Baixo o lema Cando a paisaxe comeza de novo, Marcela Santorum constrúe argumentos sobre a constante renovación da realidade. O cambio, como máximo síntoma da vida, é neste universo un motivo para alimentar a intuición. Todo está de viaxe cara a algunha parte, semellan dicir as 16 pezas que compoñen a serie. A autora non perdeu interese polo ser humano que segue sendo o protagonista da observación aínda que suma á súa presencia a interpretación da paisaxe que sen subordinarse comparte os mesmos niveis de saturación cromática. Nesta nova proposta, figura e natureza establecen unha relación máis xenerosa, menos solemne e especialmente efémera.
Fonte: Galería Clérigos