Fotógrafos participantes: Francisco Zagala / Lorenzo Novas / Joaquín Pintos / Otto Wunderlich / Enrique Sarabia / Jose Suárez / Martín Echegaray / Jose Bellver Julio Fernández de los Ríos / Atilio Gaggero.
Nenos xogando a beira do mar, mulleres mariscando ou traballando nas fabricas de conserva e salga, mariñeiros en diferentes labores, dornas, lanchas de relinga, pataches, vapores, faros, peiraos e vistas da beiramar (hoxe moi cambiadas), praias e instalacións de lecer... son, entre outros, os temas recollidos nesta selección de fotografías, procedentes dos fondos do Museo de Pontevedra, que atopa no Museo do Mar de Galicia un marco moi apropiado para a sua exhibición.
A exposición abarca desde finais do s. XIX a mediados do s. XX. Nela móstranse 64 imaxes tomadas tanto por recoñecidos fotógrafos profesionais, como Francisco Zagala, Lorenzo Novas, Joaquín Pintos, Otto Wunderlich, Enrique Sarabia ou Jose Suárez, coma por persoeiros que tiñan na fotografía a súa grande afección, como nos casos do empresario vigués Martín Echegaray, o xuíz Jose Bellver, o comandante de infantería Julio Fernández de los Ríos ou o italiano Atilio Gaggero, moi ligado ás empresas conserveiras de Bueu.
As imaxes mais antigas son as de Francisco Zagala e o seu discípulo e sucesor Lorenzo Novas. Ambos traballaron para a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, institución creada en 1894 e pioneira na recuperación do patrimonio cultural. As suas fotografías posúen un grande interese como documentos históricos, antropolóxicos ou sociais, amosando escenas do traballo habitual das xentes que vivían do mar nas diferentes vilas da provincia de Pontevedra a finais do s. XIX.
Joaquín Pintos déixanos o único testemuño gráfico da protesta dos mariñeiros do xeito contra a arte da traiña durante a visita da raiña rexente Maria Cristina e o seu fillo, o príncipe Alfonso, futuro Alfonso XIII. Coas fotografías tan coidadas deste fotógrafo pontevedrés, que tamén amosou a fascinación que o mar exerce sobre as artistas, introducímonos no s. XX.
As imaxes de Otto Wunderlich ofrécennos o mar como destino turistico. As praias de Sanxenxo, Bueu ou Cangas que el fotografou convertéronse nos símbolos turísticos por excelencia das nosas terras. Este fotógrafo alemán percorreu en 1929 a provincia de Pontevedra facendo fotografías por encargo do recentemente creado Patronato de Turismo para ilustrar os seus folletos publicitarios, polo que se converteu no pioneiro deste tipo de actividade en España.
O traballo da muller nas fábricas conserveiras está ben representado tamén nas obras seleccionadas, especialmente co traballo de Enrique Sarabia, quen realiza unhas fotografias dunha grande calidade técnica e valor documental.
Na serie Beiramar, realizada polo fotógrafo galego José Suárez a comezos da década dos trinta, apréciase a influencia que sobre a súa obra presentan as vangardas artísticas europeas do momento, apreciables tanto na preocupación estética das composicións coma na importancia que lle dá a natureza, neste caso ao mar e aos obxectos que con el se relacionan.
As fotografías dos afeccionados, case todas dos anos vinte, enriquecen a visión que sobre o mar e o que sucede arredor del nos proporcionan as obras dos profesionais mencionados. As veces son fotografías de grupos familiares en actividades de lecer no ámbito do privado. Noutras ocasións teñen unha motivación diferente e desvelan unha pretensión estética apreciable. Son imaxes inéditas, coma nos casos de Fernández de los Ríos ou Martín Echegaray, malia que estes autores publicaron en diversas revistas, como na coñecida Vida Gallega.
Nas fotografías de Jose Bellver, tomadas na ría de Arousa cando estivo de xuíz en Cambados, búscanse os xogos de luz, con frecuentes contraluces e efectos luminosos na auga. Este fotógrafo afeccionado foi presidente da Agrupacion Fotográfica Galega e editou moitas das súas imaxes nunha coleccion de tarxetas postais baixo o epígrafe de Estampas Gallegas.
Fonte: Museo do Mar