A exposición Escritores expostos está formada por máis de 30 retratos de autores (Antonio Muñoz Molina, Clara Sánchez, Enrique Vila Matas, Yolanda Castaño, Ramón Pernas, Dai Sijei, Marc Fumaroli, Erri de Luca ou Tomas Tranströmer, entre outros) expostos á luz e á escuridade, a diferentes temperaturas de cor, a varias velocidades, en contextos que identifican a súa obra ou a súa persoa, ás ideas que xurdían no encontro co fotógrafo e ás miradas dos que por alí pasaban. Nalgunhas ocasións, os escritores expóñense.
Son retratos atípicos, retratos que mostran a estes autores cunha complicidade pouco habitual nas fotografías que poden verse deles. Segundo Asís G. Ayerbe, o autor destes retratos, “estes contextos identifican a súa obra ou a súa persoa, pero tamén as ideas que xurdían no encontro co fotógrafo e a súa mirada”.
Asís G. Ayerbe naceu en Valladolid en 1978, pero axiña se trasladou a vivir a Burgos e actualmente reside en Madrid. A súa carreira profesional desenvolveuse no ámbito da fotografía, o deseño gráfico, os medios audiovisuais e a edición de libros, revistas e catálogos. Fundou e dirixiu a revista Entelequia e a editorial Los Duelistas. Como fotógrafo, colaborou con xornais como La Vanguardia, El País e principalmente coa revista Qué Leer, así como con diversas editoriais, case sempre con fotos de escritores.
Fonte: Centro Ágora