Atalaia

Alfredo Souto. Vista dunha rúa na vila de Estribela, Marín (Pontevedra). 1900. 45x29,5cm. Col. Novacaixagalicia
> Da fantasía á realidade. Pintura galega de 1833 a 1936
Datas: 12/09/2012 - 25/11/2012

Descrición

Da fantasía á realidade. Pintura de 1833 a 1936, é un achegamento á pintura do século XIX da man de autores coma Villaamil, Ovidio Murguía, Llorens, Alfredo Souto, Sotomayor ou Julia Minguillón. As coleccións de Novacaixagalicia e Novagalicia Banco ofrecen estas obras ao público, unha coidada escolma pertencente ao apartado máis antigo do fondo, que se centra nun rico período artístico en Galicia, o que vai de 1833 a 1936, do principio da configuración da nova sociedade liberal ao estalido da Guerra Civil. Importantes pinceis da nosa plástica que sentaron as bases dun xeito de concibir as nosas paisaxes, xentes e estampas do cotián, recóllense na presente mostra, estruturada en tres partes diferenciadas: terra, xente e vida.

Obras que recollen en clave galaica un proceso de evolución cara a un novo encontro co real, seguindo roteiros que van desde os primeiros realismos ás diferentes vías rexionalistas. Do romanticismo ao realismo, da fantasía á realidade.

As coleccións Novacaixagalicia e Novagalicia Banco teñen por obxecto apoiar e difundir o labor dos artistas galegos, dando a coñecer a riqueza cultural e plástica do noso país. Na actualidade significan un referente para a arte galega, posúen un fondo de máis de 6.000 pezas entre escultura, pintura, gravado e fotografía, onde podemos atopar obras de Castelao, Seoane, Maruja Mallo ou Laxeiro, xunto con novas promesas que se erguen decididamente no panorama artístico galego contemporáneo.

Fonte: Obra Social Novacaixagalicia