Atalaia

Christian García Bello. Detenido (al pie de la loma). 2013
> Christian García Bello. Detenido (al pie de la loma)
Datas: 25/04/2013 - 30/09/2013

Descrición

Hai anos dicíase que o mundo remataba nunha costa abrupta, recortada por rías, nun terreo accidentado, que se abría cara ao inmenso mar, cara a ningures. Esta fin do mundo era Galicia, un lugar marcado polo relevo ferido que impedía ver o horizonte limpo, plano e claro ao lonxe. A nosa mirada, viciada polo eixo cartesiano horizontal e vertical, buscaba o límite pero a paisaxe faise inabarcable, imposible de medir, para conducirnos finalmente ao ambiguo da inmensidade, que nos asusta e arrela ao mesmo tempo. Algo entre o conmovedor, o terrorífico e o belo.

Para o galego a barreira sempre é a mesma: unha parede verde, unha masa de bruma e néboa ou unha superficie de auga inaccesible, cortando sempre a nosa viaxe. Marcando unha temporalidade lenta e confusa, nunha incertidume cara ao que nos espera diante, cara a un futuro. Un lugar onde o tempo parece máis lento. Lugar onde parece predominar a memoria do pasado sobre a do presente. Galicia é un espazo que apela á expectativa, esperando un momento futuro de acción. A espera como modo de vida, un presente eterno aferrado ao pasado, sendo case unha negación do que está por chegar.

Na paisaxe é tan importante o que se mira como quen o mira, a paisaxe fórmase na mirada do observador, do camiñante sobre un mar de néboa, e ambos se modifican entre si nunha relación de fricción, de presión, de contacto. A paisaxe aféctanos coma persoas. Non parece, polo tanto, casualidade que o accidentado e ferido característico do noso relevo teña que ver coa personalidade dubitativa, indecisa e nostálxica propia dos galegos. A melancolía, a tristeza, a morriña e a perda únense nun mesmo sentimento: a saudade. Sendo a súa orixe galaico-portuguesa, fálanos da imposibilidade de mirar con confianza ao futuro, o medo a perder o que se tivo e a ansiedade prematura por unha perda que aínda non se produciu.

Detido (Ao pé da lomba) é unha instalación que propón unha reflexión sobre ese sentimento de presión, de fricción coa natureza. Onde a percepción de todos os seus compoñentes é sinestésica. Como se dunha ordenación da entropía se trátase, o artista crea un pequeno monumento que garda a esencia do caos, do abandono e da enerxía malgastada da paisaxe galega. Desde un sentimento case romántico, o tempo parece detido ou latente nun pequeno xardín, un pequeno xardín que esconde o máis salvaxe e o máis natural da paisaxe e da esencia humana. Desde o afundimento do Prestige ou desde o incendio das fragas do Eume, o noso sentimento de compromiso coa paisaxe fainos pensar nesa memoria que se perdeu e na incerteza da bagaxe humana. A paisaxe recórdanos o sentimento de tristura de non poder volver ao noso pasado natural, ao noso ancoramento no presente e ao noso medo ao futuro incerto que está por vir. Galicia segue a ser a fin do mundo para os galegos e as galegas.

Texto: Candela Rajal Alonso