Atalaia

Alejandro Somaschini, detalle dunha das súas obras na exposición Arqueoloxía do detalle, Casa das Artes, Vigo
> Arqueoloxía do detalle. 16ª Bienal de Cerveira en Vigo
Datas: 20/07/2011 - 17/09/2011

Dirección

Augusto Canedo

Comisariado

Fatima Lambert

Descrición

A exposición Arqueoloxía do detalle, na Casa das Artes de Vigo, forma parte do proxecto de expansión da edición deste ano 2011 da Bienal de Cerveira, que amplía as súas sedes habituais de Vila Nova de Cerveira ofrecendo dúas mostras nas cidades de Porto e Vigo.

No caso da mostra viguesa, trátase dun proxecto comisariado por Fátima Lambert e está composta por obras dos artistas: Albuquerque Mendes (Trancoso, Beira Alta –Portugal-, 1953), Alejandro Somaschini (Bos Aires, 1977), Baltazar Torres (Oporto, 1961), Catarina Leitão (Stuttgart, 1970), Graça Pereira Coutinho (Lisboa, 1949), Luís Nobre (Lisboa, 1971) e Vasco Araújo (Lisboa, 1975).

A Bienal de Cerveira celebra así a súa 16ª edición, entre o 16 de xullo e o 17 de setembro, estendendo a súa área expositiva ás cidades de Porto e Vigo, coa intención de obter unha maior amplitude xeográfica e reforzar os lazos culturais transfronteirizos entre o Norte de Portugal e Galicia. Deste xeito, o Palacete Viscondes de Balsemão (Porto) e a Casa das Artes (Vigo), acollen dúas exposicións que forman parte da ampla oferta expositiva da máis antiga bienal de arte de Portugal.

Segundo o director artístico desta edición, Augusto Canedo, esta opción “deriva da vontade de fazer chegar a Bienal de Cerveira a un maior número de público, en correspondencia co ámbito da euro-rexión na que se proxecta e coa súa vocación orixinal que -nas palabras do seu fundador, o artista xa falecido Jaime Isidoro-, procuraba «levar a arte ás persoas»”. Mentres que, inicialmente, o evento inscribíase “nun programa de descentralización cultural dos grandes centros urbanos, agora é un fenómeno de sino contrario”. Como núcleo central do evento permanece Vila Nova de Cerveira, salientando os espazos do Fórum Cultural de Cerveira, a Biblioteca Municipal (Solar dos Castros) e o Convento de San Payo. Esta 16ª edición integra proxectos curatoriais, performances, o concurso internacional, un homenaxe ao escultor José Rodrigues, residencias artísticas, ateliers e workshops, conferencias e debates, visitas guiadas e concertos. Unha ampla programación á que se pode acceder a través do seu portal oficial na rede: www.bienaldecerveira.pt

Fonte: Atalaia / Bienal de Cerveira / Casa das Artes, Vigo