Atalaia

Fragmentos de obras das diferentes etapas de Antonio Tenreiro
> Antonio Tenreiro (1923-2006)
Datas: 27/07/2012 - 13/01/2013

Comisariado

Pedro Vasco Conde

Descrición

Percorrido pola obra pictórica do coruñés Antonio Tenreiro Brochón (A Coruña, 1923-2006), autor que formou parte da mesma xeración de artistas herculinos como Labra, Molezún, Lago Rivera ou Mampaso, e que se caracterizou por unha visión poética e intimista do seu entorno.

A través de máis de duascentas obras, entre óleos, debuxos e acuarelas, móstrase a súa evolución artística seguindo as distintas etapas da obra de Antonio Tenreiro: a de formación en Madrid, na que alternou os seus estudos de arquitectura con múltiples viaxes por Europa; nos 50 ata comezos dos 70, coincidindo co seu regreso á Coruña, momento no que desenvolveu a que podería considerarse como a súa etapa máis persoal, a etapa negra, caracterizada polo uso dunha paleta escura, na gama dos marróns e negros; a década dos 70, moito máis colorista; e desde principios dos 80 ata a súa morte, na que a súa obra pasou a adquirir un ton máis poético e intimista, e na que predominaron temas como os interiores, as vistas dende a súa ventá e os bodegóns.

Con esta mostra, o Museo de Belas Artes pecha o programa de exposicións para o presente ano, á vez que inicia a publicación dunha serie de monografías sobre artistas galegos nas que, ademais de estudar e analizar as traxectorias artísticas e vitais de cada un dos autores, se intentará recuperar e por en valor a obra e actividade de tantos deles que hoxe resultan moi pouco coñecidos ou case que descoñecidos para o público. Desta forma, o museo convértese en espazo de investigación e debate onde sentar as bases de futuros traballos de divulgación cultural.

Fonte: Museo de Belas Artes da Coruña