O Museo de Belas Artes da Coruña acolle a exposición Arte salvada. 70 aniversario do salvamento do patrimonio artístico español e da intervención internacional, promovida por Acción Cultural Española e comisariada por Arturo Colorado Castellary, que recupera e difunde unha das historias máis apaixonantes da Guerra Civil: a protección e evacuación do patrimonio artístico nacional, así como a intervención das institucións internacionais para evitar a súa destrución e garantir a súa conservación.
A mostra analiza e presenta, cunha formulación moi accesible e visual, a política de protección e salvamento levada a cabo polo goberno da Segunda República Española, a evacuación das obras máis importantes de Madrid a Valencia, máis tarde a Barcelona e ao Ampurdán, para finalmente ser evacuadas a Xenebra grazas á intervención do "Comité Internacional para o Salvamento dos Tesouros de Arte Españois" en febreiro de 1939.
A exposición, cuxo percorrido comeza no patio exterior do museo para continuar no foro interior, conta cun deseño innovador e motivador para que o espectador se sinta inmerso nas dramáticas e difíciles circunstancias que rodearon o labor de salvamento do patrimonio artístico español e os perigos e dificultades que tiveron que afrontar o Comité Internacional e os membros da Xunta do Tesouro Artístico para levar a cabo o seu labor. Unha serie de embalaxes de diferentes formas e tamaños distribúense no espazo expositivo. Estas embalaxes deixan entrever reproducións a tamaño real das obras máis representativas salvadas e forman, á súa vez, os soportes para a exposición de información gráfica e documental. Para o marco escenográfico utilizanse tamén unha recreación de ambiente e paisaxe de guerra, vehículos e carteis de época, sacos terreros, etc., ademais do son ambiente.
O catálogo que acompaña á exposición reúne artigos de Arturo Colorado Castellary (Arte salvada. Os antecedentes dunha débeda histórica e Evacuación e salvamento do Museo do Prado durante a guerra civil), Miguel Cabañas (A II República española ante a salvagarda do patrimonio artístico e a guerra civil), Enrique Pérez Boyero (A protección e evacuación do patrimonio bibliográfico da Biblioteca Nacional de España), Juan José Alonso (O salvado e o evacuado polo Patrimonio Nacional durante a guerra civil), Esperanza Navarrete (A viaxe a Xenebra de Goya e outras pinturas da Real Academia de Belas Artes de San Fernando durante a guerra civil), Mayte García Julliard (A exposición do tesouro español e a prensa xenebrina: dilemas e acertos) e Catherine Granger (O papel de Francia na evacuación das coleccións españolas).
O volume, editado en castelán, complétase coa descrición dos principais protagonistas deste episodio histórico como Timoteo Pérez Rubio, Presidente da Junta Central del Tesoro Artístico (escrita por Antonio Franco) e Josep Maria Sert (escrita por María del Mar Arnús e Francisco de Sert, condes de Sert), así como dos membros do Comité Internacional David David-Weill, Jacques Jaujard, Neil MacLaren, Paul Lachenal, Henri Verne, Gabriel Cognacq, Albert Sancholles Henraux, Evan Charteris, Joseph Duveen, Frederick Schmidt-Degener, Henry Carton de Wiart e Georges Blumenthal (escritas por Catherine Granger, Mayte García Julliard e Arturo Colorado). O catálogo péchase cunha mostra das obras salvadas e unha bibliografía.
Fonte: Museo de Belas Artes da Coruña