Atalaia

Caxigueiro. Libro con pechadura na capa, realizado en gres.
> Caxigueiro e Baldo Ramos. Os ollos das palabras
Datas: 09/03/2012 - 10/06/2012

Descrición

Os libros son moito máis que un espazo para albergar contidos. Así o entenden o escritor e pintor Baldo Ramos (Celanova -Ourense-, 1971), e o artista e ceramista Daniel Caxigueiro (Mondoñedo -Lugo-, 1955), que, a través da exposición Os ollos das palabras, exploran a interferencia entre a plástica e a literatura. Partindo da súa particular obra -na que os libros convidan a entrar na súa materia, na súa cerna poética, a traspasar a convención da lectura literal-, este proxecto conxunto persegue enfiar un diálogo entre o libro como continente e explorar as súas posibilidades visuais e literarias. Instalacións, libros en papel de gran formato, esculturas en gres, poemas visuais, fotografías, versos escritos en diálogo coas creacións plásticas… son algunhas das achegas persoais coas que Baldo Ramos e Caxigueiro convidan a ollar o libro dende as palabras e habitar as palabras dende a materia que manipulan os artistas e que conta con dúas homenaxes: unha a Isaac Díaz Pardo, en forma de instalación, e outra a Celso Emilio Ferreiro, a través dun volume único. Un diálogo radical coas entrañas deses libros que nunca se pechan ao terminar de lelos.

Daniel Caxigueiro (Mondoñedo -Lugo-, 1955). Tras a súa formación no mundo da cerámica durante a década dos oitenta, Caxigueiro amplía a partir dos noventa o seu horizonte plástico con propostas nas que incorpora novos materiais e técnicas, destacando especialmente o papel da fotografía, sempre en combinación con outros medios. Ao mesmo tempo decide abordar proxectos máis complexos nos que a instalación, a intervención de espazos específicos e a obra efémera terán unha importante significación na súa obra. O traballo de Caxigueiro busca, ademais, non deixar a ninguén indiferente: os estragos das guerras, a condición das vítimas e verdugos, a aniquilación de memorias colectivas coma foi a destrución da Biblioteca de Saraxevo forman os alicerces de parte da súa obra que agora chega ao Arquivo de Galicia. A mestura de diferentes linguaxes, o interese por narrar, a importante presenza da cerámica na súa obra, xunto a unha actitude crítica e claramente periférica serven de punto de partida para achegarse a un persoal xeito de entender a arte.

Baldo Ramos (Celanova -Ourense-, 1971). Cultiva a súa vocación artística dende os dezasete anos, cando comeza a escribir poesía, na que sempre está moi presente a temática meta-artística, xa que moitas veces trata da creación literaria e pictórica. Con máis dunha decena de libros de poemas publicados e colaboracións como poeta e ensaista en destacadas iniciativas editoriais como Grial ou o Anuario de Estudios Galegos, Ramos recibiu os premios literarios Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Arcipreste de Hita ou o Fiz Vergara Vilariño entre outros. Ante a necesidade de establecer pontes entre escrita e plástica, Baldo Ramos comezou a pintar no ano 1993, expoñendo por primeira vez no ano 1994 en Compostela. Neste ámbito recibiu o accésit do XV Certame Galego de Artes Plásticas Xuventude, nas modalidades de pintura e debuxo. Licenciado en Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela e doutorado en Literatura Española e Hispanoamericana, Ramos dedícase na actualidade á docencia de lingua castelá e literatura no instituto de Valga

Fonte: Cidade da Cultura