Atalaia

Schloss St. Emmeram Regensburg XXVIII 2003 152x193 cm Impresión a cor © Candida Höfer / VG Bild-Kunst, Bonn 2010. Fonte: MARCO
> Candida Höfer. Projects: done
Datas: 26/02/2010 - 23/05/2010

Artistas

Candida Höfer

Descrición

A exposición PROJECTS: DONE reúne obras de proxectos realizados por Candida Höfer entre 1968 e 2008. A artista, os arquitectos Kuehn Malvezzi —que deseñaron a montaxe en estreita colaboración con Candida Höfer— e os comisarios Markus Heinzelmann e Doreen Mende, fixeron da relación entre fotografía, arquitectura e presentación das obras o eixe central deste proxecto.

O termo ‘project’ [proxecto] enténdese aquí como unha forma de traballo que se desenvolve durante un período de tempo previamente establecido, e/ou que se completa —['Done']— unha vez conseguido o obxectivo formulado. Así, as obras seleccionadas para esta mostra ofrecen este risco distintivo respecto a outros traballos que poderiamos definir como actividade artística habitual.

Esta diferenza non ten por que ser recoñecible nas temáticas dos proxectos. Á primeira vista, algúns deles poderían supoñer un contraste cos temas habituais de Candida Höfer, por exemplo as obras de Flipper [Pinball] —unha obra temperá concibida como un proxecto editorial—, ou de Liverpool, coas súas numerosas imaxes de rúa. Pero tamén estes traballos teñen relación co tema central de Candida Höfer de crear imaxes do espazo: dos seus diferentes contidos, do seu uso, do que mostra un espazo e de como o mostra. A distinción reside máis ben nas limitacións establecidas por cada proxecto, e na asignación de imaxes a cada proxecto en particular. De modo que a exposición é tamén un convite a investigar os proxectos a través do obxectivo desta especie de orde interna.

Outro proxecto é a presentación da exposición en si, que Höfer desenvolveu conxuntamente co estudio de arquitectura Kuehn Malvezzi. Este proxecto baséase nunha colaboración entre a artista e os arquitectos, que comezou en 2002, cando Kuehn Malvezzi transformou os espazos de The Binding Brewery para a Documenta 11, na que Candida Höfer mostrou o seu traballo sobre os Burgueses de Calais. O feito de concibir a exposición como un proxecto implica renunciar ao concepto de división entre proxectos e produción artística habitual que antes se sinalaba: os proxectos —claramente— están ‘feitos’ [‘done’] só no momento en que son exhibidos, e cada exposición realizada a partir do traballo habitual dun artista é en último termo un proxecto cun límite temporal preestablecido e cunha temática; neste caso, un proxecto que exhibe os espazos como imaxes, e ao mesmo tempo o xeito en que os espazos exhiben as imaxes. Esta exhibición pode ter lugar en espazos privados, posiblemente semi-públicos, como as obras (Date Paintings) de On Kawara en coleccións privadas, ou ser un acto arquitectónico consciente, como as imaxes que mostran a arquitectura de Kuehn Malvezzi, e en ambos os dous casos se trata tamén de proxectos expositivos. Así, nesta mostra a práctica da artista combínase coa práctica dos arquitectos, o que require entender comparativamente o diferente.