Atalaia

Dúas vistas da exposición na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura.
> Chankecham. Os incunables contemporáneos dun impresor particular
Datas: 27/03/2012 - 10/06/2012

Comisariado

Anxo Rabuñal

Descrición

Chankecham, pseudónimo de Francisco Barros Cascallar (Pontecesures, A Coruña, 1931), é un poeta, escritor e artista que con grande ambición e teimosía levou adiante a reinvención da imprenta de Gutenberg, construíndo polos seus medios unha prensa e un tórculo, labrando a man os tipos, fabricando rodetes, calibradores e outros instrumentos de impresión, e finalmente estampando curtas tiraxes de cada un dos títulos, facendo deles uns asombrosos incunables contemporáneos.

De formación autodidacta, en Madrid mercou os seus primeiros libros, que como explica, viaxaron sempre con el nunha maleta, primeiro ao Brasil no 1956, logo no retorno a Galicia no 1968. Desta maneira, a súa maleta de libros converteuse nunha universidade portátil, ao gusto persoal. Na Casa de Galicia de São Paulo publicou o seu primeiro libro, Lira celta (1964), con prólogo de Ángel Nieto Vicente.

A súa obra literaria consta de cantigas e odas poéticas, e tamén ensaios literarios de carácter político entre as que destacamos as súas utopías galácticas Galitopia e Viagem ao fim dos tempos.

O esforzo literario, artístico e editorial de Chankecham é escasamente coñecido, e esta exposición é unha ocasión para mellor coñecer e apreciar a súa obra.

A exposición, comisariada por Anxo Rabuñal, presenta o Legado Chankecham á Biblioteca de Galicia, composto por nove libros case-incunábeis, o tórculo, a imprenta, os tipos e o instrumental, as pranchas de gravado e outros elementos, e documentación sobre o seu prodixioso e secreto labor creativo.

A exposición ábrese cunha enorme pintura mural -feita polo artista Kukas- que reproduce unha das súas estampas, a Conversa do Home da Barba Florida coas Estrelas da Noite. Acompañando a exposición preséntase un documentario sobre a súa obra e persoa realizado por Simón Vázquez.

Nos primeiros días de maio, un obradoiro de autoedición, dirixido polo artista andaluz Federico Guzmán e titulado Candura & Coraxe, porá en funcionamento por derradeira ocasión a imprenta inventada por este fabuloso e escondido artista impresor.

Fonte: Cidade da Cultura