FAC Peregrina Furancho de Arte Contemporánea presenta unha nova montaxe expositiva da súa primeira temporada na modalidade FAC Convidadxs, denominación baixo a que este novo espazo independente na contorna de Santiago de Compostela promove proxectos de colaboración con outros artistas e axentes involucrados no ámbito da creación contemporánea.
Titulada Cómo medir un planeta, o proxecto está comisariado polo colectivo Baleiro (Daniel López Abel e Víctor E. Pérez), e formula unha reflexión sobre as condicións obxectivas nas que o ser humano habita o mundo a través do traballo de tres artistas que empregan o acto de medir como estratexia creativa. Eles son Joan Morera, Eduardo Outeiro e Miguel Prado, creadores emerxentes galegos que, servíndose da escultura, o son, o vídeo e a instalación, presentan os seus últimos traballos, algúns deles especifcamente producidos para esta mostra.
Deste xeito, Joan Morera (Vigo, 1984), afonda na súa investigación sobre a codifcación ideolóxica da memoria e do territorio mediante a manipulación de documentos públicos e privados. O seu traballo fai unha relectura das dimensións monumentais dos fitos históricos desde estratexias domésticas e artesanais, prestando gran atención aos detalles: as súas pezas adoitan ser resultado de longos procesos de produción.
Pola súa banda, Eduardo Outeiro (A Coruña, 1981), presenta un proxecto específco que enfronta os sistemas de medidas tradicionais coa problemática da modernización e a tecnoloxía. Desde a posición do restaurador ou do conservador, Outeiro reflexiona sobre os problemas asociados á globalización e á uniformización dos imaxinarios locais.
Por último, Miguel Prado (A Coruña, 1985), explora as analoxías existentes entre os procesos xeolóxicos e os procesos mentais. A súa proposta concibe a confguración do medio físico como unha suma de erros, accidentes ou traumas que se reflicten na subxectividade humana, establecendo así un diálogo entre o orgánico e o inorgánico, entre a vida e a morte.
Con motivo da inauguración da exposición terá lugar unha mesa redonda que contará coa presencia dos tres artistas e os dous curadores. Nela debaterase sobre a capacidade da arte contemporánea de mellorar o noso coñ̃ecemento do medio ambiente, así como dos fenómenos asociados á súa degradación física, produtiva e cultural.
Baleiro. Texto de presentación sobre a mostra Cómo medir un planeta.
A tecnoloxía empregada por unha sociedade reficte o xeito en que esta observa, interpreta e intervén o medio ambiente. Por este motivo, un amplo repertorio de medidas tradicionais perdurou en Galicia fronte á progresiva implantación do sistema métrico decimal desde os anos da Ilustración. Mais o proceso de adaptación non foi inocuo: a conversión técnica levou aparellada a substitución dos vellos métodos fragmentarios e locais por un novo ideario científco, global, baseado nos principios de igualdade e xustiza das revolucións liberais. Estes esforzos, aplicados principalmente nos ámbitos educativo e industrial, infuíron decisivamente nas connotacións que termos como progreso, desenvolvemento ou benestar adquiren cando son aplicados ao país.
O convite que recebemos por parte do equipo do FAC Peregrina para desenvolver un proxecto curatorial que atendera ao contexto rural onde se atopa este espazo resultounos especialmente atractivo. Mais non debemos esquecer que ao traballar desde esta premisa, o medio non pode ser comprendido soamente como algo físico (ou obxectivo) nin soamente mental (ou subxectivo), senón como traxectoria. Esta exposición quere poñer en práctiva a capacidade da arte para transitar entre estes dous polos, pois estamos seguros de que no fondo, o que verdadeiramente importa cando un se move é saber orientarse mais que coñecer a distancia que queda por percorrer. Imaxinarnos, por un momento, herdeiros de Ptolomeo, quen se propuxo realizar un mapa do mundo e os seus cálculos evidenciaron que o fnalmente debullado, de Cabo Verde á China, correspondíase con un cuarto da superfcie total do planeta: el foi consciente de que o seu mapa tan só refectía a ecúmene, o conxunto de mundo coñecido por unha cultura determinada. Se a cultura métrica defne a nosa percepción do planeta no que vivimos, que outras rexións da terra e do ceo estarán aínda por descubrir?
Baleiro é un equipo de traballo formado polos historiadores da arte Daniel López Abel (Lugo, 1979) e Víctor E. Pérez (A Coruña, 1981). O colectivo desenvolve a súa actividade no espazo de mesmo nome, unha ofcina adscrita á Universidade de Santiago de Compostela pero de xestión independiente que serve de lugar de encontro, refexión e produción de proxectos relacionados coa arte contemporánea. O seu traballo investiga as relacións entre arte, política e sociedade, e plásmase en textos, seminarios e exposicións. Son os redactores do informe do Consello da Cultura Galega Arte+Espazo Público (2011), editaron os libros Camiños de desexo (2011) e Canales alternativos de creación. Una aproximación crítica (2012), así como diversas colaboracións en revistas culturais galegas. Teñen comisariado exposicións como Ponlle nome. Unha proposta de participación crítica (Igrexa Da Universidade; Santiago de Compostela, 2008), Desastres estruturados e-2x (Coro da Igrexa da Universidade; Santiago de Compostela, 2006) ou Proxecto Procesos 1 (Centro Galego de Arte Contemporánea; Santiago de Compostela, 2004). Tamén participaron en diversos proxectos de educación e divulgación artística en colaboración co Consello da Cultura Galega, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da Universidade de Santiago de Compostela.
Joan Morera (Vigo, 1984) é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo e posgraduado en Fotoperiodismo e Fotografía Documental pola Universidad de Sevilla. Doutourando en período de tese co proxecto de investigación Construción simbólica da paisaxe galega contemporánea. O sentido do lugar a través de rexistros visuais, o seu traballo xira en torno á noción contemporánea de paisaxe e territorio mediante aproximacións socio-económicas, de uso e emocionais. Cabe salientar a selección da súa obra no Certamen Novos Valores da Deputación de Pontevedra en 2010; no Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas nas edicicóns de 2009 e 2011, acadando na primeira o Premio do Público pola súa obra fotográfca Vigo-Dakar; así mesmo, foi 2o Premio no II Certamen de Fotografía: Lucha contra la Pobreza y Exclusión Social da Fundación Galicia Europa (Santiago de Compostela, 2010). Participou en exposicións colectivas como IMAN (Braga, 2010) ou 25 Rendez- vous des Jeunes Plasticiens (Toulon, Francia; 2008). Como integrante do colectivo LIBA (Laboratorio de Investigación en Belas Artes) ten participado nos proxectos Beliba (Fundación Serralves; Porto, 2010), Star System (Sala Alterarte; Ourense, 2010), Piensa, desea, parpadea (Centro de Arte y Creación Industrial Laboral; Gijón, 2010) Estatrexias urbanas deslocalizadas (Casa da Cultura Galega; Vigo, 2009) e Perfo(re)searches (Fundación Serralves; Porto, 2009).
Eduardo Outeiro (A Coruña, 1981) é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Tras desfrutar de bolsas formativas en Iasi (Rumanía) e Guadalajara (México), e unha vez de volta en Galicia, desenvolve unha investigación doutoral centrada na pintura e a fotografía. Na actualidade o seu traballo traspasa as fronteiras do bidimensional para refectir un interese pola escultura e a instalación, sempre desde unha postura experiencial e de gran profundidade técnica. Ten exposto en exposicións colectivas como Cartografía do presente. Colección de arte contemporánea da Fundación Laxeiro (Fundación Laxeiro; Vigo, 2011), Watts (Sala X; Pontevedra, 2010), Facer e deixar facer ( Fundación Laxeiro; Vigo, 2008) e Desastres estruturados e-2x (Coro da Igrexa da Universidade; Santiago de Compostela, 2006). Entre as súas exposicións individuais é necesario salientar Cabanas para pensar (Fundación Luis Seoane; A Coruña, 2011/ Fundación José Guerrero; Granada, 2011) un proxecto de gran envergadura comisariado por Alberto Ruiz de Samaniego e Alfredo Olmedo que o levou a viaxar durante semanas polo norte de Europa para fotografar e documentar as cabanas onde traballaron algúns dos pensadores e artistas máis importantes da modernidade.
Miguel Prado ( A Coruña, 1985) é un artista que traballa habitualmente coa improvisación, o son, o silencio e a performance. Trata de cuestionar a noción de espectáculo, de autoría e subxectividade, a produción artística e as expectativas creadas alrededor desta. Actualmente coordina os selos discográficos Taumaturgia e Heresy, realiza o comisariado de diversos programas de música experimental e performance mediante a asociación Fase e a produtora Sinsal. O seu traballo ten estado presente en centros como Arteleku (Gipuzkoa), Fundación Luis Seoane (A Coruña), Festsaal Kreuzberg (Berlín), CGAI (A Coruña), CGAC (Santiago de Compostela), Centre d’Art Contemporain de Bretigny, (S8) Mostra de Cinema Periférico (A Coruña) ou Matadero Ekintzak (Azkoitia). Ten colaborado con numerosos artistas internacionais como Seijiro Murayama, Mattin, Ryu Hankil, Stephen O Ḿ alley, Rinji Fukuoka ou Michel Henritzi, nunha fervente actividade que tamén abarca instalacións sonoras, composición de música para cinema, danza e escrita, así como diversas participacións en conferencias, cursos e seminarios.
Fonte: FAC Peregrina / Baleiro