Nova exposición de Carlos Albert (Madrid, 1978), na coruñesa Galería Atlántica, desde onde Salvador Corroto sempre procurou a difusión e promoción da súa escultura. Formado a partir de 1996 na Facultade de Belas Artes de Madrid, a súa progresión amplíase co contacto co artista Martín Chirino ou as estadías en Londres e Luxemburgo, Carlos Albert representa unha liña de traballo que entronca de cheo coas ideas de oficio e profesionalidade, coa escolla e manexo dos materiais -ferro, bronce, aceiro-, cos procesos, as resolucións técnicas, os xogos do baleiro, do cheo, do oco, da forma e da estrutura, así como os retos de escala e as consideracións do espazo público, especialmente desde as ideas de monumento e conmemoración, a partir dos numerosos premios e encargos que leva recibido ao longo e ancho da xeografía española.
Con pezas dun carácter maioritariamente abstracto, aínda que non exentas de asociacións visuais, de alegorías aplicables a formas recoñecibles, a escultura de Carlos Albert reinvindica os valores tradicionais da arte e busca manter os equilibrios entre solidez e levedade, continuando unha ampla tradición de autores que miran atrás, mesmo ata os movementos das vangardas históricas e os seus achados formais e materiais.
Fonte: Galería Atlántica Centro de Arte / Atalaia