Aproximación á creación IV é a continuación dun programa de formación iniciado hai uns anos polo GGAC que ten como principal interese achegar a arte contemporánea ao público non especializado. Retómase agora cun programa estruturado en tres cursos que se han desenvolver ao longo de dous anos e nos cales se abordará o estudo da arte contemporánea desde o inicio do século vinte ata a actualidade, facendo un percorrido a través dos autores e das obras máis destacados.
O programa do curso que nos ocupa, Aproximación á creación IV. Ás vangardas históricas: 1900-1945, dará comezo a mediados de xaneiro de 2009. Durante os primeiros seis meses do ano estudaranse os conceptos fundamentais da arte contemporánea no período que se estende desde principios do século vinte até a segunda guerra mundial. Analizarase a evolución das diferentes vangardas históricas, afondando en cada un dos movementos artísticos, na súa contextualización, desenvolvemento e influencias posteriores.
Para dar continuidade ao proxecto, en edicións posteriores impartiranse dous cursos: un que abranguerá o período que comeza coa a crise da modernidade e trazará un percorrido polas neovangardas, desde 1945 ata os anos oitenta; e un terceiro curso centrado na análise da arte actual, a partir de 1980 até a actualidade.
Esta nova edición de Aproximación á creación xorde como resposta á demanda de formación por parte do público e nace coa idea de contribuír a unha comprensión sensible e profunda da arte contemporánea. As clases, expostas de xeito visual e alcanzable a todos os públicos, servirannos como medio para familiarizar os participantes coa arte actual, para acadar un manexo básico da linguaxe artística e para poder facer efectiva na práctica a través das visitas programadas para o efecto a aplicación dos contidos teóricos impartidos.
Fonte: CGAC