o comentario político e social, e unha especie de melancolía existencial se mesturan produtivamente.
A manipulación de ladrillos para levantar unha parede (Brick), o proceso de embalaxe en plástico para asegurar as equipaxes en aeroportos e estacións (Security Bag), os labores domésticos de lavado de roupa (Total Training), os xogos dos nenos nun parque infantil (Parque Infantil), as celebracións litúrxicas como karaokes (Aleluiapedia), o entusiasmo dos guerrilleiros e as revolucións, e o exceso expresionista das canles televisivas de información bursátil (Cicatriz-Barullo), conforman un conxunto misceláneo que segue o paradigma motriz dos vellos métodos de lectura, leccións de cousas, que tiñan por lema: “da cousa á palabra, da palabra á idea”.
Cun criterio baseado no rexistro de imaxes, máis próximo ao documental e á reportaxe do que á ficción, a videoinstalación explorará as posibilidades narrativas das accións propostas e configurarase unha posta en escena na cal só as accións a gravar e a escenografía expositivas obedecerán a unha planificación previa; todo o demais, malia ser substancial, virá condicionado polas vicisitudes do rexistro audiovisual, polo azar versátil da edición, e pola receptividade e a observación do espectador diante da proposta global.
Ademais da exposición das súas novas creacións será posible revisar, no auditorio do CGAC, unha selección editada en versión monocanal das súas intervencións máis relevantes dos últimos trinta anos no universo audiovisual, entre as que se encontran Salvamento e socorrismo (1985), Ringo rango (1992) ou material do recente Mundo Lois (2011).
Fonte: CGAC