Atalaia

Bernardí Roig. Autorretrato. 1997. Carbón, cinza e grafito sobre papel. 64,5 x 60 cm.
> Bernardí Roig. Verblendungs zusammenhag [Concatenación del cegamiento]
Datas: 24/02/2012 - 08/07/2012

Artistas

Bernardí Roig

Descrición

Esta mostra ofrece unha revisión do traballo de Bernardí Roig (Palma de Mallorca, 1965), desde os grandes debuxos dos anos noventa ata as instalacións máis recentes, isto é, desde pezas como La muerte del pintor (1994), a súa peculiar versión do mito de Diana e Acteón (2005), ou a meditación video-escultórica e debuxística sobre a Casa Wittgenstein. Por medio de grandes debuxos, esculturas brancas, instalacións que xogan coa noción do teatral e pezas videográficas, realízase un percorrido que non segue o cronolóxico senón que establece relacións temáticas e procura as obsesións subxacentes. Trátase, logo, de algo máis que unha retrospectiva: unha indagación case arqueolóxica no substrato esencial do imaxinario do artista.

O título da exposición, verdadeiramente impronunciable, Verblendungszusammenhang [Concatenación del cegamiento], é un termo que emprega Theodor W. Adorno, na estela de Walter Benjamin, para suliñar que, acaso, na Ilustración se encontre unha dimensión mítica que tamén implica a nosa pulsión a buscar a totalidade na natureza. A cegueira é, sen nengún xénero de dúbidas, un dos motivos reiterados por Roig e así a súa procura, ao xeito de Paul de Man ou mesmo de Jacques Derrida, dunha perspicacia a través da escuridade total sexa un desexo de atopar algo que non sexa a erosionada mentira. En verdade, a escuridade nunca minte. A poderosa imaxinación de Roig determina ao home como ese animal de desexos que tende cara o exceso.

O conxunto da mostra revela así o límite das obsesións e as pulsións escópicas dun artista considerado como un dos creadores máis interesantes do panorama artístico español. Na súa obra conflúen as inspiracións diferentes de Malevich, Nicholson, Beuys... E conflúen, asimesmo, estruturas abstratas e reminiscencias da figuración e a escenografía. Artista multidisciplinar, Roig deixou o debuxo para explorar a escultura, a fotografía e o video. A súa obra supón unha reflexión sobre a representación, o desencontro e a incomunicación. As súas instalacións, chamativas, inquedantes e perturbadoras, recrean as obsesiones do artista, a morte, o home, e a relación co espectador.

En palabras do comisario da mostra, Fernando Castro Flórez, "coas súas impactantes instalacións, esas inquedantes esculturas cegadas ou con lume na mirada, os debuxos minuciosos e, de súpeto, destrozados por un trazo, os vídeos asfixiantes e a revisión perversa da iconografía do exceso, o que fai este artista é deixarse levar pola turbulencia das obsesións. 'Estou dacordo con Pierre Klossowski cando di que un cadro é unha máquina que produce vítimas, non unha cousa que se colga nun salón'. Do que non se pode prescindir, aínda que se teña unha enorme desconfianza na representación, é da morte. Comparte con Thomas Bernhard, a urxencia de falar desde a imposibilidade da fala, tratando de encontrar figuras e imaxes para un tempo desquiciado, cando a palabra alegría aparece tan só ao final do canto".

Fonte: MACUF