Atalaia

Berta Cáccamo. Verquido nº1. Acrílico sobre tea. 180x180cm. 2003
> Berta Cáccamo. Verquidos
Datas: 22/07/2014 - 30/09/2014

Artistas

Berta Cáccamo

Comisariado

Miquel Mont

Descrición

A exposición, comisariada por Miguel Mont, ofrece unha de 60 obras realizadas pola artista viguesa Berta Cáccamo durante os últimos dez anos; unha etapa na que se explorou a relación entre o debuxo e a pintura, entre a dimensión xestual e os distintos tempos e temporalidades de aplicación.

Vinte das pezas están realizadas con técnica mixta e acrílicos sobre lenzos procedentes de coleccións públicas como a Fundación Aena, a Deputación da Coruña ou a Fundación Abanca. As corenta restantes correspóndese con series de debuxos sobre papel. A mostra tamén inclúe unha intervención mural nos espazos da Casa da Parra.

Berta Álvarez Cáccamo abordou sempre a abstracción como unha linguaxe, posiblemente por influencia dos seus estudos de semioloxía durante o seu paso pola Facultade de Belas Artes e quizais tamén debido á grande importancia que ten a poesía na constitución da linguaxe que elaborou no seu traballo.

A traxectoria da creadora no seu contexto histórico, o da España da transición e da entrada na Comunidade Económica Europea, caracterízase por unha apertura ás experiencias e influencias internacionais e, ademais, desde un punto de vista sociolóxico, pola incorporación dun amplo número de mulleres artistas na escena nacional. Dende o ano 1996 ata o 2013 traballou como profesora asociada do Departamento de Pintura da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde impartiu diversas materias. Na actualidade encóntrase na fase de realización da súa tese de doutoramento.

A autora imparte cursos, talleres e conferencias en centros de arte, fundacións e museos. Así mesmo, realizou numerosas colaboracións no eido da edición da obra gráfica, da ilustración e edición de libros, revistas e publicacións, como o último fanzine Cataclistics (Dispersoides), realizado en 2013 no ámbito da XVII Bienal de Vilanova de Cerveira (Portugal).

Son numerosas as exposicións ao longo da súa traxectoria profesional. Entre as individuais destacan “Provenienza ignota”, exposta en Santiago, Madrid, Palma de Mallorca e A Coruña; tamén cabe subliñar “Setenta e tres pinceladas”, exposta na Galería Trinta de Santiago ou “Papeis de pé”, que se puido ver na libraría Versus e na galería Lilliput de Vigo.

A artista tamén fixo numerosas exposicións colectivas, entre as que se atopan a “II Bienal de artistas galegas”, presentada en Vigo; “Arte no tempo”, exhibida en Porto, ou “O bosquexo do mundo”, que se puido ver na Fundación Luís Seoane da Coruña

Fonte: Consellería de Cultura, Educación, Xunta de Galicia e Ordenación Universitaria

 

Entrevista a Berta Cáccamo realizada por Fátima Otero. Espacio de arte. Correo TV

Catálogo da exposición